Por un ensino público inclusivo, igualador e de calidade comunicado do profesorado do IES A Sangriña

Ratio educación Sangriña

O profesorado do IES A Sangriña di XA ABONDA aos recortes que a Xunta de Galicia leva aplicando contra o ensino público durante os últimos anos e que se radicalizan neste curso 2022-2023.

Podería semellar que a redución de docentes é unha problemática particular do profesorado, pero a nosa obriga é poñer en coñecemento de toda a comunidade educativa que a destrución do ensino público é unha agresión directa contra a nosa sociedade, contra a igualdade de oportunidades e, en definitiva, contra a propia democracia. Sen un ensino público de calidade a posibilidade de ascenso social é inexistente.

Nos últimos anos, os cadros de persoal de todos os centros do ensino galego víronse moi mermados. Particularmente, o IES A Sangriña, vén de sufrir unha redución de 13 profesores e profesoras, pasando cada docente a xestionar a formación de até 180 alumnos e alumnas. Calquera que teña sido estudante sabe perfectamente que un goberno que fai este tipo de cálculo só está interesado en abaratar custos, como quen xestiona unha empresa co único afán de obter rendementos económicos, pero que non ten interese ningún nin na educación nin no trato humano que os seus cidadáns adolescentes van recibir durante seis horas ao día e durante dez meses ao ano.

Os drásticos recortes de persoal que denunciamos implican un significativo aumento de estudantes por aula e, en consecuencia:

  1. Que o alumnado recibirá unha educación de menor calidade. Tanto o noso sentido común como a lexislación vixente ditan que o profesorado ten a obriga de ensinar de maneira progresiva, adaptándose aos coñecementos previos dos e das estudantes e de avaliar as súas aprendizaxes de maneira individualizada. Realmente alguén cre que isto é factíbel con 30 estudantes por aula e 180 alumnos asignados por docente?
  2. Unha menor atención ás necesidades e particularidades de cada estudante. Desde a nosa perspectiva, o profesorado debe aspirar a coñecer aos seus alumnos e alumnas de maneira persoal e humana. Debe colaborar coas familias no amparo dos mozos e das mozas diante dos problemas sociais e emocionais que se viron incrementados polas diversas crises económicas e sanitarias que vimos de padecer e seguimos soportando. Realmente alguén cre que é factíbel atender a estas necesidades se a Xunta de Galicia realiza as súas contas para que cada docente teña ao seu cargo 180 alumnos e alumnas?
  3. A desaparición da atención á diversidade. Nas nosas aulas temos rapaces e rapazas con dificultades de aprendizaxe, de recente incorporación e con graves situacións familiares que demandan unha forte implicación emocional e psicolóxica. A política da Xunta de Galicia provoca, desde xa, a desaparición das clases de reforzo para o alumnado que máis o necesita. Realmente alguén cre que é profesional e humanamente posíbel detectar as problemáticas de cada estudante e aplicar protocolos de actuación con titorías de 30 alumnos/as?
  4. O empobrecemento da docencia dos contidos obrigatorios por lei. A Consellería de Educación obriga, cos seus recortes, a que o profesorado imparta materias nas que non é especialista. Realmente hai algún pai, nai ou estudante que acepte recibir clases dun docente non especializado que soporta ratios de 180 estudantes?
  5. A redución da optatividade e de posibilidades formativas. A redución de persoal implica a imposibilidade de ofertar materias optativas necesarias para construír itinerarios formativos acordes coas expectativas académicas dos nosos alumnos e alumnas. Así mesmo, e a pesar de que o noso centro se encontra nunha zona periférica, vén de se nos retirar o Bacharelato para persoas adultas, non se nos concedeu o novo Bacharelato Xeral, nin o historicamente demandado Bacharelato de Artes (cursalo agora implica ter recursos para mudarse a Vigo con 16 anos). Realmente alguén pensa que quen quere 30 estudantes nunha aula ten algunha preocupación polas súas necesidades académicas?
  6. A imposibilidade de manutención de servizos, programas e proxectos de centro. Un centro de ensino debe ter unha biblioteca, só así o alumnado con menos posibilidades económicas poderá acceder a todos os materiais que necesita. Un centro de ensino debe contar con profesorado para desenvolver os programas de convivencia ou de prevención do absentismo escolar. Un centro de ensino debe ter persoal para realizar actividades culturais ou en prol da erradicación da violencia contra as mulleres e do colectivo LGTBI. Un centro de ensino debe ter o persoal suficiente para organizar actividades complementarias e extraescolares. Moitos alumnos e alumnas do IES A Sangriña foron por primeira vez a un museo, ao cine ou ao teatro, a un país estranxeiro ou a exames de idiomas ou concursos de corte científico ou cultural acompañados polo profesorado do centro. Realmente alguén cre que é factíbel seguir realizando estas iniciativas que igualan as experiencias vitais do alumnado con trece profesores/as menos?

Ademais, para o correcto funcionamento dun centro, o profesorado debe asumir traballo administrativo, de atención a familias, gardas e suplencias que a Consellaría simplemente non contempla no seu novo modelo de asignación de persoal.

Despois de traballar durante todo o mes de xullo tentando mitigar os recortes da Xunta de Galicia, o equipo directivo do IES A Sangriña viuse na obriga de presentar a súa dimisión ao ver imposíbel manter un reparto digno do traballo que garantice a calidade do ensino.

O profesorado do IES A Sangriña apoia a decisión do seu equipo directivo e mobilizarase até que a administración revoque todas as medidas de recorte orzamentario que agreden a calidade do servizo que prestamos á comunidade e impiden a realización persoal do noso alumnado.

Un ensino de calidade é indispensábel para unha sociedade digna e xusta. A Guarda, a 31 de xullo de 2022