COUSAS DE SALVATERRA. Guerra de Restauración Portuguesa

Forte de Campos VueloUSAF1958_Fotograma10247_InstitutoGeográficoExércitoPortugués_Recorte
Xaque
Antón Lourenzo, veciño da Vila

Salvaterra 16 de xaneiro do 2026

Convén lembrar que o exército do rei español lograra establecerse mediante un poderoso forte, o chamado Forte de San Luís Gonzaga, a carón do río Miño, na feligresía portuguesa de S. Pedro da Torre, ficando na retagarda, o outro lado do río a fortaleza de Amorín, Tomiño.

Este feito deu lugar a que os portugueses establecerán un “cordón sanitario” entorno do mesmo, composto no S. polo Forte de São Jorge da Silva, polo S.O. o Forte de Campos, a Atalaia da Ribeirinha de Campos e o Forte da Chà de Campos, mentras que polo L. estaba o Forte de Belèm. Rodeaban todos o Forte de S. Luís Gonzaga nunha distancia de entre 2 e 2,5 quilómetros. No lado Norte do río construíase, seica o mesmo tempo, o forte de Amorín, que fornecía o exército galego.

Gobernaba o exército do rei español o Marqués de Viana, era o seu Mestre de Campo o Xeneral D. Baltasar de Rojas Pantoja, o Xeneral de cabalería D. Luís de Meneses, (a quen El rey de Castela fixo Marqués de Peñalva), o Xeneral de Artillería D. Francisco de Castro, o Tenente Xeneral da Cabalería D. Francisco de la Cueva, e Comisarios Xeraes D. Xoán de Taboada e Don Cristoval Zorrilla. A distancia entre o Forte de S. Luís Gonzaga e o de S. Jorge da Silva era tan pouca que pronto comenzaron a ser continuas as escaramuzas. A estratexia do Marqués de Viana era distraer e impedir que as tropas portuguesas pasaran a reforzar a fronte do Alentejo, por iso tratou de mantelas en estado de alarma constante.

No primeiro de Setembro ás catro da tarde, saíron os galegos do Forte de S. Luís con seis batallóns e seiscentos mosqueteiros e marcharon a ocupar unha posición nunha altura, deixando o noso cuartel a man dereita, e a esquerda Valença e o Fortín de Belén, (fortín terreiro que de novo se había fabricado). Os bateadores inimigos avanzaron para desaloxar uns centinelas que ocupaban o alto do monte, socorreunos a escuadra que lles daba apoio, entrabándose una escaramuza, que durou o tempo que durou en saír do noso cuartel a Cabalería e a Infantería á orde do Xeneral da Artillería Nuno da Cunha, o cal vendo que os inimigos reforzaban a escaramuza, ordenou o Capitán Carlos Passanha, que estaba de guarda, que con as Compañías do Tenente Xeneral Domingos da Ponte Galego e Comisario Xeral Iaques Tolón, ocupase un monte a carón de onde estaba a nosa centinela, e recoñecendo os inimigos que as nosas Compañías eran só tres, avanzaron coas doce deles e desaloxáronas.

Nuno da Cunha pretendeu recuperar o posto com xente que lle ficaba, porén o Conde de Castello-Melhor constándolle que o Marqués de Viana saía do seu cuartel con todo o exército, ordenou a Nuno da Cunha que retirase as Compañías ao abrigo da Infantería, que guarnecía uns valados. Entendeu Nuno da Cunha que gardar esta orden sería o mesmo que perder toda a xente que levaba, e con moita prudencia mandou ás tres Compañías que sustentasen o posto, onde estaban avanzadas, e soportasen as repetidas cargas da mosquetería inimiga, porque desocupando aquel lugar, ficaba toda a nosa xente exposta a maior perigo. Foi tan útil este ben fundada idea, que mellorou totalmente o noso partido, porque o Comisario Xeral Antonio de Almeida Carvalhaes e o Capitán Diogo Pereyra coléricos do dano que as nosas tres Compañías recibían dos mosqueteiros, avanzaron con as súas Compañías con tan boa fortuna, que os derrotaron e degolando moitos. Habendo durado tres horas o combate, retiráronse os galegos, deixando na Campaña cantidade de mortos, e prisioneiros dous Capitáns de Infantería e algún soldados, oito perderon a vida da nosa parte, ficaron trinta feridos, entre eles Luís de Sousa de Vasconcellos con una bala.

Na defensa do cuartel tivo gran parte Fernando de Sousa Coutinho, porque habendo chegado do Porto onde estaba levantando un Tercio, presentouse o conde o Conde Castello-Melhor quen de inmediato lie ordenou que gobernase o Tercio de Francisco Peres, que estaba doente, e con el ocupou un posto fora do cuartel, que o aseguraba e foi por moitas veces atacado da maior parte da Infantería inimiga, a que resistiu con gran valor e constancia.

Este suceso tivo de prexuízo facilitar a temeraria confianza do Conde de Castello-Melhor, a que non moderaba a prudencia de moitos anos os estímulos do valor inconsiderado, de que soubo valerse D. Balthesar Pantoja na ocasión que lle ofreceu a fortuna en dezasete de Setembro, porque habendo saído un comboi de Vila-Nova pola estrada que corría entre os dous cuarteis, mandou o Conde de Castello-Melhor saír a Cabalería a recibilo a Torre do Nogueira, que ficaba dos dous cuarteis en igual distancia. Observou D. Balthesar que esta resolución estaba escasa de medios, cousa que o Marques de Viana detectou e mandou a vangarda a neutralizar o convoi. Este movemento obrigou a o Conde de Castello-Melhor a saír do cuartel, asegurando o comboi, e podendo a Cabalería retirarse sen perigo.

Os Mestres de Campo Francisco Peres da Silva, que xa estaba convencido, e Diogo de Britto Coutinho formaron os seus Terzos, mesturándolles Compañías de Auxiliares, na aba dun monte, que os Galegos viñan ocupando. Domingos da Ponte, e os dous Comisarios Xerais formaron os batallóns, que constaban de trescentos cabalos, ao calor da Infantería, porén toda esta disposición foi tan confusa, e apresurada, que consistindo o perigo na xente ser tan pouca, aínda o desorden era maior. O Conde, o Xeneral de Artillería, e o Vizconde de Villa-Nova, querendo acudir con os Cabos a emendar a confusión dos Terzos, e Cabalería, xa non tiveron tempo máis que de pelexar valerosamente como soldados.

Non quixo D. Baltasar Pantoja dar tempo a que se remediase este desorden, que estaba observando, baixou do monte con a vangarda do exército, seguiu o Marqués de Viana con a segunda liña, e a reserva, constando este grupo de seis mil Infantes e oitocentos cabalos. Adiantouse o Xeneral da Cabalería con oito batallóns e algunhas mangas de mosqueteiros, a atacar o lado dereito da nosa xente, e o Tenente Xeral con o resto dos batallóns o lado esquerdo. Porén atoparon muito máis oposición do que eles imaxinaban, porque o Conde de Castello-Melhor, e os que lle asistían, determinaron suprir con o valor a desigualdade do poder, e inferioridade do sitio, e sustentárono a pesar de toda a resolución dos inimigos. Reforzou D. Baltasar o combate, e socorreu o Xeneral da Cabalería con mil Infantes, e cen cabalos, asistido de D. Pedro Lopes de Lemos Conde de Amarante, de D. Luís Peres de Viveros, irmán do Conde de Fuen-Saldanha, de outras persoas principais, e Oficiais reformados.

O Conde de Castello-Melhor, e o Xeneral da Artillería procuraron emendando a forma, facer maior a resistencia, poren na forza dos conflitos non acostuma a ser fácil este intento. E pelexando os inimigos con dobrada xente, e vantaxe do sitio, foron os nosos Terzos, e batallóns desbaratados e procurando os soldados salvarse no cuartel veciño, conseguírono por aguantar valerosamente a forza do combate na retagarda o Conde de Castell-Melhor, o Xeneral da Artillería, o Vizconde, a maior parte dos Oficiais da Cabalería e da Infantería, Luís de Sousa, Simão de Vasconcellos, Luís de Mello, Manoel da Cunha, D. Francisco Rolim, Mathias da Cunha e Manoel de Mello.

Dentro do cuartel detivéronse os soldados e guarnecéndoo, deron lugar a que os Cabos e Oficiais se recollesen, e viñeron pelexando ata entrar nel, desta operación resultou a defensa da Provincia do Douro-Minho, porque os galegos fixeron alto e non tiveron a resolución para atacar o cuartel, que de facelo ficaría la Provincia totalmente indefensa. Morreron no conflito os Capitáns de Auxiliares Manoel Teyxeyra, André de Abreu e cincuenta soldados. Ficaron feridos cento vinte, entre eles Manoel de Mello, que pelexou con insigne valor, sendo moi sentida a sua falta. Os prisioneiros foron douscentos cinconta…

Continuará.

(Fontes: Historia do Portugal restaurado. Luís de Meneses. Lisboa)