O virus infeccioso, da xenreira e da ignorancia, que o nacionalismo agresivo español infecta en segmentos tan amplos de persoas cara a outros seres humanos que non nos sentimos cómodos coa arquitectura do estado, está tan profundamente inserido na psique colectiva de boa parte da sociedade que pode facer que unha persoa te insulte á cara coa mesma naturalidade que se estivese describindo unha bucólica estampa pastoril, sen darse de conta do dano que pode provocar nin da enfermidade que padece. Nunha ocasión contextual na que as circunstancias me fixeron compartir espazo cun grupo de infectados, que non se decatan de que o están xa que son dos que pensan que ese problema só o poden ter outros, un deles, dirixíndose a min díxome:”Yo soy ciudadano del mundo, y no un racista como son todos los nacionalistas”. Acto seguido comezaron a emitir pola TV un partido da selección española de fútbol, seica era bastante importante, non o sei, nunca tiven interese nas competicións deportivas e a híperexcitación emocional que provocan nos afeccionados sempre me pareceu un evidente síntoma de alienación no sentido marxista do termo. O desenrolo do partido non deixou indiferente ao cidadán do mundo, pois vibrou, berrou, excitou o seu sistema nervioso en grado superlativo, e o cidadán do mundo rematou defecando simbolicamente nos cidadáns do país que representaba o equipo rival xa que , pérfidos eles, privaron á súa selección de superar non sei que rolda clasificatoria fundamental, en non sei que competición esencial. O sentimento de pertenza a un colectivo é inherente á especie humana, non existen cidadáns do mundo, iso é unha estupidez que alimentan todos os nacionalismos agresivos, para tratar de contrarrestar moralmente os sentimentos de liberación que puidesen crearlles tensións territoriais. Os lazos culturais, emocionais e de calquera tipo entre os colectivos humanos , son unha constante universal na historia da humanidade e así seguirá sendo ata que desaparezamos como especie. Sentirse dunha maneira, non é mellor nin peor ca sentirse de outra. Son os comportamentos cos nosos semellantes o que define a nosa valoración como seres humanos decentes, ou non, nunca os nosos sentimentos. O problema ven dado cando a articulación política dun territorio non fai sentir cómodos a todos os colectivos que o forman, e mentres o estado español non se converta na Hespaña, con H, que describía Castelao, as tensións territoriais non poderán desaparecer nunca ,porque como xa advertía Baltasar Gracián en 1640 :”En la monarquía española, donde las provincias son muchas, las naciones diferentes, las lenguas varias…..” en España hai varias nacións, porén a súa arquitectura non xorde dunha unión entre iguais, senón da superposición dunha nación sobre as demais. Pronto teremos elección no noso país, os camiños da vida fixeron que o cidadán do mundo se cruzara comigo esta mesma maña, e supoño que para provocarme , realmente dáme igual o motivo, me anunciou e xustificou o seu voto a Feijoo dicindo que el era de esquerdas pero que estaba moi preocupado pola posibilidade real de que os nacionalistas do BNG puidesen chegar a gobernar e entendía que tiña que votar o necesario para impedilo. Eu, Tino Lago, director de A Nova Peneira, vou votar ao BNG, porque tanto desde unha posición emocional e metafísica como desde unha perspectiva de análise empírica da realidade, entendo que as mulleres e home que vivimos en Galicia teremos máis posibilidades de ter unha vida digna se decidimos nós mesmos o noso camiño, e se gobernamos nós mesmos os nosos recursos. E agardo que desta volta, o Bloque, teña a opción de ser parte do goberno do meu pais, pois a experiencia di que cando ten a oportunidade de gobernar, como por exemplo en Pontevedra, Tomiño, Bueu, Allariz….a xestión é máis eficiente e humana que cando non a ten.
Artigos relacionados
Pontón: “Imos poñer en marcha o cambio galego cunha presidenta do BNG coas mans libres para defender Galiza”
04/03/2020
Redacción A Nova Peneira
Novas
Comentarios desactivados en Pontón: “Imos poñer en marcha o cambio galego cunha presidenta do BNG coas mans libres para defender Galiza”
“Nin absolutismo nin sucursalismo, merecemos algo tan simple e tan revolucionario como que Galiza sexa gobernada desde Galiza”, proclama […]
Galicia está moi preto do cambio político e ningún voto progresista pode quedar na casa o 5A
13/03/2020
Redacción A Nova Peneira
Novas
Comentarios desactivados en Galicia está moi preto do cambio político e ningún voto progresista pode quedar na casa o 5A
O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, presentou hoxe unha coalición “impresincidible para o país e que foi a peor nova para Feijóo” […]
Eleccións galegas o 5 de abril
Finalmente, despexouse a incógnita e o presidente Feijoo convocou anticipadamente as eleccións no noso país para o vindeiro 5 de abril, en coincidencia coas que se celebrarán en Euskadi […]