Paremos o xenocidio!

Badeira Palestina A Nova Peneira
Óscar Lomba Álvarez Presidente da Asociación Colectivo Rexurdir Galicia. Activista Social e membro de ProLingua.

Palestina sangra. Terra de oliveiras milenarias, os seus campos, cidades, vilas e aldeas están a ser arrasados, non só polo ruxido das armas, senón tamén polo cruel e implacábel silencio dun mundo que enxerga ao lonxe, que condena con verbas baleiras e que, coa súa inacción, permite que a maquinaria xenocida do Estado sionista de Israel continúe o seu desapiadado labor de exterminio. Os crimes dos colonos israelís, acubillados baixo o paraugas protector dun exército ocupante, non son feitos illados, nin respostas á operación de resistencia “Ao-Aqsa Flood”. Son, máis ben, a continuación dun plan sistemático de limpeza étnica que perdurou durante décadas, un plan cuxo obxectivo é claro: a erradicación ou exterminación do pobo palestino.

A ocupación israelí en Cisxordania non só se limitou á ocupación militar de terras; converteuse nun experimento de horror onde os dereitos humanos máis básicos son pisados acotío. Os colonos, armados até os dentes, patrullan as rúas con impunidade, sabendo que contan coa complicidade dun Estado que legalizou a violencia e a expropiación de terras palestinas. Desde os asentamentos ilegais, esparexen o terror en cada recanto de Palestina. Non esquecemos o cruel asasinato de Mohammed Abu Khdeir, secuestrado e queimado vivo en 2014, nin a tráxica morte do pequeno Ali Dawabsha, de tan só 18 meses, cando a súa casa foi incendiada por colonos en Duma. Como esquecer o inferno de Huwara, cando en febreiro de 2023 os colonos incendiaron todo ao seu paso, mentres o exército se mantiña como un espectador cómplice? Estes non son eventos illados; son a manifestación dunha ideoloxía supremacista que converteu o racismo en lei, e a colonización, nunha política de Estado.

A comunidade internacional, as Nacións Unidas, a Unión Europea, e mesmo algunhas voces en Occidente, expresaron a súa condena. Porén as súas palabras, por máis solemnes que soen, non lograron deter o sufrimento palestino. É máis, mentres se suceden estas mornas condenas, as hordas de colonos intensifican os seus ataques, e o Estado israelí, baixo a dirección de figuras fascistas e racistas, expande os asentamentos e legaliza o roubo de terras palestinas. O que estamos a presenciar é unha continuación dos masacres de 1948, cando as milicias sionistas executaron atrocidades para expulsar a centos de miles de palestinos dos seus fogares. Hoxe, a historia repítese coa mesma violencia, porén perante os ollos dun mundo que fachendea de ser defensor dos dereitos humanos.

Como explicar, entón, esta indiferenza global? Mentres os gobernos de Occidente vociferan en defensa da democracia, a súa cegueira moral ante os crimes do apartheid israelí é abafadora. Consideran os actos dos colonos como “violencia”, porén preséntanos como simples incidentes no caos dun conflito sen fin, no canto do que son: crimes de guerra, actos de terrorismo que procuran desposuír a todo un pobo da súa terra, a súa cultura e o seu dereito a existir. É esta a xustiza que pregoan? Onde está o clamor pola liberdade e a dignidade humana cando se trata do pobo palestino?

Entrementres, os líderes israelís, lonxe de tentar frear a barbarie, alimentan o lume. Figuras como Smotrich e Ben-Gvir non só incitan abertamente a expansión dos asentamentos, senón que promoven a eliminación física dos palestinos. Ben-Gvir, na súa grotesca visión de “seguridade”, chamou a un despregamento militar masivo para acabar con miles de palestinos, mentres Smotrich trama a anexión completa de Cisxordania, borrando calquera posibilidade dun futuro Estado palestino. Estes líderes non ocultan as súas intencións: desexan expulsar ao maior número posíbel de palestinos, erradicando a súa presenza da face da terra.

E mentres o mundo titubea, o exército israelí segue co seu letal dobre xogo: bombardea Gaza con impunidade, matando indiscriminadamente a civís, e en Cisxordania, reforza aos colonos con armas e recursos, convertendo as vilas palestinas en campos de batalla. Desde o 7 de outubro, os ataques dos colonos disparáronse: máis de 300 incidentes de violencia documentados, que inclúen disparos a civís, incendios de casas e campos, bloqueos de camiños e a destrución de cultivos. O obxectivo é claro: arrincar de raíz a vida palestina, destruír os seus medios de subsistencia, e sementar o medo até que non quede outra opción que o éxodo.

Ante esta realidade, o chamado é ineludíbel. Non podemos seguir sendo cómplices pasivos do xenocidio en curso. Cada acto de brutalidade contra o pobo palestino é un berro de auxilio que esixe unha resposta global, unha mobilización masiva que obrigue aos gobernos a actuar, que escache o ciclo de hipocrisía e compracencia. Non podemos aceptar as mornas sancións contra uns cantos colonos como unha solución. Non podemos aceptar que o apartheid israelí continúe destruíndo un pobo mentres as nacións que se proclaman defensoras dos dereitos humanos limítanse a emitir comunicados baleiros de contido. É hora de que as masas se ergan, de que o mundo enteiro se mobilice en defensa do pobo palestino, de que, como humanidade, esixamos axiña un fin decontado a esta ocupación criminal.

A historia xulgará a aqueles que permaneceron en silencio. Non podemos permitir que o sufrimento palestino siga sendo unha nota ao pé de páxina nos libros de historia. Debemos esixir xustiza agora. E para iso, debemos armar ao pobo palestino, non só con palabras de solidariedade, senón con accións concretas que fortalezan a súa resistencia e o seu dereito para defender a súa terra. Non pedimos máis violencia, senón a xusta defensa dun pobo que foi desposuído de todo, menos da súa dignidade. O pobo palestino ten dereito a resistir, ten dereito a loitar contra o terror que día a día lle impón o Estado sionista de Israel e os seus colonos.

A loita do pobo palestino é a loita de todos os pobos oprimidos do mundo. É un clamor por xustiza, por liberdade e por dignidade. Non podemos seguir ignorando a súa dor, non podemos seguir permitindo que a impunidade prevaleza. Se non actuamos agora, seremos cómplices do xenocidio que se está perpetrando en plena luz do día. Chegou o momento de erguer a voz e de tomar partido, porque a causa palestina é a causa de toda a humanidade.

Dende o Río até o Mar Palestina Vencerá!