A agonía do Iemen

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xurxo Agra. Especialista en política internacional

O Iemen vive unha guerra civil desde o ano 2014, que está a provocar que a poboación deste país de Oriente Medio ubicado no suroeste da península arábiga sofra a “peor crise humanitaria do planeta” segundo a ONU.

Mais o certo é que a historia recente do Iemen, o país árabe máis pobre e un dos máis pobres do mundo, ven marcada polas guerras civís, o conflito e a inestabilidade política.

En 1962 crease a República Árabe de Iemen (Iemen do Norte) e no ano 1967 fúndase a República Democrática Popular do Iemen (Iemen do Sur), de orientación marxista, convertíndose no primeiro estado árabe comunista.

En 1981 acórdase a creación dun estado unificado, que vería a luz en maio de 1990 cando xorde a República do Iemen. Mais a reunificación non supuxo en modo algún a inauguración dun período de paz e progreso para o Iemen. Desde o principio a unión viuse arruinada polo resentemento e o desacordo, e en 1994 ten lugar unha pequena guerra civil como consecuencia do malestar existente no sur en relación coa unión.

Mentres, nas montañas do norte, as comunidades xiítas, que representan o 47% da poboación iemení (o 53% é sunnita), sentíntose igualmente marxinadas polo poder central, comezan a organizarse baixo a dirección da prominente familia Hutí, e este movemento comeza a engrosar as súas filas no medio do descontento crecente co poder autoritario do presidente do País, Ali Abdulah Saleh. 

En 2011 Iemen súmase a onda de revoltas que se producen no mundo árabe, e que se coñece como Primavera Árabe, e millóns de iemenís protestan tanto polas precarias condicións económicas do país, cunhas enormes taxas de desemprego, pobreza xeralizada e un terzo da poboación sufrindo fame crónica, como tamén contra a corrupción e a inestabilidade política, esixindo a renuncia do Presidente Saleh.

Finalmente, Saleh, Presidente do Iemen desde 1990 e previamente Presidente de República Árabe de Iemen (Iemen do Norte) desde 1978 até a unificación, e que comparara gobernar o país con “bailar sobre cabezas de serpes”, é destituido en 2011.

Mais a situación non mellora coa formación dun novo goberno liderado por Abd-Rabbu Mansour Hadi, quen fora vicepresidente de Saleh, e as aspiracións do pobo iemení vense frustradas unha vez máis. As medidas de austeridade impulsadas por Hadi atopan o rexeitamento maioritario do pobo iemení e unha proposta de división territorial do país é rexeitada tanto polos hutíes no norte como polo movemento separatista do sur.

A primavera árabe remata nun pesadelo árabe en Iemen. En 2014 varias faccións comezan a perder a paciencia, Hadi é incapaz de manter a orde e prodúcese un feito inesperado. Os hutíes, quen durante a primavera árabe estiveran moi implicados nas protestas contra Saleh, selan unha alianza co ex-presidente. Antigos inimigos xuntan forzas e a alianza axiña dá os seus froitos, pois o ex-presidente aínda mantiña importantes apoios no exército.

Xuntos toman importantes zonas do país, e en setembro de 2014 os combatientes hutíes fanse co control de Saná, a capital iemení, provocando a fuxida de Hadi á cidade costeira de Aden, mais ante o imparábel avance dos hutíes busca refuxio en Arabia Saudita, a quen solicita apoio.

Arabia Saudita, quen se ve a si mesma como a principal potencia musulmá sunnita, decide que é o momento de intervir directamente no conflito, pois a situación no Iemen fai saltar todas as alarmas en Riad. O desafío xiíta na súa fronteira sur representa unha amenaza existencial para a súa seguridade debido ao vínculo dos hutíes con Irán, o seu maior inimigo na zona e a maior potencia xiíta no mundo, polo que non pode permitir que os hutíes controlen o país veciño. 

Arabia Saudita pretende restaurar o goberno do Presidente Hadi, protexer a súa fronteira sur e previr a fragmentación do Iemen, e conter a crecente influencia de Irán na rexión. Así que en 2015 Arabia Saudita lidera unha coalición de varios países árabes, apoiada polos EEUU, o Reino Unido, Francia e España entre outras potencias, e deste xeito desátase a catástrofe. 

En resposta á intervención saudí, Irán reforza o seu apoio aos hutíes, transformando un conflito doméstico nunha ´proxy-war´ internacional, onde dous grandes poderes rexionais, Irán e Arabia Saudita, apoian bandos diferentes nunha guerra nun terceiro país.

O Iemen consúmese desde entón nunha sanguenta guerra civil, exacerbada e sostida pola intervención estranxeira. Mentres a coalición liderada por Arabia Saudita somete o país a intensos e despiadados bombardeos desde marzo de 2015 (máis de 19.000 ataques entre 2015-2019), grupos de dereitos humanos denuncian a morte de milleiros de civís, como consecuencia dos ataques aéreos da coalición contra obxectivos non militares (mercados, escolas, hospitais, vodas, funerais…).

En 2017 racha a alianza entre Saleh e os hutíes, despois de loitar durante 3 anos contra as forzas lideradas por Arabia Saudita. Saleh amósase disposto a falar coa coalición para buscar a fin do conflito, mais os hutíes considérano unha traizón e asasínano dous días despois.

Mais o goberno de Hadi ten que facer fronte a outra amenaza, a do movemento separatista do sur, apoiado financieira e militarmente polos Emitaros Árabes Unidos (EAU) contra o desexo de Arabia Saudita. Esta situación parece amosar unha lixeira grieta entre dúas importantes pezas da coalición, Arabia Saudita e EAU, pois cada país procura os seus intereses e aquí maniféstase que non sempre coinciden. 

Hai moitas guerras en Iemen, e outros dous importantes actores veñen aproveitándose da inestabilidade política para fortalecerse, Al Qaeda e o Estado Islámico, o que engade unha maior complexidade a un escenario xa de por si ben enmarañado.

E no medio deste brutal conflito, millóns de iemenís loitan por sobrevivir. A guerra xa deixoou 233.000 mortos (ONU), máis de 4 millóns de persoas desprazadas (ACNUR), máis de 20 millóns sofren inseguridade alimentaria (ACNUR), a expansión de enfermidades como o peor brote de cólera nunca antes rexistrado, con máis dun millón de casos (OMS)…

O Iemen ten 29 millóns de habitantes, dos que 24 dependen dalgún tipo de axuda humanitaria, incluídos máis de 11 millóns de nenos, a práctica totalidade (UNICEF). E desgrazadamente a axuda humanitaria aínda foi utilizada como arma de guerra, xa que cada parte do conflito foi acusada de ter violado a lei internacional e humanitaria. En 2015 a coalición encabezada por Arabia Saudita bloqueou o país por terra, mar e aire facendo case imposíbel a entrada de provisións, mentres os hutíes tamén foron acusados de bloquear, destruir ou apropiarse da axuda. E a poboación iemení precísaa desesperadamente. 

O único xeito de aliviar o sufrimento da poboación iemení é poñer fin a guerra. Mais é posíbel a paz no Iemen? O país está hoxe máis fragmentado que nunca. Os hutíes non están dispostos a retroceder, milicias no sur apostando pola independencia, Al Qaeda e o Estado Islámico envalentonados… E o peor de todo, a maior crise humanitaria do planeta está recibindo moi pouca atención na maioría do mundo. 

Aínda se a guerra rematara pronto, Iemen terá que loitar co seu legado nas vindeiras décadas. Mais malia a catástrofe humanitaria na que se convertiu o Iemen, moitos dos seus habitantes lembran que o nombre do seu país está unido con Al-Yaman, palabra árabe que representa a felicidade, e que os romanos chamaron a estas terras “Arabia feliz”, polo que aínda manteñen a esperanza nun futuro de paz, prosperidade e… felicidade.