Máis dunha ducia de persoas participaron voluntariamente na súa elaboración, que se realizou durante a pasada fin de semana
Ponte Caldelas, 2 de marzo de 2023
O Concello de Ponte Caldelas iniciou xa as actividades con motivo do 8M, Día Internacional da Muller Traballadora, que deron o pistoletazo de saída cun mural colaborativo no que se representan as mulleres a través de rostros femininos elaborados nunha ampla gama cromática que, ó tempo que enfatiza na igualdade, tamén amosa unha extensa diversidade.
O mural foi deseñado por Javier Carrera ‘Cuco’ e contou coa colaboración de Maritza Berttolini, artista Mexicana afincada en Pontevedra e xestora do club de bordado feminista de Pontevedra.
O lugar escollido para o mural foi o lateral do pavillón municipal de Chan da Barcia, un espacio no que a mocidade de Ponte Caldelas se xunta para a práctica do deporte e que é moi visible dende a entrada á vila de Ponte Caldelas dende a rotonda de Pazos.
Esta é a primeira das actividades con motivo do 8M que se realizan en Ponte Caldelas. Continuarán o propio 8M cun acto na Casa da Cultura ás 20.30 horas no que se realizará a lectura de varios poemas por parte de colectivos da vila e que contará coa actuación musical do grupo ‘Gure Terra’. Ó remate haberá un pincho de confraternidade para todos os participantes.
A última das actividades enmarcadas no 8M será a presentación do libro “Frágil. Flores o Bombas”, da escritora afincada en Regodobargo (Ponte Caldelas), Chus González del Río. Será o venres 10 de marzo ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Ponte Caldelas.