Mantéñense as reducións aos perceptores da RISGA ou aos fogares cunha renda familiar inferior ao SMI, entre outros
Tomiño, 2 de novembro de 2020
O Concello de Tomiño convocou un pleno extraordinario este luns para modificar a ordenanza municipal reguladora das taxas pola recollida do lixo coa finalidade de eximir do pago do primeiro semestre do vindeiro ano a aqueles negocios e empresas que tiveran que fechar este ano por motivos derivados da pandemia da COVID-19.
Ademais da exención do pago da taxa aos comercios e empresas afectados pola pandemia, a ordenanza recolle tamén exencións e reducións para outros supostos. Os contribuíntes beneficiarios da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) ou perceptores de Axudas de Emerxencia Social (AES) terán unha exención do 100% da cota tributaria.
Tamén se contempla unharedución na cota base do 50%na tarifa da vivenda a aqueles fogares que, non reunindo as condicións establecidas no anterior caso, teñan unha renda familiar inferior ó SMI(Salario Mínimo Interprofesional) vixente, nos que exista algún membro en situación de dependencia de grado dous ou tres, ou discapacidade a partir do 65%, familias numerosas e familias monoparentais con fillos en idade de escolarización obrigatoria con renda familiar inferior a 1,3 veces ó SMI.
As solicitudes de redución ou exención da cota deberán ser presentadas xunto coa documentación pertinente antes de finalizar o presente ano, e producirán efectos para o exercicio de 2021. No caso dos negocios afectados pola pandemia, esta deberá ir acompañada tamén por unha unha Declaración Responsable acompañada de documentación oficial que acredite a suspensión da actividade, presentada no primeiro trimestre do exercicio.
A aprobación desta bonificación para os comercios contou co apoio de todas as forzas políticas do pleno municipal. A alcaldesa, Sandra González, mostrouse satisfeita ante a aprobación da medida. “Desde os primeiros meses da pandemia asumimos cos comerciantes o compromiso de realizar esta bonificación. Logo de máis de dous meses traballando co ORAL para buscar como solucionar isto, demos coa fórmula que permitirá condonar as taxas do primeiro semestre do ano que vén”, declarou a rexedora.
Xeralización do sistema de compostaxe
No pleno extraordinario convocado este luns tamén se tratou a regularización da compostaxe.
En previsión da obrigatoriedade determinada pola Unión Europea para todos os estados membros de compostar en orixe ou recoller separadamente os biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023, o Concello de Tomiño decidiu adherirse á Fase II do Plan Revitaliza, que procura converter o modelo voluntario de compostaxe nun modelo xeralizado que leve o novo sistema de tratamento de residuos orgánicos ao 100% do territorio municipal.
A universalización e consolidación deste sistema torna xa inservibleo sistema de bonificacións que procuraba introducir a compostaxe no municipio, cando era de xeito voluntario. Agora mesmo o concello é quen facilita os composteiros, formación para a compostaxe e mesmo a visita de mestres composteiros a domicilio, nunha aposta para que o concello cumpla as condicións impostas pola Unión Europea.
Os motivos desta supresión son, polo tanto, unha consecuencia lóxica ante a xeralización do novo sistema de xestión dos biorresiduos, cuxa implementación tivo uns custes asociados superiores aos 500.000 euros, e cuxo mantemento suporía un desaxuste orzamentario que comprometería a saúde económica do Concello.