Vivan as Cadeas¡¡

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira

En 1.823 España puña fin ao Trienio Liberal e restablecía o absolutismo na persoa de Fernando VII grazas á axuda do exercito do duque de Angulema. En Sevilla tense constancia por vez primeira de terse escoitado o berro popular, que titula este artigo, e que fai apoloxía da situación de perda de dereitos e liberades que a restauración do rei felón Fernando VII supuña para os distintos pobos de España. Aquela defensa da imbecilidade, condensada nas tres palabras que dan título a este artigo, foi o primeiro que veu á miña mente cando nun semáforo calquera, de calquera vila galega un día calquera do mes que non é calquera, pois hai 90 abriles proclamábase a República en España, cruceime co mozo que, parado diante miña, conducía unha motocicleta de reparto facendo apoloxía da súa propia explotación.

Os modelos de negocio baseados en plataformas dixitais para adquirir produtos, que son servidos a domicilio, utilizan repartidores, para trasladar ditos pedidos, como se fosen autónomos que tiveran o seu propio negocio que poden xestionar con liberdade. Porén, un repartidor dunha desas plataformas non é un autónomo real pois o condutor recibe desde a plataforma, na que se integra, as ofertas dos servizos asignados pola empresa que mantén o control da actividade para a que determinou unhas regras determinadas. Por outra parte o repartidor vese na obriga de cumprir con parámetros marcados como os horarios, ou o tempo no que se deben de facer as entregas. En consecuencia, a suposta liberdade que tería o repartidor para decidir cando e como traballa, algo consubstancial á condición de autónomo, non é real. O borrador da chamada lei rider obrigará ás empresas a dar de alta aos repartidores como traballadores por conta allea nun prazo de tres meses. Cando se aprobe os repartidores pasarán a ter unha nómina mensual , regulada por convenio, vacacións pagadas e serán as empresas as que se fagan cargo da seguridade social do traballador que se verá aliviado de ter que pagala el mesmo.

Aparentemente calquera persoa afectada debería de estar moi satisfeita porque as súas condicións laborais melloren. Porén, a realidade parece contradicir á aparencia pois a imaxe que ilustra estas palabras así o evidencia.

Pero que pode provocar que alguén defenda, incluso de maneira visceral, unha situación que é prexudicial para si mesmo?. Por que ao longo da historia encontramos traballadores que se poñen en fronte dos compañeiros e compañeiras que arriscan a súa posición persoal para promover melloras laborais que afectarían tamén a quen se opón a elas?. Ao meu modo de ver hai catro hipóteses posibles para explicar o cartel que lucía o anónimo condutor que se cruzou no meu camiño:1) O medo.2) A alienación entendida en sentido marxista, como a relación de explotación propia do capitalismo.3)A incultura e ou a estupidez.4) A miseria moral que leva a algúns explotados a pórse do lado do explotador, na procura dalgunha migalla a maiores das que reciben o resto de explotados.

Esta última hipótese, que espero sexa a menos numerosa das catro, non ten solución. Pola contra as outras tres si a teñen. É unha solución dupla: Chámase educación pública, laica , gratuíta e universal nos anos da nosa infancia e adolescencia, e chámase sindicalismo de clase nos anos da nosa vida adulta.