A mirada de Conchi

Feminismo
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

A medida que pasan os anos e os camiños da memoria comezan a ocupar máis espazo na alma cás ilusións polo futuro, tendo a lembrar as luces máis intensas e as sombras máis escuras dos distintos episodios da miña vida. Normalmente este tipo de situacións acontecen, igual que a calquera persoa, impulsadas polo mecanismo psicolóxico da asociación de ideas, que é un recurso da nosa imaxinación que leva á nosa mente ideas semellantes , ou que teñen algún tipo de relación, co que estamos a vivir nun momento concreto. E un episodio lamentable, que coñeciamos polos medios de comunicación nos primeiros días deste ano, trouxo á miña mente un feito vital persoal do que non estou especialmente orgulloso: a mirada de Conchi.

Cando tiña 19 anos entrei por primeira e última vez a un prostíbulo. Estaba de festa cun grupo de rapaces, todos rapaces, e non pretendo escusarme pero o certo é que estabamos todos bébedos e non lembro como nin porqué pero rematamos mergullándonos na sordidez crepuscular das escuras pedras centenarias do barrio vigués da Ferrería. Eu non quería subir á habitación ,pero non me atrevín a dicir que non e subín. Ela chamábase Conchi, tiña 37 anos e era de Braga. Tiña uns ollos moi bonitos de cor verde profunda e intensa como o océano, e unha mirada de tristura infinita, de cansazo inmenso, de noxo vital que rapidamente mudou a estupefacción cando se deu de conta de que eu non a ía violar e que ese breve espazo vital que iamos compartir non pasaría das fronteiras da conversa. Cando rematamos de falar e saín da súa habitación, tampouco me atrevín a dicirlle a verdade aos meus amigos e fabulei un tórrido encontro sexual, máis ou menos semellante aos que describían con todo tipo de detalles os mozos que naquel momento me acompañaban.

A mirada de Conchi acompañoume moitas veces nos camiños da vida en todos estes anos e creo que me axudou a comprender ,e a tratar de practicar, que o feminismo ,a plena igualdade entre os dous sexos que formamos a humanidade, é a única maneira de construírmos unha sociedade digna na que a vida de moitas mulleres non consista en seren violadas ducias de veces cada día, todos e cada un dos días.

A mirada de Conchi veu de novo estes días a miña alma cando imaxinei a mirada que podería ter unha muller das Baleares que no ano 2.019, nun momento de apuro económico, pediulle cartos prestados a un familiar, creo lembrar que ao seu cuñado. A devolución da débeda debería realizarse mediante a práctica de felacións que durante un tempo a prestameira executou no vehículo do prestamista a lo menos en cinco ocasións diferentes segundo a propia protagonista .A muller afirma que se sentiu moi intimidada polo prestamista e que foi acosada para que seguira practicando sexo como modo de pago da débeda contraída. O asunto rematou nos tribunais pois a vítima demandou ao seu familiar por un delito de coaccións e abusos sexuais. A audiencia de Palma considerou que o comportamento do prestamista , cobrar unha débeda obrigando á debedora a practicarlle felacións, non é delito e xa que logo absolveu ao suxeito denunciado. O recurso da vítima ante o TC non foi admitido a trámite e polo tanto entendo que a sentenza convértese en firme e sentará xurisprudencia para que os prestamistas futuros poidan dar a escoller ás prestameiras futuras unha ampla gama de opcións de devolución das débedas contraídas ; un ril, un ollo, converterse en escravas sexuais………

Cando coñecín esa asombrosa absolución lin moito sobre este episodio e existen opinións de todo tipo. Hainas que defenden a pertinencia da sentenza da audiencia de Palma co argumento de que está xuridicamente ben construída pois as felacións resultaban dun suposto pacto ao que a vítima accedeu libremente. Pero que tipo de persoa, pregúntome eu, pode sequera imaxinar que alguén consentiría voluntariamente, sen ser coaccionada, unha humillación semellante da súa dignidade persoal: pagar unha débeda practicando felacións ao prestamista¡¡¡??

Só aquela contaminada polo machismo estrutural dunha sociedade que non está ben construída porque non o está en igualdade. E a desigualdade só se pode combater tomando posición , sen ningún tipo de matiz, por quen procura a igualdade: o feminismo. Non hai máis, nin menos.