
OS ALCALDES E ALCALDESAS EN A NOVA PENEIRA, CÓNTANOS A SITUACIÓN DOS SEUS CONCELLOS EN RELACIÓN CO COVID19 E O ESTADO DE ALARMA
Nesta situación de excepcionalidade seguimos, dentro das limitacións obvias que asumimos de maneira responsable coa sociedade, coa nosa firme intención de informar de todo o que pasa ao noso carón. Falamos con boa parte dos alcaldes e alcaldesas da nosa área de influencia para sabermos como está a situación nos seus concellos, En breve, procuraremos contactar cos que aínda non nos foi posible. De momento, moitas grazas a Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, Xose Emilio Barros alcalde de Mondariz, Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, Pepe Represas, alcalde de Pontearaeas, Xosé Rodríguez, alcalde de As Neves, Emiliano Lage, alcalde de Fornelos, Xose Manuel Pazos, alcalde de Cangas, Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, Antonio Lomba, alcalde de A Guarda e Ánxela Fernández, alcaldesa de O Rosal. Tranquilizounos moito, falar con eles, todos e todas amosaron un elevado nivel de firmeza, de compromiso cos seus veciños e veciñas e de esperanza en transmitir a mesma mensaxe; esta é unha crise moi dura, durísima, pero transitoria, e pasará, abofé que pasará, e canto máis responsablemente nos comportemos respectando escrupulosamente as instrucións das autoridades sanitarias, antes rematará.
A primeira para ti Antonio, como estás física e animicamente?
Eu estou ben na compañía da miña familia, un tanto estresado polo confinamento, pero con moitos ánimos e optimista cara o futuro. Moitas grazas a ti por chamar Tino, porque nestes momentos de incerteza, a información é fundamental.
Como está a situación no Concello de A Guarda, tes constancia dalgún positivo?
A día de hoxe, non teño constancia.
Que medios está a pór o Concello para atender aos segmentos máis vulnerables da poboación?
A xente máis vulnerable é a que máis nos preocupa, e para dar resposta ás súas necesidades activamos un protocolo que denominamos auxilio aos grupos de risco nos que colaboran todos os servizos sociais, e a policía local reforzados exemplarmente polos traballadores de outros departamentos municipais, por outra parte protección civil e a policía municipal están ao dispor de calquera veciño que teña problemas de mobilidade para facer as compras de alimentos e medicinas. Tamén distribuímos alimentos a aquelas familias con menos recursos, e fixemos un chamamento á veciñanza para que se alguén coñece a algún veciño en situación de vulnerabilidade que nolo comunique para axudalo. E por último temos unha coordinación total coas asociacións d a vila que fan labor social para traballar cóbado con cóbado no ben común.
O nivel de civismo que está a amosar a sociedade guardesa déixache satisfeito?
Sempre hai casos concretos de persoas que non o toman coa seriedade debida, pero todo foi evolucionando a mellor e en liñas xerais si, estou moi satisfeito. Todos debemos actuar con responsabilidade porque canto antes sexamos capaces de frealo, menos repercusións terá.
En relación a material sanitario e de desinfección como estades?
Comezamos mal, nun principio tiñamos moi poucos elementos. A medida que foron pasando os días fixemos moitos contactos con empresas e agora mesmo temos subministro de xel alcohólico e mascarillas, e considero que estamos ben, pero claro todo depende da duración desta situación. Eu manteño contactos frecuentes tanto coas empresas como con todas as administracións para trasladarlles esa situación.
Moitas grazas Antonio, moita sorte para ti e para a veciñanza da Guarda