Ana Hermida
Non, non estou tola, esta “exclusiva” foi dada na Televisión de Galicia en novembro do 2025, si,na televisión de todas as galegas. Todas as persoas que tivemos a sorte de coñecer en maior ou menor grao a Xosé Neira Vilas, estariamos dando chimpos de alegría con esa decisión da Real Academia Galega de que lle dedicasen o Día das Letras Galegas a el no 2026.
A noticia deuna a Tvg, presupónselle veracidade á exclusiva por ser nun medio oficial, e como ninguén saíu a desmentila, pois debera ser certa, verdade? Pero, e aí ven o expediente X… resulta que a Real Academia Galega en xuño do 2025 acordou dedicar o Día das Letras Galegas á escritora e feminista Begoña Caamaño, a boa noticia foi dada en todos os medios de información, incluída a televisión autonómica.
Que puido pasar, estaredes a preguntarvos? Como pode a Tvg dar unha noticia en xuño e en novembro, nese mesmo medio, desmentila? Mudarían as académicas da Rag de opinión? sería a primeira vez, eu non lembro caso semellante. Pero se o di a Tvg e ninguén o desmente, será verdade? Raro, nonsi? O certo é que na Tvg ninguén o desmentiu, a Rag tampouco o fixo, de feito non vin a ningunha institución relacionada coa cultura galega saír a desmentir esa noticia, tampouco os medios de comunicación dixeron nada ao respecto, co cal o lóxico sería pensar que efectivamente a Rag dedicaría a Neira Vilas e non a Begoña Caamaño o Día das Letras Galegas este 2026.
A noticia foi dada nun programa da Tvg por unha persoa relacionada coa cultura, enchíaselle o peito cando o dixo, presumía de dar semellante exclusiva, de feito nese programa había tamén xente tan erudita como a persoa que expulsou tal cousa pola súa boca, e resulta que ninguén dixo nada, polo que cabería deducir que efectivamente estaba no certo.
Eu cando o escoitei, entraba nunha habitación na miña casa e… non daba creto, como se pode ser tan absolutamente ignorante? Que clase de personaxes enchen a grella da nosa Tvg que pagamos cos nosos impostos? Non lles pedimos unha cultura superlativa, pero se se poñen ante unha cámara o menos que se lles esixe é un mínimo de información e respecto ao noso. Nese programa ninguén rectificou, cun sorriso estúpido aplaudían coas orellas tamaña barbaridade e ignorancia supina, co cal quedou demostrado que non só o que a persoa que soltou semellante burrada polo burato que ten baixo o seu nariz é unha inculta, senón todas as que estaban alí o son. É moi vergoñento o persoal que enche a grella da Tvg, pagados cos nosos cartos, si, pagamos a xente ignorante para que dea noticias falsas.
Agardei á semana seguinte… ninguén dixo nada, logo mirei xornais, ningún se fixo eco de tamaña estupidez, nin Rag, nin CCG, nin a Tvg… ninguén dixo nada. Polo que agora vou aclarar a estupidez, ignorancia, falsidade, etc. dos personaxes que deambulan polos nosos organismos, como a Tvg, e que cobran por incultos e falsos.
Imos poñernos en contexto, o programa onde se dixo esa mentira supina que demostra a ignorancia de todas as persoas que o conforman e que desfai o noso idioma e a nosa cultura é “A liga dos cantantes extra-ordinarios”, si, porque moi ordinario hai que ser para dicir semellante barbaridade. O programa é unha producción de El Progreso para Tvg, con idea orixinal de Centroña (idea? será para botar ao lixo), o produtor executivo de semellante idea nefasta é Paco Lodeiro, o xurado era Iago Pico, Carolina Rubirosa, Antón Reixa (quen o viu e quen o ve!) e o que soltou a “perliña” foi Roi Casal, que dixo “…este ano lles deran o Ano das Letras Galegas ás Cantareiras, ben merecido, o ano que vén Galicia vaillo dar a Neira Vilas”, Ano das Letras Galegas ¿? Señor! se se perden barcos, como non se van perder cabezas! ademais presumía da súa amizade con Neira e de sabelo todo… pois para saber todo, resulta que nada sabe.
Esquecía dicir que este esperpento de programa estaba e está presentado por María Mera e César Romero, este último é tamén director musical e de escena… cun agravante inmenso, a Romero o Concello de Arteixo fíxolle unha homenaxe a el e a súa familia dedicándolle unha placa no auditorio do concello, a “butaca César Romero”, como recoñecemento público á súa dedicación e colaboración coa cultura¿? polo visto cantar na orquestra Cinema é facer cultura, pois demostrado queda a nula cultura que ten.
O de Antón Reixa coa cultura debe ser como o valor na mili, que tamén se lles supoñía aos soldados. E o de Roi Casal é de traca, pois si que te luciches rapaz! Non presumas dunha amizade dun tempiño en que o coñeciches, amizade é outra cousa, Neira tiña amizades que o trataron durante anos e non van por aí dicindo sandeces como fas ti.
Aí tedes a proba, picade na ligazón e ide ao minuto indicado (non miredes máis, sangran ollos e oídos)
TVG – A liga dos cantantes extraordinarios (08-11-2025)
https://www.agalega.gal/videos/292731-a-liga-das-familias-extraordinarias (minuto 00:31:36)
Aquí toda esta xente é culpable de ser ignorantes vocacionais, non por non ter acceso á información, que poden, deben e non o fan, senón porque o único que fan estes personaxes e programas, e denigrar o noso idioma cantando en idiomas estranxeiros, de repudiar a nosa cultura porque negan as nosas músicas e profesionais que loitan para preservala, e que… repito, cobran por asasinar a nosa cultura aborregando ao personal con programas zafios e incultos.
O dito ninguén o desmentiu, polo que a ignorancia manifesta dos programas da Tvg e quen participa neles queda patente, é unha mágoa e un escándalo. Se tivesen un pouco de dignidade marcharían e meterían a cabeza debaixo dun arado. E se non o fan, o que debera facer o ente público Rtvg é unha limpeza a fondo e sacar tanta morralla da grella onde foi parar moito inútil e poñer a tanto bó profesional como teñen nas redaccións castigados, facían bo xornalismo, programas decentes, culturais, interesantes… pero o que estamos a ver agora é groseiro, machista, vulgar, zafio, alleo, e por riba temos que aturar xente inculta e todo o trasvase dos persoeiros-lixo que viñeron de Telecinco para a galega, non grazas, esiximos unha programación digna e culta, como a poboación galega.
