Non lembrar, non querer aprender

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Estamos condenados a repetirnos. Non damos aprendido da historia e da experiencia que deixa como ronsel ecos de aprendizaxes moi de ter en conta. E entón sucede o que estamos vendo, aínda sen crer que puideramos ter chegado aquí. Eu coidaba non ter que ver marchar á xente nova á emigración, coidaba que coa preparación acadada habería traballo e postos de labor para todas e todos. Coidaba, na miña parva e incauta condición, que seriamos quen de dar o mesmo trato que tantas veces nos deron a nós, ou aos nosos, cando fomos traballar lonxe, buscando ese mesmo pan ou algo da xustiza que aquí non había, que saberiamos acoller aos que chegaban famentos do mesmo pan ou da mesma xustiza. A culpa de non aprender da historia é que se repite todo, que volvemos sobre os erros cometidos, que non sabemos nin saberemos cantas veces aquilo que pasou xa no pasado, e non lembrado, volverá saber. Que tropezaremos novamente nas mesmas crédulas pedras do camiño e iso impídenos avanzar sequera na cordura. Que si, que xa chegamos aquí, a onde os que teñen o poder abusan del e fan calquera cousa con tal de garantirse o beneficio, son tempos de tolos e de toleadas, de perturbar a orde mundial, internacional e social de todo o planeta. Non teñen cerebro nin sentimentos, tampouco memoria -non lles interesa- e dan pasos ambiguos de falsidades e neutralidades espesas porque se lles permite e son votados, neste caso por sete millóns de parvos que, coido, máis parvos cá min.

Tamén é culpa dos que estivemos dando por bos, feitos de pouca ou escasa definición, momentos de dúbida, de non querer comprometerse, de non facer, de ausentarse, de privarse de dicir, de calar habilmente, de non facer senón disimular, de medio-mentir, de irse por eufonías e frases lapidarias, de crear preguntas e novas dúbidas, de non esclarecer nin positivar, de non definirse, de agacharse detrás da ramalleira cando tiramos a pedra, de arroupar ao verdugo, de silenciar á vítima. Mellor dito, para non caer en medias palabras e sinxelezas: de non arroupar á persoa a executar diante da perversa e sibilina xenreira do executor. Cando deberamos petar na mesa e facernos oír en desacordo cos abusos, interrompendo aos agresores, aos executores que case sempre gozan de impunidade e axudas. Debemos chantarnos dunha vez! Si, estivemos calados e esquecendo, que é o modo de curarnos na pasividade. Mirando a outro lado. E son precisamente esas pequenas cousas que todos sabemos, as de todos os días, disimulando esas que quedan penduradas do silencio cómplice, as que -precisamente- nos van deteriorando e, chegado o momento, derrotando ata facernos sometidos.

Hai no mundo -diante dos ollos- unha guerra latente entre democracias e totalitarismos, e nós tan tranquilos vemos as imaxes e emitimos os nosos xuízos. Non caemos na conta de que nos xogamos non só aquel pan do que antes falaba, senón tamén a xustiza. Esa que non arroupa en caso de abuso, imperfecta si, pero con posibilidade de corrección. Que, por certo, moita corrección precisa para que non haxa tanta xente con problemas para poder vivir, mentres outros acumulan o que nunca poderían gastar nin malgastar. Non tería sequera tempo de contalo!. Está ben non ser alarmistas pero é que xa está sendo esa guerra absoluta levada adiante por xente de dubidosa credibilidade intelectiva. Todo se repite anque en distintas realidades e circunstancias, rostros distintos e medios ambientais distintos, pero recoñecibles. Os feitos son os mesmos, o poder corrompido toma a palabra. Hoxe é moi rendible afogar ao inimigo, bloquear a súa economía, perseguir e confiscar os seus bens, apropiarse de canto teñan, dinamitar os seus ben, os seus modos de vida. Os ollos do mundo miran para onde lles indican os medios de comunicación, interesa así porque están manexados por fíos invisibles e obedecen baixo a ameaza corrupta dos que os moven. Fíos moi finos pero suficientes para trocar vontades e controlar votacións, decisións do máis alto nivel. Os resultados xuntan aos mesmos señores da guerra cos cómplices por conveniencia.

Estamos á vontade dos caprichos de “nenos ben” moi mal criados e de países submisos que se cren superlativos, deuses dun tempo novo. Van progresivamente causando o mal, ninguén sabe o próximo obxectivo, de entre os moitos que lles apetecen. Todos somos inimigos mentres non baixemos as orellas. Ataques e ciber-ataques, campañas de información que confunden, drons cargados de malicia, mísiles  precisos, explosivos da última xeración, …e vendo como menten e xustifican mortes de tanta xente inocente.

Onde estaba Franco, Hitler e Musolini e outros moitos que fixeron uso da forza e non da razón nin o dereito, agora están todos estes. Eses que rin de “tododiós” e que denigran a condición humana, estes que avergoñan a intelixencia. Os mesmos feitos de todos aqueles “iluminados” que quixeron amañar o mundo a base de medo, terror, ameazas, fame e morte. Agora son estes descerebrados da ollada perdida en odios e xenreiras, en bloqueos, en obxectivos doados que esmaguen pobos e nacións, invadindo estados daqueles que teñan aqueles bens e resulten para eles tan necesarios. Sería bo non esquecer e aprender do pasado.

Primer comentario

Deixa a túa opinión