

A COVID provocou que moitas olladas se volvesen cara ao rural en busca dun acubillo co que fuxir da masificación das cidades. Porén, o que a crise sanitaria evidenciou, máis unha vez, foi o papel fundamental do agro, e tamén do mar, como subministradores de produtos básicos e non como mero destino de lecer. Para un país é fundamental garantir alimentos e Galiza, malia súa capacidade de producilos, segue a importar algo tan esencial como as hortalizas, a froita ou a agricultura ecolóxica. A razón non é outra que unha política de abandono do campo que conduce a un imparábel despoboamento que, se ben non é exclusivo de Galiza –aí está a España baleirada-, ten a súa orixe na falta de traballo e de servizos tan básicos como a atención á infancia, o ensino ou o equipamento sanitario, co engadido do hándicap que supón a fenda dixital.
O goberno de Núñez Feijóo anunciou que a pasada lexislatura sería a do rural, pero a realidade é teimosa e amosa que as políticas que levou a cabo non fixeron máis que favorecer o abandono e a desertización do campo a base de depredar e espoliar os recursos. Como exemplo, as políticas forestal e enerxética, pensadas para favorecer grandes intereses económicos, nomeadamente foráneos, a costa de degradar territorios que poderían ter moito máis rendemento social. Como sucedía no franquismo, cando os encoros nin sequera supuñan dotar de luz ás aldeas que padecían o inmenso impacto das obras, non existe na Galiza actual un plan eólico que contribúa ao desenvolvemento das comunidades que sofren o impacto ambiental. E o mesmo pasa no eido forestal, onde o único plan é beneficiar a multinacionais como ENCE a costa de perder terreos con potencialidade agraria ou gandeira. O eucalipto degrada o chan, incrementa o risco de lumes e desvincula ao pobo do territorio, pois ben se pode explotar un eucaliptal e vivir na cidade, a moitos quilómetros da zona arbórea, cousa que non pasa cun terreo agrícola.
E que dicir da megaminería? Galiza ten unha enorme riqueza en minerais estratéxicos para a tecnoloxía, como o litio, pero ao contrario do que ocorre en Bolivia, non é necesario dar un golpe de Estado para que o goberno permita o esquilme. Non hai máis que ver o proxecto da mina de tantalio que afectaría aos concellos de A Lama, Cerdedo, Forcarei, Avión e Beariz. Desde a administración estanse minimizando todos os requisitos da avaliación de impacto ambiental, mesmo a través da fragmentación do macroproxecto, para poñerlle alfombra vermella á empresa e, porén, non se pensa que necesitan as comarcas afectadas ou como se pode beneficiar o pobo deses recursos. Os únicos intereses que se defenden desde a Xunta son os das grandes empresas mineiras.
Para salvar o rural precísase ter un plan global de desenvolvemento que protexa aquelas áreas de maior valor ambiental, como poden ser o Suído ou a serra da Groba, e inclúa a recuperación dos terreos xa degradados. Do contrario avanzaremos no declive que amosan as cifras tras tres lexislaturas do goberno popular: En dez anos, os da última década, Galiza perdeu máis de 150.000 hectáreas con potencialidade agrícola e agrogandeira ata quedar con apenas un 23 por cento de superficie agraria útil cando a media europea dos países máis avanzados supera o 40 por cento. E isto só vai mudar se deixamos de tragar, entre outros, o caramelo do eucalipto que nos vende o Partido Popular.