Lano Alonso concelleiro de En Marea en Tui

Lano Alonso concelleiro Marea

Nas eleccións municipais do 19 o socialista Enrique Cabaleiro estivo a un pelo da maioría absoluta pois obtivo oito actas( case nove) de 17, e foi Lano Alonso, concelleiro de En Marea o que lle deu a maioría aritmética da corporación ao entrar a formar parte dese goberno. Porén, en setembro do ano anterior, Lano decidiu deixar o goberno e pasar a formar parte da oposición despois de non lograr o compromiso do alcalde para mudar a elevadísima taxa de lixo que pagan os hoteis da cidade tudense. Nós conversamos con el

A miña decisión de abandonar o goberno de Tui foi absolutamente coherente”

A decisión que tomaches hai 9 meses de deixar o goberno de Tui ,hoxe, considérala acertada ou desacertada?

Considéroa coherente. Cando constituímos o goberno acordamos unha serie de medidas, unha delas a modificación da ordenanza do lixo, porque hai sete empresas que están a pagar unha barbaridade e eu tiña o compromiso de acabar con esa flagrante inxustiza.

Non se fixo nada ao respecto?

Si, pero houbo certo desleixo por parte da concellería de facenda do PSOE, ata o punto de que tardaron 7 meses en contestar un correo da empresa , coa que contactei, para que comezara a traballar sobre este asunto. Eu levaba dous anos e medio preguntándolle ao alcalde constantemente sobre este tema e el sempre me dicía que que estaban co estudo de custes. Cando eu coñezo que o devandito estudo levaba 7 meses na mesa dunha concelleira cabréome e poño unha data límite

E puxéchela?

Si, no mes de marzo do ano pasado dixen que se no pleno de xullo non había ningún movemento ao respecto abandonariamos o goberno

Este problema só afecta a 7 hoteis, para eles é moi relevante claro, pero para o concello non parece importante a minoración de ingresos que resultaría da diminución desa taxa, non?

Si, e non é só iso, pois para un concello que xera 4 millóns de € de remanente de tesourería non supón nada o feito de recadar un pouco menos nesa taxa. Por outra parte a veciñanza das parroquias de Tui paga unha taxa de lixo moi baixa, algo máis de 13€ ao trimestre, e unha proposta razoable sería que pagasen 1€ e pico máis ao trimestre ata 15€, é dicir 60€ ao ano , co que xa se compensaría de sobra a rebaixa aos hoteis. Esa taxa dos hoteis é das máis caras de España e está totalmente inxustificada

Nove meses despois da túa saída do goberno o problema segue sen solucionarse?

Si, e moito me temo que non se arranxe porque non hai vontade política de facelo. O partido socialista non soubo calibrar que a decisión de En Marea ía ser firme e iso que desde o mes de marzo do ano pasado estaban máis que avisados.

Sufriches presións para que non deixaras o goberno?

Non. Algúns compañeiros do PSOE dixéronme que non o fixera que o problema íase arranxar …pero eu non as cualificaría como presións. Pero eu era concelleiro de Turismo e non podía mirar para outro lado: 8.800€ pagan 3 hoteis, 7.500€ pagan dous e 5.700€ pagan outros dous. E fíxate que cando pecharon pola pandemia, facturando 0€, a taxa tiveron que pagala igual. Esta taxa é unha barbaridade para os hoteis que xa están e impide que veñan outros. Quero deixar claro que o problema provocouno o PP, pero que , non entendo por que , non quere solucionar o partido socialista

Emocionalmente como levaches pasar do goberno á oposición?

É unha situación incómoda. Hai moitas cousas que se están a facer agora que forman parte da miña xestión

Por exemplo?

A rehabilitación do cárcere vello, a posible do teatro principal a modificación do plan especial do casco histórico, a humanización do río Muíños, o arranxo de Antero Rubín…….Hai outros aspectos nos que si estamos en desacordo como o que pasou no último pleno

A que te refires?

Levaron por vía de urxencia, sen pasar por comisión previa , unhas modificacións de crédito por un importe de 4.000.000 de € para ir a remanente de tesourería. Iso hai que facelo con luz e taquígrafos. Non se pode comprometer tal cantidade de cartos cando falta arredor dun ano para rematar o mandato en proxectos que non vai dar tempo a rematar. E pola contra deixando atrás partidas para actuacións moi necesarias como por exemplo rozar nas vías. Iso se fai porque hai unha división dentro do propio goberno.

Saíu aprobado esa modificación de crédito?

Non se chegou a votar. No pleno os grupos da oposición puxémonos moi serios e o alcalde decidiu retiralo.

Quero preguntarche pola túa posición sobre o aparcadoiro?

Eu teño que ser coherente. Cando estaba no goberno apoiei a construción dun aparcadoiro debaixo da traseira da área panorámica. Agora desde fóra entendo que non dá tempo a facelo no mandato e que meterse en obras é un erro. Pero si se poden facer cousas paralelas como pintar a zona azul de balde na maioría das rúas da zona nova para que haxa rotación de vehículos. Iso sería o inmediato pero hai que buscar unha solución porque no caso contrario o comercio de Tui morre

Pero non me quedou moi claro se segues estando de acordo ou non coa construción do aparcadoiro?

Eu estou de acordo cos que propoñen unha zona verde no centro de Tui, pero creo que non ten sentido facer a zona axardinada e non aproveitar o espazo do subsolo. Agora, pola situación de xudicialización na que se encontra, non dá tempo a facer as obras e eu creo que o máis prudente e deixalo e logo volvelo valorar no seguinte mandato. O que teño claro é que non hai moitas alternativas

Os aparcadoiros disuasorios dos que fala o BNG?

Hai que ter un aparcadoiro no centro. A unha persoa que veña cargada con bolsas ou que vaia ao centro nun día de chuvia non se lle pode obrigar a dar unha camiñada para coller o coche. Facer o aparcadoiro é fundamental para o turismo , para o comercio e para o centro de saúde

Como está a situación do tráfico no centro da cidade?

Empeorou. Hai que buscar unha solución para evitar os colapsos de tráfico que se producen no centro. A solución pasa pola apertura da rúa Ourense

Que facemos co mercado?

O esencial é escoitar aos vendedores. No emprazamento actual ten a vantaxe do aparcadoiro pero carece de servizos sanitarios. Por outra parte os vendedores piden unha reordenación dos postos. Debemos de tomar exemplo das vilas de Portugal e habilitar un espazo digno para que aparquen os visitantes e os vendedores poidan exercer o seu traballo con comodidade e iso só se pode dar na zona nova

Rematamos Lano preguntándoche polo teu futuro político?

En principio a miña idea é rematar a miña vida política coa fin deste mandato. Non hai ningún grupo político no panorama actual que me seduza para continuar

E se eses movementos que están a facer as persoas de Cerna para crear plataformas municipais callasen?, supoño que serás coñecedor do cocido que artellou en Chantada o amigo Palleiro?

Ha ha ha, si, sei dese cocido que me falas. Pero o tema está moi complicado. Se houbese algún movemento que me convencese eu apoiaríao claro, pero en ningún caso volverei a encabezar unha lista.