Patricia Sío voceira do grupo municipal de EU Son Porriño

Patricia Sío

Patricia Sío é a voceira de EU Son no concello do Porriño. Ela unha muller valente, coherente que cre no que fai e móvese naqueles parámetros do programa, programa e programa que defendía o seu admirado Julio Anguita. Nós tivemos unha extensa conversa con ela na que analizamos polo miúdo a situación política do Porriño. Velaí vai o que deu de si

EU Son sempre cumpriu todos os seus compromisos. Quen non estivo á altura, e dígoo con todas as letras, foi o partido socialista”

Dános unha primeira valoración política do novo goberno do Porriño?

É un goberno que carece de proxecto. O goberno do PP da nosa vila, que non contaba con ser goberno, non ten proxecto para Porriño.

Sénteste responsable de que o PP estea neste momento gobernando no Porriño?

De ningún modo. Do que nos sentimos responsables é de pensar que había un mínimo de seriedade no grupo municipal socialista

E non hai ese “mínimo de seriedade” no grupo municipal socialista?

Pois tal como se desenvolveron os acontecementos referentes ao cambio de goberno teño que dicir que en absoluto. Nós non podemos responder polas disputas internas que existan no PSOE

A alcaldía do PP decidiuna a abstención de Manuel Carrera. Este concelleiro traballa na DEP que goberna o partido socialista. Resulta incrible que David Regades non fose capaz de convencer a Carrera para que votase a favor da candidata á alcaldía que naquel momento propuxo o PSOE. Contemplas a posibilidade de que ao PSOE non lle interesase conservar a alcaldía do Porriño?

Eu tampouco mo explico. O que pasou naquel momento é inconcibible. Se conseguiron o voto favorable de Carrera para a investidura de Eva, non resulta entendible como non o conseguiron tamén para a candidata que presentaron os socialistas cando Eva dimitiu. Nós desde logo cumprimos o noso compromiso tanto o que demos desde O Porriño como o que lle deu a nosa coordinadora Eva Solla a David Regades que era votar á candidata ou candidato que presentasen eles.

A saúde interna do grupo socialista non ten moi boa pinta pois a candidata que eles presentaron no seu momento xa deixou o grupo municipal non?

Si, non teño idea de cales puideron ser as razóns máis que polo que saíu na prensa. Pero ela é agora concelleira non adscrita si.

O paso do tempo Patricia, que fai ver as cousas con maior frialdade, ratifícache no camiño político que tomou EU Son naquel momento? Ou cambiarías algo se puideses?

Ratifícome absolutamente en todas as decisións políticas que tomamos nos momentos políticos que propiciaron a dimisión de Eva García De La Torre. Nós somos unha organización política que, cos seus erros e acertos, sempre vai de fronte e sempre actúa con honestidade intelectual. Podemos equivocarnos desde logo, pero EU Son sempre fai o que considera correcto, non o que sexa conveniente. O mesmo que lle pediamos ao PSOE cando gobernaba, pedímosllo ao PP agora que goberna:orzamentos e un proxecto de vila para O Porriño.

Cando se iniciaron as tensións que desembocaron na fin do goberno socialista vós recibistes moito, de moitos sitios diferentes. Pouco menos que vos acusaron de conivencia coa dereita .Como vos afectou a situación tanto a ti persoalmente, como a agrupación local de Esquerda Unida?

A min persoalmente afectoume desde o momento en que se estivo tocando á miña familia

A que te refires?

Prefiro non entrar en detalles,non paga a pena. No que se refire á organización todas as decisións foron, como non podía ser doutra maneira, tomadas en asemblea e de maneira escrupulosamente democrática. O noso modo de actuar é moi claro: programa, programa e programa. A pesar de todo foron momentos emocionalmente durísimos polos ataques inxustos, desproporcionados, e en moitas ocasións sen ter ningún tipo de relación coa realidade, que recibimos.

Os ataques non só foron esóxenos .Tamén recibistes da vosa propia organización e non de calquera militante. Rubén Pérez chegou a cualificar de “infame” o voso proceder político

Foi un comentario absolutamente desafortunado. Nin nos gustou nin o esperabamos. Entre compañeiros o debate debe de ser político nos organismos pertinentes. O debate moral é desapropiado.

Con Eva Solla que tal tedes as relacións?

Perfectamente, de feito tanto Pedro Ocampo coma min formamos parte da coordinadora nacional. Ese balbordo que algúns trasladaron ás redes sociais non se reflicte na vida orgánica de Esquerda Unida. Nós cumprimos sempre os nosos compromisos, quen non estivo á altura foi o partido socialista e dígoo con todas as letras.

Con Alejandro Lorenzo na alcaldía , ao voso xuízo, algo melloraron as cousas ou segue todo igual?

Como che dixen antes o PP do Porriño non ten proxecto, pero o que si se lle ven é gañas e moita capacidade de traballo. Hai certas cousas que melloraron .Tamén é certo que peor era imposible

Así de claro?

Si, así de claro.

Que cousas melloraron?

A limpeza e a atención a algunhas zonas do casco urbano. Pero as parroquias seguen a estar igual de desatendidas. Eu insisto, traballar traballan si, pero ao chou , de maneira improvisada e sen proxecto para Porriño

Cóntanos o máis importante da vosa actividade política nestes meses?

Seguimos a facer achegas de maneira constate nos plenos en forma de mocións e rogos e preguntas. Por exemplo: xa está en marcha un proxecto para mellorar os aparcadoiros en Torneiros, a raíz dunha moción nosa, levamos unha proposta para elaborar un regulamento de participación cidadá,levamos unha moción para que se faga unha auditoría do estado das contas do Concello

Iso xa dixo o alcalde que o ía facer non?

Si, díxoo. Pero está a escapar

O estado da conta 413( aquela que recolle as facturas pendentes de pago sen partida asignada) segue sendo calamitoso?

Quitouse algo máis dun millón de € pero segue sendo desastroso.

Seguides traballando cos orzamentos do 2018 prorrogados?

Si, aprobados co noso voto coa promesa dun investimento dun millón de € en Torneiros

Cumpriuse esa promesa?

Non, en absoluto.

Non se fixo ningún tipo de investimento en Torneiros?

Só mantemento ordinario. Nós o que pedimos foi un estudo multi disciplinar sobre a situación de Torneiros para desenvolver un proxecto integral de actuación global nesa parroquia

Que é na que vives ti?

Efectivamente e sei ben do que falo. En Torneiros, que é o segundo núcleo de poboación máis importante despois do casco urbano, estamos illados en todos os aspectos. E Torneiros require actuacións urxentes de todas as administracións que debe liderar o noso Concello.

Como está o asunto da ampliación do centro de saúde?

O 14 de febreiro formalizouse o contrato de ampliación. Todo isto ven do 2007 que foi cando o concello cedeu a parcela. Seica van arrincar as obras .Teñen 18 meses de prazo de execución sen posibilidade de prórroga. O que parece é que os tempos van casando para que cadre coa campaña electoral das municipais do ano próximo

Antes falamos de Torneiros e eu quero preguntarche por dous temas relevantes que atinxen a esa parroquia: O Lindano e o Centro de transportes.

Vaiamos co Lindano?

Aos poucos de tomar posesión o goberno do PP reúnense coa delegada da Xunta e anuncian unha cantidade moi importante para comezar a descontaminar a zona do Contrasto. E desde esa non se fixo nada en absoluto. Ese problema,lonxe de diminuír, medrou. A día de hoxe do Porriño non se quitou Lindano

Agora co Centro de transporte?

A finais do ano pasado comezou o ruxe ruxe que apuntaba a que consorcio da Zona Franca de Vigo quería instalalo na parroquia de Torneiros. Todo foi notas de prensa e información que penduraron na súa páxina porque ao Concello non lle comunicaron nada. A xente comezou a alarmarse pois queda ao lado dos polígonos de vivendas e cando digo ao lado estou a falar literalmente. Serían centos de camións os que movería ao día, habería unha estación de servizo, un hotel e varios establecementos de hostalaría

Xa vexo que a túa valoración é negativa?

Absolutamente, pois a calidade de vida da veciñanza de Torneiros veríase notablemente prexudicada. Habería ruídos, gases,mercadorías perigosas, contaminación lumínica, un volume xigantesco de tráfico e todo tipo de molestias…..

Cal é a posición do goberno?

Eu o que vexo e que nin PP nin PSOE se queren significar neste asunto. Nós o que non queremos é converternos no cortello de Vigo. E se tragamos coa central de transporte o que fariamos sería asumilo. Por outra parte quixera deixar claro que quen ten que liderar esta loita é o alcalde. El di que haberá unha resposta contundente por parte do Concello pero eu non lla vexo por ningunha parte.

Queda pouco para as vindeiras municipais. Vas ser a candidata a alcaldía do teu espazo político?

Eu son unha militante disciplinada que sempre vai estar no lugar que me sitúen os compañeiros e compañeiras

Se tes a confianza maioritaria do corpo de militantes do Porriño ti queres ser a candidata a alcaldía?

Eu estou moi ben, con moitos ánimos e con folgos de abondo para tratar de conquistar os corazóns de moitos máis porriñeses e porriñesas. Con toda a humildade pero tamén con toda a contundencia quixera dicir que EU Son Porriño ten moito que achegar para contribuír ao ben común. Ese e non outro, o ben común da maioría, é o motivo polo que estamos en política.