Ramallo quere privatizar a auga de Marín

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

Nunha recente entrevista no xornal A Nova Peneira a alcaldesa de Marín manifestaba que estaban facendo un gran estudo coa intención de privatizar o servizo da auga do concello. Nada novo, xa non 2012 fixeran un anuncio similar polos medios de comunicación anunciando as mesmas intencións privatizadoras para “mellorar o servizo” e para “modernizar” a xestión.

A escusa que pon hoxe é mellorar a eficiencia e que “o resto dos concellos da contorna tamén o fan”. Niso hai que darlle a razón, o resto dos concellos tamén o fan sexan da cor política que sexan, e tanto o o goberno actual de Marín como os anteriores foron privatizando servizos. Porén, estas privatizacións lonxe das melloras prometidas, que non fomos capaces de percibir, supuxeron un aumento dos recibos e da carga impositiva dos contribuíntes de Marín.

Esta proposta non trata de mellorar a eficiencia, nin de mellorar a calidade do servizo, trata de facer negocio, un negocio moi lucrativo cos cartos públicos. Actualmente un recurso básico, un dereito humano como é o acceso á auga potábel está na metade dos concellos do estado español controlado na súa mayoría por dúas grandes empresas multinacionais, AGBAR e FCC, constituíndo na práctica un oligopolio no subministro.

A estas alturas todos sabemos de que van as privatizacións, consisten en entregarlle un servizo público a unha gran empresa, moi ben relacionada, para que encha os petos a conta dos nosos impostos cunha concesión de 20 ou 30 anos que lles garante ingresos seguros. Subirán os recibos cando lles conveña e investiran o mínimo para maximizar beneficios, os traballadores terán problemas coas nóminas e cando non lles interese deixaran a concesión cunhas infraestruturas en pésimas condicións. Estámolo vendo, salvando as distancias, coa desastrosa xestión privada da piscina municipal de Marín.

Esta máis que demostrado que os servizos públicos xestionados directamente son máis eficiente e económicos que os privatizados. O Departamento de Economía Aplicada da Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Granada comparou a eficiencia da xestión entre 28 sociedades públicas en 24 ámbitos (municipais ou supramunicipais) con xestión privada concluíndo que as empresas públicas son máis eficientes que as privadas.

Noutras latitudes cidades como Grenoble ou París recuperaron a concesión despois de moitos anos de padecer a xestión privada. París, no ano 2008, constituíu unha empresa pública que acadou un aforro á cidade de 35 millóns de euros e unha redución das tarifas da auga dun 8%.

E que pensa a oposición municipal? Xa pasou un tempo prudencial desde a publicación desta entrevista e non fixeron ningún pronunciamento sobre as intencións privatizadoras da Sra. Ramallo. Están de acordo con privatizar o servizo da auga ou aínda non saben que o concello está facendo un estudo sobre o tema?

Confiemos, que como no 2012, esta nefasta iniciativa non vaia adiante e Marín manteña un servizo público xestionado publicamente e ao servizo dos veciños e veciñas de Marín.

Marín, 31 de xullo de 2024.