Imos detrás do Virus, somo como o Coiote que persegue ao Correcamiños e nunca o da alcanzado. As medidas chegan tarde, cando deberían implementarse antes para atallar os efectos da pandemia. No estado español tanto o goberno central como a administración autonómica non están actuando para atallar a expansión da Covid.
E por que non o fan? Por que non saben, por que son incompetentes ou por que non queren facelo? Xa sabíamos o que ia pasar, xa sabían como ia evolucionar a pandemia e que pasaría se non se tomaban medidas drásticas. Aquí estase repetindo o que aconteceu nos países asiáticos nós que primeiro comezou a pandemia.
China ou Vietnam son exemplos de como se debe combater a pandemia, con confinamentos, con control dos movementos da poboación, con probas masivas, etc. Porén, na Unión Europea e no estado español practícase un negacionismo racista. Xa non se falade China nos medios de comunicación, e non se fala por que alí están contendo e superando a pandemia, mentres nós imos cada día peor.
Se queremos vencer a pandemia debemos asumir medidas drásticas durante o tempo necesario:blindemos Galiza, como fixeron na China, fechemos os colexios, a hostalaría, as empresas non esenciais, paralicemos os desprazamentos entre comunidades, entre provincias, entre concellos.
Nestes países puxeron por diante a saúde da poboación, na UE e no estado español poñen por diante a economía, a conta de resultados das grandes empresas. Os nosos gobernantes actúan en función destes intereses económicos. “O importante é a economía”, repiten Feixoo e Ayuso. O capital non ten problema en sacrificar uns cantos centos ou miles de persoas para que continua a festa da produción.
E mentres todo isto acontece temos que escoitar discursos e proclamas pedíndonos responsabilidade, sentidiño, que debemos estar á altura como nós dicía recentemente a Alcaldesa de Marín, en definitiva que a culpa é nosa se nos contaxiamos. Neste sistema capitalista a responsabilidade sempre é individual, somos culpábeis de ser pobres, de non ter traballo, e agora tamén de contaxiármonos. Temos que reducir o contacto social, confinármonos voluntariamente, mais tamén temos que ir nuns medios de transporte ateigados de xente para ir ao traballo, estar nunhas aulas sen distancia nen ventilación pasando frío.
Confinan a fin de semana, confinan o noso tempo de descanso e lecer, pero manteñen desconfinado o noso tempo de traballo para seguir producindo, para salvar a súa economía e sacrificar a nosa saúde.
Os que practican a confusión e se negan a tomar medidas contundentes para cortar a pandemia, os que están desmantelando a sanidade pública e os servizos sociais pídennos estar á altura.
Deixemos de estar pendentes do que pasa en Madrid, das ocorrencias de Ayuso que só serven para desviar a atención do que pasa en Galiza, onde Feixoo toma as mesmas medidas que a presidenta madrileña sen que nós demos conta. Medidas insuficientes, coma os feches de fin de semana, para non prexudicar á economía.
Feixoo continúa no medio da pandemia coa súa política de recortes e deterioro da sanidade pública, continua secuestrando aos nosos maiores nunhas residencias privadas en mans dos seus amigos de DomusVi.
Continuamos cunha sanidade saturada: sen vacinas da gripe ao inicio da campaña, con colas nos centros de saúde, con listas de agarda cada día mais grandes na atención especializada, cun persoal sanitario e administrativo ao límite e con atención telefónica. E todo isto para que marchemos correndo a botarnos nos brazos da sanidade privada.
No centro de saúde de Marín temos que padecer esta situación sen que a nosa alcaldesa-deputada descolgue o teléfono e lle diga ao Presidente da Xunta, o presidente do seu partido, que solucione estes problemas. A quen lle toca estar á altura non é a nós, é a nosa Alcaldesa e o noso Presidente.
Marín, 3 de novembro de 2020.