O BNG do Baixo Miño leva as reivindicacións sanitarias da comarca ao Parlamento Galego

O BNG do Baixo Miño leva as reivindicacións sanitarias da comarca ao Parlamento Galego

Ánxela Fernández e Sandra González, alcaldesas do Rosal e Tomiño respectivamente, e Anxo Baz, concelleiro da Guarda, viaxaron a Santiago de Compostela para trasladar ao grupo parlamentar do BNG as demandas sanitarias dos seus respectivos concellos

Tomiño, 18 de decembro de 2020.

A Atención Primaria na comarca do Baixo Miño segue sendo un problema de actualidade e os habitantes da comarca continúan denunciando a situación na que se atopa. Por este motivo, as alcaldesas de Tomiño e o Rosal, Sandra González e Ánxela Fernández, xunto co concelleiro do BNG na Guarda, Anxo Baz, viaxaron a Santiago de Compostela para trasladarlle directamente á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, as eivas que está padecendo a veciñanza baixomiñota en materia sanitaria.

No Rosal existe unha ratio de pacientes por facultativo que se achega a preto das dúas mil persoas, o que fai que o persoal médico estea sobrecargado de consultas diarias. A alcaldesa Ánxela Fernández subliña que no concello ademais está pechado o consultorio de Tabagón, derivando os pacientes ao centro de saúde, o que se traduce nunha maior concentración da atención nun só punto.

Por Tomiño, a alcaldesa Sandra González reivindicou a imperiosa necesidade de cubrir as ausencias do persoal sanitario, que están sendo asumidas polo resto do persoal. Tamén puxo de manifesto o feito de que estea pechado o Consultorio de Goián, que produce o mesmo efecto de concentración ca no concello do Rosal, ademais de reivindicar a necesidade de atender presencialmente á xente.

Anxo Baz, concelleiro do BNG na Guarda, tamén puxo de manifesto as carencias de persoal médico do seu concello, onde reiteradamente a cidadanía se ten manifestado esixindo unha mellora nas condicións da atención sanitaria. “O que expresa a xente é que a están forzando a buscar atención na sanidade privada”, salienta o concelleiro.

A portavoz nacional, Ana Pontón, e Manuel Lourenzo, deputado do BNG no Parlamento Galego, recolleron estas demandas co fin de trasladalas á Consellería de Sanidade por vía parlamentar, para frear esa continuada desatención que desde fai tempo se está sofrendo na comarca. 

Desde BNG afirman que traballarán para que a cidadanía teña unha sanidade pública de calidade, un servizo que cómpre coidar máis ca nunca nestes momentos tan delicados, esixindo a debida dotación de recursos humanos e materiais. Destacan que O Baixo Miño é unha comarca que se atopa lonxe do Centro Hospitalario de referencia, polo que precisa unha Atención Primaria que satisfaga as necesidades da veciñanza. 

Do mesmo xeito, os nacionalistas rexeitan as maniobras de desmantelamento que está levando paulatinamente o goberno de Feijóo para desviar a Atención Primaria cara empresas privadas, ante o que non descartan mobilizacións.

O vídeo da xuntanza pode ser visualizado na páxina de Facebook do Grupo Parlamentar do BNG na seguinte ligazón:

https://www.facebook.com/bngparlamento/videos/401071087886536