
Ben. Semella que o populismo de Abel Caballero, inzado de chauvinismo vigués, xa convenceu a ao ministro Puente e ao Presidente da Xunta, Rueda. Caiga quen caiga, haberá AVE radial por Cerdedo e a xente afectada pola enfermidade da presa, gañará a inmensidade de media hora nas súas viaxes ao cortijo da Sra. Ayuso para tomar as cañas.
Dende hai 20 anos que a UGT tivo a mala idea de propoñer o tendido da Alta Velocidade pola Terra de Montes, distintas entidades manifestaron a súa rotunda oposición ao AVE por estas terras, sustentada en razóns de peso:
* ser económicamente ruinoso: o AVE por Cerdedo non sería rendible; só as liñas Madrid-Barcelona e Madrid Sevilla non son deficitarias, mentres que Vigo/Pontevedra e contorna non chegarían nin de lonxe á demanda desas cidadas moito máis poboadas.
* o gasto xa realizado no conxunto do AVE (máis de 56.000 millóns de € ata o ano 2020) é desmedido para unha intensidade de uso que é das menores do mundo. No tocante a Cerdedo, as actividades agrogandeiras (o pouco que queda de vitalidade económica na zona) e de turismo rural, ficarían moi afectadas.
* é medioambientalmente destrutivo, pois a paisaxe, as fontes e a cualidade das augas do Lérez e servidumes, ficarían danadas sen remedio. Ademáis, a pegada de CO2 das obras de construción do tramo O Irixo-Barro (que durarían 6 anos de contínuas molestias á veciñanza), sería moi elevada.
* é socialmente elitista, pois favorece a capas sociais urbanas acomodadas, fronte a unha poboación rural xa en devalo. E tampouco as capas urbanas menos favorecidas saen gañando, porque o modelo do AVE se solapa ao tren de cercanías ausente na Galiza, discriminada polo Estado, que só fixo un investimento de 3.600 millóns de € ate o devandito ano 2020.
* é territorialmente fragmentario (unha verdadeira navallada, no tendido que non vai baixo terra) e xa está demostrado que non contribúe á coesión territorial.
Compre dicilo alto e claro, para que cada quen asuma as súas responsabilidades: aquel@s que hoxe reivindican a construción íntegra do AVE (variante por Cerdedo, incluída), non teñen lexitimidade nin moral nin política para falar da marxinación do rural, da segmentación territorial, da perda de solo agrario ou da desfeita paisaxística, entre outras cousas.
Semella que o PP e o PSOE, xa promoven a desfeita. E o BNG? e ANOVA?, e o movemento ecoloxista e os colectivos en defensa da terra?. QUEN DEFENDERÁ Á VECIÑANZA DE CERDEDO?
