Radiografía política da comarca da Louriña ante as eleccións municipais de maio

Artigo Editorial A Nova Peneira Tino Lago

A piques de entrarmos nun apaixonante proceso electoral analizamos a situación política dos 3 concellos da nosa comarca , así como a previsión do que pode acontecer no vindeiro proceso electoral. Velaí vai

Mos

“LA REALIDAD Y EL DESEO” é un magnífico libro de poesía, dos meus preferidos, cuxo título está escrito en maiúsculas por expreso desexo de Luís Cernuda, o seu autor, para salientar a transcendencia de ambos conceptos. Ás veces todas as persoas tendemos a confundilos, a mesturalos e a borrar no noso subconsciente as fronteiras que sempre existen entre ambos planos. Vou tratar de non facelo nesta análise para dicir que o meu desexo é que a nefasta alcaldesa de Mos vaia dunha vez ao sumidoiro político da historia. Non a coñezo persoalmente, as veces que fun ao concello a solicitar unha entrevista con ela sempre me deron largas e nunca pasei do “ xa te chamamos”, pero a súa praxe política, esta é unha valoración política non moral, é a peor das posibles: bipolariza á sociedade en boa ou mala en función de se a identifica como amiga ou non. Recordemos que chegou a cualificar a toda a unha CM do seu pobo como “Non grata”.

Este goberno municipal practica o peor cancro que ven sufrindo o país galego desde a noite dos tempos : o nepotismo. E merece perder.

Pero deixando o desexo a un lado, e baixando ao campo da realidade temo que aínda non vai ser agora. Penso que o resultado vai ser calcado á actual aritmética municipal: 9 o PP e 8 a oposición( PSOE-BNG). E nada me satisfaría máis que equivocarme pero……haberá que ver o que acontece.

O mérito dunha suposta nova maioría absoluta da actual alcaldesa non sería de ningún modo atribuíble á súa xestión política, ás súas cualidades morais ou á súa profundidade intelectual. As razóns son outras, e son a socioloxía e a psicoloxía de masas as disciplinas que poden explicar o absurdo desta situación. Presúmese unha moi forte suba do nacionalismo que vai situar, ao meu xuízo, ao seu candidato Gustavo Barcia en disposición de optar á alcaldía no 2027 con opcións reais de acadala.

A Nova Peneira é un periódico serio que non adoita comentar parvadas , pero desta volta, por se hai algún despistado, imos facer unha excepción: É probable que haxa unha candidatura co nome de Podemos neste concello. Non é posible analizala desde ningún parámetro político minimamente serio. É un esperpento carente de rigor e cada voto que recolla é un voto para o PP.

Salceda

Este concello que viña de varias maiorías de Movemento Salceda( ex BNG) encabezados por Marcos Besada viviu unha situación peculiar no 2019, pois a aritmética resultante das eleccións:(PP-6,MS-4,PSOE- 3) obrigaba a entenderse a dous socios que non é que tiveran moi boas relacións nese momento. No caso contrario, no suposto de que Movemento Salceda e o PSOE non fosen capaces de artellar un pacto, habería alcaldía do PP.

Non foi doado, pero despois dunhas duras negociacións conseguiron pechalo acordo. Así, Marcos Besada daba un paso atrás e a alcaldía sería compartida :os dous primeiros anos a alcaldesa foi Loli Catiñeira de Movemento Salceda, a primeira muller alcaldesa do seu pobo, toda unha honra para esta veciña de Soutelo, e os dous últimos anos a alcaldesa foi a socialista Verónica Tourón.

Nas eleccións de maio o PP repite candidato co que non creo que teñan moitas esperanzas de gañar nesta vila. Santiago Rodríguez xa o intentou varias veces, non o logrou, e nada fai pensar que o acadará desta volta.

Ambas alcaldesas amósanse satisfeitas do nivel de compenetración que houbo nestes catro anos e o ambiente que se pulsa polas rúas é tamén positivo en relación ás dúas figuras. Todo parece indicar que MS e o PSOE necesitaranse novamente e que sexa na fórmula que sexa, eu aposto por unha nova alcaldía rotatoria dous anos para cada alcaldesa, formarán novamente goberno.

A miña previsión é que a suma das actas de ambas forzas será 8 fronte ás 5 que obterá o PP. En canto ao BNG non lle vexo ningunha opción de entrar.

O Porriño

Este parece ser o caso no que o prognóstico sobre o que vai acontecer no mes de maio ao respecto e quen vai ser o futuro alcalde alcaldesa está máis claro: O popular Alejandro Lorenzo, un tipo moi traballador que , con maior ou menor eficacia,sempre está para todo o mundo, vai , presumiblemente, a acadar a maioría absoluta.

O Porriño sobe este ano de 17 a 21 concelleiras/os ao superar os 20.000 habitantes pero non creo que iso supoña ningunha variable significativa na distribución de actas. O PSOE desta vila converteuse nunha banda, que deu un espectáculo lamentable despois da dimisión da defunta alcaldesa Eva García De La Torre e augúrolle unha longa travesía no deserto. Manuel Carrera supostamente non se vai volver presentar co que o panorama da dereita aclárase moito: todo o voto para o PP. O BNG axudado por un contexto favorable en todo o país, por un moi bo traballo dos seus representantes no Concello e pola enorme calidade política do seu candidato Pedro Pereira, vai experimentar unha suba significativa e EU-SON encabezada pola valente, traballadora e comprometida Patricia Sío, malia que o contexto non é favorable para eles, merece aguantar e agardo que aguante.