Nunca a resignación foi solución

Artigo de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio Mero artigos de opinión A Nova Peneira
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero

Leo o que me manda un amigo respecto do situación na que nos atopamos, neste caos que se nos presenta e con toda a incógnita do descoñecemento por diante, agardando pasen os días. Estou de acordo co meu amigo, estamos pagando algún exceso dos moitos que levamos feito, un deles é o do tope da produción de moitos recursos considerados, no consumismo envolvente, de primeira necesidade. Así as cousas e mentres isto sucede, “algo” -a furia do mar que previamente quixemos invadir, o CO2, o cambio climático, os desbordamentos de ríos reprimidos polo abuso construtivo, “un virus”-  obrigan a cambiar en todos nós os conceptos preconcibidos e os ritmos de vida que levabamos. Deberemos ser máis selectos e selectivos, mirar a orixe de cada cousa, os contidos e procesos que pasaron para que poidan estar na casa. Roupas, alimentos, medicamentos e un sen fin de recursos que se nos fixeron necesarios. En principio deberemos parar a pensar, que antes pasaba todo desapercibido, estimar e por en valor os logros acadados diante dos efectos que producen. Non, a velocidade que levabamos non é aconsellable para ninguén, nin para nada que diga respectarse. Está claro que se precisan medidas de contención, medidas urxentes e drásticas que fagan pensar e reordenar o sistema, un sistema que non atendeu consideracións científicas nin humanas. Non todo é producir e consumir, moito menos producir sen límite para consumir sen límite. 

Agora, neste puntual momento, chegamos a un estado de alarma que provoca cambios substanciais nas nosas vidas. As solucións primeiras algo tardías, prevén novas medidas máis  contundentes. Toca epidemia, histeria, máscaras protectoras, xel desinfectante, distancia persoal, mirar a febre, non saír, lavado de mans. Iso “lavado de mans” por parte de moitos xestores da función pública que chegan tarde para controlar as fuxidas á praia e ao rural, daqueles “sabidos” que viron un punto de saída do perigo, sen se dar conta que podían transportar a enfermidade a eses lugares aínda virxes e sen contaminación. Por outra parte o consumo compulsivo de algo tan básico e tan substituíble como o papel hixiénico, levounos a esa histeria que mencionaba antes e que se comproba nos ollos que, con desconfianza, nos observan. O certo é que todo o que está pasando obrigounos a cambiar a axenda, hai que parar e reconducir os proxectos que tiñamos feitos. Todo mudou, nin sequera se pode traballar nin ir a clases, nin ao ximnasio, nin ao bar, nin ao cine, …na casa! Todo parou. Estamos no risco dunha expansión de perigo que nos fai parar, polo menos deternos e pensar. O sistema sanitario quédase pequeno, a pesar do ben que diciamos estar e do moi bos que eramos. As liñas telefónicas estiveron bloqueadas, a pesar do ben xestionadas polas diferentes empresas e que mesmo ampliaron as liñas de acceso. As mascaras sanitarias non chegaron, o alcol acabouse, o abastecemento de moitos alimentos vai en precario, péchanse fronteiras, dificúltase a mobilidade, fanse verdadeiros esforzos de contención e de restrición ou acceso aos lugares. Nin sequera hai probas para aplicar a todas aquelas persoas que presenten síntomas. É doado quedar na casa, é doado cumprir coa hixiene e evitar os contactos, sobre todo evitar as concentracións de xente que, a pesar de todo, se produzan. De todas formas todos andamos coa mosca tras da orella, por mor da frouxidade inicial dos consellos e da urxencia posterior. Mesmo ver como se toman decisións máis polos efectos económicos que se poden causar, que por preservar a saúde da xente. E a cousa vai para tempo. Contan que non menos de 15 días, que serán prorrogados e que nos ocuparan boa parte do mes vindeiro, ou aínda máis. Debemos resignarnos e afacernos a roer freo. Sería bo que chegada a primavera tivese efectos esterilizantes do virus. Quizais as cores das flores e os recendos, a vigorosa forza da natureza. De momento perigan todos os proxectos e a Semana Santa está anulando os seus actos. Nunha economía que quería vivir do turismo, alá van miles de postos de traballo. Moreas de empresas teñen que recorrer aos eres e outra vías. No paro haberá xente que, sen comela nin bebela, perdeu o posto de traballo e quedou desprotexida diante este estado de alarma. Tamén é certo que esta crise tapa ás outras, aquelas novas e as que xa tiñamos. Con tanta facilidade esquecemos os excesos de CO2, os problemas de Cataluña, os problemas climáticos, o paro, a precariedade, os problemas para formar “un” goberno fiable que represente unha idea de, sequera, reparto equilibrado. Sería bo adiantarnos e aplicarnos a máxima de consumir menos e mellor, de tentar equilibrar os danos facendo por mellorar a harmonía co medio no que socialmente nos movemos, e deixar de abusar del con sobre-explotación e o abuso, con esa urxencia maldita que nos mata, a golpes de virus ou pouco a pouco, sumíndonos en tanto lixo que nós mesmos producimos.