Tomiño comeza o traslado provisorio do arquivo municipal para baleirar o edificio da futura biblioteca municipal

Arquivo Municipal Tomiño

As tarefas de acondicionamento das novas dependencias de carácter provisional, están rematándose estes días nun local alugado sito no cruce da avenida Gondomar e rúa da Feira

Tomiño, 22 de maio de 2021

O Concello de Tomiño vén de iniciar o traslado da parte do Arquivo Municipal que albergaba até o de agora o edificio situado na rúa Colón, a carón do Xulgado de Paz. Dito traslado, dunhas 4.000 carpetas con expedientes, está sendo levado a cabo por operarios municipais cara ás dependencias provisionais (que tamén albergarán en breve o Xulgado de Paz e as oficinas de Aqualia) que pronto estarán operativas. 

As tarefas de acondicionamento das novas dependencias de carácter provisional, están rematándose estes días nun local alugado sito no cruce da avenida Gondomar e a rúa da Feira.

As mesmas terán acceso por ambas as rúas, e albergarán parte do arquivo municipal, até que o edificio da futura biblioteca estea rematado; momento no que os expedientes serán trasladados novamente, aloxándose na planta baixa das novas instalacións, xunto á Aula CeMit e outras dependencias.