Debate sobre o estado da nación galega: moito máis que mala propaganda

Carme santos
Carme Santos

Debate sobre o estado da nación galega: moito máis que mala propaganda

Hai algo especialmente grave no último debate sobre o estado da nación protagonizado por Alfonso Rueda: non foi só propaganda. Foi a construción consciente dun relato que culpabiliza á cidadanía mentres oculta deliberadamente a realidade.

Porque, das poucas cousas que me chegaron do seu relatorio e que captaron o meu interese, houbo algo que me deixou impactada: un dos eixos do discurso foi que en Galicia hai demasiadas baixas médicas, especialmente por ansiedade e problemas musculoesqueléticos.

E iso, ademais de falso, é profundamente indecente.

As baixas non son o problema. O problema é quen paga a saúde

Se hai máis baixas por saúde mental é porque, por fin, hai máis conciencia. Porque a xente xa non aguanta en silencio. Porque vivir así pasa factura. Porque a tensión da precariedade e do abuso laboral xa é algo que a moita xente non só lle resulta insoportable, senón que directamente a enferma —e antes non había conciencia disto.

O discurso oficial omite, de xeito totalmente intencionado, que a saúde mental en Galicia págase maioritariamente do peto das persoas. E isto, no mellor dos casos, porque a maioría segue sen poder pagala: ten que pagar vivenda, combustibles, electricidade e comida, e o soldo non dá para máis.

Psicólogos privados con tarifas elevadas, para quen sobrevive con gastos fixos altos e salarios baixos. Listas de espera no público que non responden ás necesidades reais. Un sistema ao que lle segue saíndo máis barato medicalizar que tratar.

Ansiolíticos e antidepresivos como solución estrutural.

E logo pregúntanse polas baixas. Eu, no seu lugar, estaría preguntándome con gran preocupación que se está a facer mal en Galicia para ter un dos ratios máis altos de baixas do Estado, e en que condicións está a nosa cidadanía; non afirmaría directamente que somos uns caraduras e que as baixas son fraudulentas.

A gran mentira das doenzas «menores»

O mesmo ocorre coas afeccións musculoesqueléticas.

Se fosen doenzas imaxinarias, alguén debería explicar por que en Galicia milleiros de persoas gastamos cantidades inxentes de diñeiro en fisioterapia, osteopatía e tratamentos afíns. Case non coñezo a ninguén en idade activa que non se pague algún tratamento deste tipo, e por suposto do seu peto. Igual é outro vicio dunha poboación que vive no clima máis adverso do Estado para este tipo de patoloxías. Igual é que o señor Rueda tampouco está ao tanto.

Igual tampouco sabe que os profesionais do sector privado teñen as axendas completamente saturadas.

Igual tampouco sabe que as consultas de traumatoloxía do Sergas acumulan listas de espera inhumanas: podes levar literalmente anos agardando a que te atendan ou operen, e rematas o dereito á baixa sen estar recuperado.

Todas sabemos —menos o señor Rueda— cal é a resposta: o sistema público non está chegando.

E cando o sistema non chega, a xente paga.

E cando non pode pagar, aguanta.

E cando non pode aguantar, cae.

Pero o problema, ao parecer, son as baixas. E que a xente as inventa. Non que a xente está mal e non pode soportar o que antes se soportaba de xeito indigno.

Atención primaria: vender o que xa está roto

Falar de límites de 30 pacientes por médico nun contexto de colapso é, directamente, unha tomadura de pelo disfrazada de reforma.

En cidades como Vigo, conseguir cita en atención primaria xa é unha carreira de obstáculos. As axendas están pechadas durante semanas, os profesionais están saturados e os tempos de espera son disparatados.

Dicir que isto vai mellorar a atención é simplemente falso.

Non hai máis médicos. Non hai máis recursos. Non hai un cambio estrutural. Hai palabras.

Vivenda: cando nin a protexida é accesible

No ámbito da vivenda, o discurso foi igual de desolador.

A Xunta presume de que vai construír, despois de anos e anos de espera, milleiros de vivendas —que non dan nin para empezar a cubrir a demanda real— e de ampliar o acceso elevando os límites vinculados ao IPREM. Levan catro anos prometendo sen construír nada.

En realidade, desde 2008 o pouco que se construíu foi anecdótico. E lembrémonos de que levan desde o 2009 gobernando con maioría absoluta.

Pero, á parte de tomarnos o pelo, esa medida de subir o limiar do IPREM para as parellas cun fillo e «ampliar» o acceso á vivenda protexida non é unha medida social: é a constatación de que, cos prezos actuais, nin as rendas medias da clase traballadora poderemos pagar a vivenda protexida, porque non nos chega o que gañamos.

E non só exclúe á mocidade: volve deixar atrás a toda unha xeración —especialmente a partir dos 40— xa golpeada pola crise anterior. Nin a quen se separou da súa parella ou quedou só sen vivenda. Da situación das mulleres con problemas de saúde, discapacidades ou persoas con fillos, mellor nin falar.

Porque esa é a realidade: non chegamos.

Non chega quen leva décadas traballando.

Non chega quen viviu de alugueiro sen capacidade de aforro.

Non chega quen está só.

Pero disto, o señor Rueda e os seus conselleiros tampouco están ao tanto, porque viven no olimpo dos privilexiados.

E mentres tanto, volven coas escusas e bótannos a culpa: insístese en que o problema é que non aforramos o suficiente porque non queremos facer esforzos como fixo a xente maior. Pero omítese que os prezos están desorbitados, que comprar calquera «zulo» custa dez veces máis que o que lles custou aos nosos pais, e que necesitas polo menos 70.000 euros para entrada, impostos e trámites. E despois, hipoteca ata os 80 anos.

Unha omisión totalmente malintencionada que se alimenta coa propaganda do PP, que emprega unha TVG —cada vez máis decrépita— como altofalante para adular ás persoas maiores e criminalizar os sectores máis novos e críticos, retroalimentando a mentira de que non se esforzan nin aforran.

Consumir, aforrar… e calar

O nivel de cinismo é tal que xa non hai nin coherencia interna.

Pídesenos consumir para soster unha economía baseada nos servizos e no turismo. Subvenciónanse todo tipo de bonos desde a Xunta para que consumamos. E ao mesmo tempo, responsabilízasenos por non aforrar.

Nun contexto de prezos disparados: vivenda, electricidade, combustibles, alimentación.

Nun contexto no que en ningunha parte de Galicia hai transporte público suficiente. No que os prezos dos coches —mesmo os de segunda man— están completamente disparados. No que non se cambian vehículos porque non se poden pagar. No que vivir nas cidades —onde se atopan a maior parte dos traballos— é cada vez máis caro e inasumible polos prezos do alugueiro.

Pero tamén nos din que temos que cambiar de coche porque temos o parque móbil máis vello de Europa. Que prohibirán os coches moi antigos para circular por moitas zonas pola emisión de gases. E, por suposto, se non podemos mercar outro coche e non temos como desprazarnos, a culpa tamén é nosa, por vividores.

En breve volveremos ao de que «non se pode vivir por riba das nosas posibilidades», como na crise anterior. Porque a culpa, por suposto, é nosa.

Pero, que se supón que hai que facer?

Deixar de consumir? Abandonar as cidades? Non saír da casa salvo para traballar?

Perfecto. Facémolo. Así colapsamos o seu marabilloso modelo económico… e despois falamos.

O modelo funciona. Pero non para nós

Aquí non hai erro. Hai intención.

O Partido Popular leva 17 anos gobernando Galicia con maioría absoluta, pero o máis grave é que o seu modelo se cuestiona pouco para o desgaste que arrastra e o desastre que representa.

Porque este modelo si funciona.

Funciona para quen pode vivir de rendas, de alugueiros, de investimento.

Pero non funciona para quen vive dun salario medio.

Xa sexa como traballador por conta allea ou como autónomo en situación de autoemprego, asumindo riscos sen apenas protección.

O estado real da nación: resignación

E así chegamos ao punto máis perigoso.

En xeral, a xente xa non espera nada.

Non porque non entenda o que pasa, senón porque o entende demasiado ben.

Entende que, se non ten vivenda a día de hoxe, non vai poder acceder a ela.

Entende que terá que pagar a súa saúde.

Entende que o sistema non vai cambiar.

E entón adapta a súa vida a iso.

Reduce expectativas. Axusta gastos. Permítese pequenos respiros: un café, unha caña, un concerto ou unha escapada de vez en cando. E segue.

Non é conformismo. É supervivencia.

Tristemente, nun mundo cheo de conflitos, o único consolo é que aquí, polo de agora, non caen bombas. Malia que Trump é o seu modelo a seguir e o guía espiritual da dereita española e galega.

Ese é o horizonte que se nos ofrece.

Por iso, o debate do “estado da nación” non foi só un exercicio de propaganda.

Foi unha falta de respecto.

E, sobre todo, foi unha mensaxe clara: non pensan cambiar nada.

Porque así, tal e como está, hai quen vive moi ben.

E non somos a maioría de nós.

Primer comentario

Deixa a túa opinión