MILANA BONITA
Un 8 de marzo máis, as mulleres vímonos na obriga de saír á rúa e, incomprensiblemente, tamén de explicar porque sentimos a necesidade de facelo. Como se non fose obvio que aínda que levamos avanzado un treito no camiño cara á igualdade real, a meta segue moi lonxe de acadarse.
Son tantos os obstáculos que só nós portamos, que parece mentira que haxa quen non os vexa. Están por todas partes, desde o principio da carreira. As mulleres estudamos máis: superamos a porcentaxe deles en matrículas de universidade e tamén temos mellores expedientes, porén, eles teñen menores cifras de desemprego, de traballos parciais ou precarios, e ademais chegan en maior número a postos de responsabilidade. A balanza inclínase ao seu favor pola mochila que só nós levamos na viaxe. As estatísticas do Centro de Investigacións Sociolóxicas din que no oitenta por cento das parellas son as mulleres as que asumen o maior peso no coidado da descendencia. E a cifra aumenta se falamos de atender maiores ou familiares dependentes, co investimento en horas e as consecuencias para o estado físico e emocional que iso xera. Tamén empregamos nas tarefas do fogar aproximadamente dúas horas e media diarias máis ca eles. Cento cincuenta minutos cada día que non dedicamos ao traballo ou simplemente a recargar pilas co descanso.
E ascenden eles.
Nos consellos de administración das grandes empresas do IBEX 35, apenas dúas de cada dez persoas son mulleres, é dicir, só dúas de cada dez pertencen a esa metade da poboación que se matriculou máis, que estudou máis, que conseguiu mellores expedientes.
E cobran máis eles.
Escoitámolo cada ano: a partir do 5 de novembro as mulleres estamos traballando de balde. A fenda salarial fai que os varóns cobren case dúas mensualidades máis, así que a nosa independencia económica é menor. O máis duro é que a situación agrávase aínda máis ao falar de pensións: As deles son un 50 por cento máis altas cás nosas, así que estamos máis desamparadas e economicamente dependentes na época da vida de maior fraxilidade.
Tamén é menor a nosa liberdade para cambiar de emprego se sufrimos calquera tipo de mobbing. Nós, que somos as grandes vítimas do acoso, nomeadamente sexual, no posto de traballo.
Así que o peso vai sendo cada vez máis difícil de levar mentres eles avanzan sen nada no lombo. Pero iso non é todo. Ademais de ser as únicas que levamos mochila, tamén somos as únicas que corremos con centos de árbitros. Porque a eles non se lles xulga coma nós. Cando un proxenitor pasa moitas horas no emprego dise que se mata a traballar. Cando o fai unha muller, é unha mala nai, que non pasa o tempo dabondo coa súa descendencia. E así con todo. Ás veces dobramos do peso, queixámonos, e acúsasenos de ser unhas histéricas, unhas esaxeradas xeneticamente predispostas para o drama. E temos que aturar que un casposo cantante de rancheiras nos cuestione sobre o dereito que temos a queixarnos: nós, que non levamos burka! E logo están elas, as Cayetanas, as Ineses, mesmo as Candelas, que desde a súa tribuna privilexiada din que non as mesturemos co noso feminismo. Pois claro que non. A nosa loita é incompatible co coqueteo cunha ultradereita rancia e casposa que nega a violencia que nos mata, cun capital que explota as nosas irmás en fábricas asiáticas, ou con gobernos que abandonan nais en pateiras que traga o mar. Non, as vosas mochilas non son as nosas nin o noso feminismo encaixa no voso discurso, porque camiña cara á única igualdade posíbel: a que nos acubille a todas. Tamén a vós.