

O pasado 10 de maio Israel iniciou unha nova ofensiva militar sobre a franxa de Gaza, a cuarta nos últimos 13 anos, que finalizou tras 11 días de bombardeos con 254 palestinos mortos, incluídos 66 nenos, case 2.000 persoas feridas e numerosos edificios e infraestruturas danadas ou destruídas. No conflito tamén morreron 12 israelís, incluídos 2 rapaces.
Israel xustificou os ataques polo lanzamento de misís por parte de Hamas e a Yihad Islámica, mais obvia o acontecido nas semanas previas: o proceso de desafiuzamento de varias familias no barrio de Sheikh Jarrah en Xerusalén Este, que provocou protestas desde finais de abril e a conseguinte represión israelí; e a irrupción das forzas israelís, desde o venres 7 de maio, na Explanada das mesquitas, onde se atopa a mesquita de Al Aqsa, o terceiro lugar máis sagrado para o islam, provocando centenares de feridos e numerosos detidos ao longo da fin de semana.
E, por suposto, obvia 73 anos de opresión sobre o pobo palestino. As raíces da última escalada bélica non están no lanzamento de proxectís desde a franxa de Gaza, resposta ás provocacións de Israel nos territorios ocupados, senón en 1948 coa constitución do estado de Israel e na posterior ocupación militar e colonialismo israelí.
A comezos do século XX a comunidade xudía era tan só do 6% do total da poboación. En 1948 forzas sionistas destrúen 530 vilas palestinas e 750.000 palestinos son expulsados das súas terras no episodio coñecido como Nakba (Catástrofe). Israel faise co 78% da Palestina histórica e o 22% restante dividiuse entre a franxa de Gaza e Cisxordania.
Durante a guerra de 1967, Israel ocupa toda a Palestina histórica, incluído Xerusalén Este, e expulsa a máis de 300.000 palestinos das súas casas. Desde entón proseguen as expulsións e medran os asentamentos israelís construídos ilegalmente en terra palestina, nunha flagrante violación da Convención de Xenebra, e hoxe hai arredor de 700.000 colonos vivindo en cando menos 250 asentamentos ilegais a ollos da comunidade internacional en Cisxordania e Xerusalén Este.
No que hoxe é Israel, declarado Estado-nación xudeo en 2018, viven 1.8 millóns de palestinos (20% da poboación), que malia ter a cidadanía israelí son considerados cidadáns de segunda e discriminados en temas como educación, vivenda, participación política…
En Cisxordania, onde viven 2,7 millóns de palestinos, a Autoridade Palestina controla o 18% do territorio, mentres Israel o 60% e o restante 22% permanece baixo control conxunto palestino-israelí. Arredor do 10% da poboación xudía vive nos territorios palestinos ocupados, coa cidadanía israelí e subsidios do goberno.
Mentres a liberdade de movemento dos palestinos vese fortemente limitada polos postos de control, os israelís poden circular por boas estradas que conectan os asentamentos ilegais ás cidades dentro de Israel. 70.000 palestinos cruzan cada día os postos de control israelís para traballar en Israel debido á alta taxa de desemprego nos territorios palestinos, consecuencia da ocupación israelí.
Desde 2002, Israel construiu un muro de 700km, e até 8m de alto, por motivos de seguridade, que conlevou a confiscación de importantes partes de terra fértil palestina, a conversión de vilas palestinas en guetos e a dificultade para acceder aos servizos sociais, á escola e ás terras de labranza de milleiros de palestinos.
A franxa de Gaza, a prisión ao aire libre máis grande do mundo, do tamaño da península do Morrazo, é unha das áreas máis densamente poboadas do mundo e leva baixo bloqueo marítimo e aéreo israelí desde 2007, coincidindo coa chegada ao poder de Hamas. Desde 2008, as ofensivas israelís custaron a vida a 5.739 palestinos e a 251 israelís, e 121.438 palestinos feridos por 5.682 israelís. Case o 70% da poboación de Gaza son refuxiados, 1,4 millóns de persoas do total de 5,6 millóns de refuxiados.
Mais as ansias expansionistas de Israel non teñen acougo e o primeiro ministro Benjamin Netanyahu anunciou o ano pasado que está disposto a anexionar até un 30% de Cisxordania, incluído o val do Xordán, nunha actuación que contaba co beneplácito dos EEUU no marco do “Plan do século”, plan de paz proposto por Donald Trump sen contar cos palestinos.
Dacordo coas organizacións de dereitos humanos, Israel está “cometendo crimes contra a humanidade de apartheid e persecución” contra os palestinos. Mais mentres Israel prosegue coa súa política xenocida, a comunidade internacional mira cara outro lado e EEUU exerce de importante apoio no terreo e nas Nacións Unidas, onde nas últimas cinco décadas bloqueou cando menos 53 resolucións do Consello de Seguridade críticas con Israel.
Tras 11 días de asedio, nos que o pobo palestino amosou unha unidade nunca antes vista, acadouse unha fráxil tregua, que os palestinos celebraron como unha victoria, e é que malia a opresión, Israel non consegue derrotar a moral, a dignidade e a determinación deste pobo.
Mentres Israel, sen interese algún en acadar a paz, prosegue coa súa política de limpeza étnica, os seus grandes aliados (EEUU, Alemaña e o Reino Unido entre outros) alegaron o dereito de Israel á propia defensa. Mais onde fica o dereito dos palestinos a unha vida digna?