A Gustavo García, bo e xeneroso, in memóriam

Gustavo García

O que ía ser unha tranquila mañá de sábado na que as circunstancias climatolóxicas convidaban ao acougo e o descanso contemplando o incesante bater da chuvia , de súpeto, o pasado día sete deste mes, mudou a un estado emocional de infinita tristura cando recibín a nova da morte do avogado vigués Gustavo García. No momento que abrín a negra mensaxe de whats app polo que me enterei do falecemento de Gustavo, o impacto foi brutal, como se un coitelo, de gume cruel, penetrase na miña alma feríndoa no máis íntimo e profundo e facendo agromar lembranzas dunha época vital escura que pensaba definitivamente soterrada. Eu coñecín a Gustavo no ano 2.005. Daquela traballaba como comercial nunha empresa de venda de libros, CREDSA, que pouco tempo antes fora mercada pola editorial Planeta, a que era a súa principal competencia no mundo da venda directa domiciliaria de enciclopedias. A partir de cambiarmos de propietarios a situación dos cerca de 600 comerciais que traballabamos na miña empresa mudou substancialmente a peor. Ao meu xuízo, comezamos a sufrir unha política de acoso brutal coa intención de facernos dimitir sen ningún tipo de indemnización, sacar á empresa do mercado, quedarse coa súa ampla carteira de clientes, e poder vender eles sen competencia. O estado das cousas chegou a ser angustioso para nós, os pedidos que faciamos eran sistemáticamente anulados pola propia empresa sempre co mesmo “argumento” ; “o cliente ten informes bancarios negativos e non se lle pode vender”. Así, unha vez e outra e outra , así batían en nós ata o infinito e como consecuencia , ao sermos comisionistas, non cobrabamos a fin de mes co que a fervenza de baixas voluntarias que se producían entre os vendedores era enorme. De feito, non me dá vergonza recoñecer que, eu mesmo, algún día daquel infausto ano non puiden comer porque non tiña posibilidades de pagarme un bocadillo. Algunhas compañeiras e compañeiros decidimos pelexar, batemos en todas as portas e en case todas obtivemos a mesma resposta :” non se pode facer nada, contra unha empresa desa dimensión non tendes nada que facer”. Só houbo dúas excepcións: A CIG e o avogado laboralista vigués Gustavo García. A central sindical nacionalista puxo todos os seus recursos para defendernos na loita contra o xigante e Gustavo amosou que era un tipo de persoa daquela que dicía Brecht “ os que loitan toda a vida son os imprescindibles”.Asumiu el só a defensa non sei exactamente de cantas compañeiras e compañeiros pero de varias ducias con certeza absoluta. Tivo que viaxar por xulgados de toda España. Estivo en Madrid, en Alacante en Extremadura en Aragón en León na Coruña en Barcelona …Tivo que pór cartos do seu peto para sufragar os inmensos gastos que aquela loita de máis dun ano ocasionou .Coa humilde colaboración de quen isto escribe artellou dúas manifestacións en Barcelona, fronte á sede da empresa. El ocupouse dos permisos, de xestionar os autobuses de traer uns gaiteiros para acompañar a nosa protesta pola diagonal barcelonesa. Que emoción máis profunda e que orgullo máis intenso camiñar ao seu carón polas rúas da capital catalá mentras escoitabamos a aquela banda, creo recordar que de Carballiño, interpretar o himno do noso país. Gustavo tiña o seu despacho na rúa Pi y Margall e alén do noso avogado foi tamén o noso psicólogo, o noso amigo, o noso compañeiro e o noso camarada. Naquel edficio decimonónico pasei , no ano longo que durou aquel conflicto laboral, centos de horas con el, conversando sobre tácticas e estratexias e a maioría das veces simplemente desafogando as miñas angustias cun home bo, que sabía escoitar e que sempre, pero sempre sen excepción, estaba para calquera cousa que puidese achegar. Aquel conflicto rematou.O talento e o esforzo de Gustavo logrou un máis que meritorio acordo coa empresa non sen antes ter celebrado varios xuízos, algúns resoltos favorablemente e outros resoltos de maneira totalmente contraria. O paso do tempo foi esvaecendo os recordos daquela época pero a pegada que Gustavo deixou nas nosas almas permaneceu intacta. El era un home moi implicado con todo tipo de causas xustas, con toda clase de seres humanos que sofrían nas súas carnes a dor e a inxustiza. Outras persoas que coñezan mellor a súa faceta a prol do pobo Kurdo, do pobo Sharaui ,da memoria histórica ..serán máis adecuadas ca min para honrar a memoria de Gustavo. Eu combatín con el, cóbado con cóbado, corazón con corazón e sei da inmensidade da súa alma boa e así teño a necesidade de expresalo sen despedirme del .Non quero despedirme del aínda, de feito non podo. A súa memoria, a memoria dun home bo e xeneroso permanecerá en min para sempre.