A causa dos fortes temporais, entre outubro de 2022 e xaneiro de 2023 duplicáronse o número de incidencias mensuais recibidas
Este sistema incrementa a eficiencia na resolución de problemas, xa que permite unha comunicación case directa entre veciñanza e persoal municipal
Tomiño, 4 de marzo de 2023.
A aplicación móbil Liña Verde de Tomiño chega aos tres anos de vida cun camiño de rotundo éxito. O Concello puxo en marcha esta iniciativa para ofrecer á veciñanza un método de comunicación sinxelo e directo a través das novas tecnoloxías e, en todo este tempo, son máis de 10.000 as incidencias recibidas a través desta plataforma, das que o 93,09% están resoltas.
“Grazas á Liña Verde podemos organizar e sistematizar unha gran cantidade de información e, así, incrementar a eficiencia na resolución de calquera incidencia que poida aparecer”, explica a alcaldesa, Sandra González. A rexedora resalta que “contamos cun sistema a través do que a veciñanza moitas veces comunica case directamente ao persoal municipal as incidencias, unhas problemáticas que o operario ou operaria ten xeolocalizadas, o que simplifica moito todo o proceso”.
Cunha media de 258 incidencias mensuais, os datos disparáronse nos últimos meses a causa da climatoloxía adversa, con fortes temporais que causaron importantes danos no municipio. Por este motivo, dende outubro de 2022 ata xaneiro deste ano a media mensual de incidencias reportadas subiu ata as 544, chegando a un récord de 607 en xaneiro polo temporal de Aninovo.
Como sinala o concelleiro de Obras, Alexandre Pérez, “foron meses nos que se multiplicaron as avarías no alumeado público, os atascos de canalizacións, os danos en cunetas, camiños e sendas… Pero, a pesar dese contexto adverso, conseguimos solucionar a maior parte das incidencias reportadas, algo que se acelerará coa recente incorporación do persoal do Plan Concellos”.
As principais demandas veciñais solucionadas a través da app están relaciondas co alumeado público, que ocupa o primeiro posto ao supoñer máis do 40% das incidencias comunicadas. Séguelle xa de lonxe as relacionadas co lixo (8,95%), as escolas (7,48%), a vía pública e obras (6,54%) e as fochancas (5,64%).
O Concello de Tomiño puxo en marcha esta plataforma de xestión de servizos no ano 2020 e dende entón demostrou que permite unha resposta municipal eficiente ás incidencias sinaladas pola veciñanza, que cada vez usa máis a app. Coa Liña Verde foméntase ademais a participación cidadá e créase unha liña de comunicación directa co persoal municipal, que reciben as incidencias nas súas táblets e que son supervisadas polos concelleiros e concelleiras responsables en cada área.
Dende o Concello anímase a toda a veciñanza a utilizar este servizo, que forma parte do proceso de dixitalización no que leva o Concello traballando hai moitos anos. Para empregar esta aplicación gratuíta ‘Linea Verde’ só é necesario descargala dende Google Play ou APP Store. Selecciónase o municipio de Tomiño e xa se pode comunicar o problema premendo o botón “nova incidencia”, escollendo a tipoloxía de incidencia e achegando unha foto e unha explicación sinxela. A persoa recibirá unha notificación no seu móbil comentando o progreso do caso.