Xavier Rodríguez
No ano 2004 adxudicouse o contrato da recollida do lixo en Nigrán envolto en polémica. Tanta que a súa adxudicación acabou en xuízo, no que a fiscalía mantiña que o contrato fora amañado. Non se puideron probar tales acusacións e os investigados remataron absoltos, aínda que a irregularidade que presidiu o procedemento foi escandalosa.
Para os optimistas que pensan que máis de 20 anos despois as cousas son ben distintas teño malas novas. A nova licitación viuse paralizada porque a mesa de contratación negouse a aprobar a valoración das ofertas realizada por unha consultora externa que outorga unha desproporcionada vantaxe a unha das candidatas, cunha evidente falla de motivación e coherencia nas puntuacións.
No ano 2004 a licitación resolveuse a un prezo un 52% maior que o que había na época no que se fixera o anterior contrato. Agora o prego proxecta un gasto que supón un aumento de máis dun 50% sobre o actual. O día da marmota.
O Prego de Cláusulas Administrativas Particulares foi realizado pola consultora externa Intoconsulting. Un encargo adxudicado directamente, sen concurso algún, e que ten como resultado elevar a 33 millóns de euros o orzamentado para o novo contrato, de 10 anos de duración. O maior, con moito, da historia de Nigrán. O máis escandaloso do asunto é que, en numerosas ocasións, os técnicos advertiron do exceso de frecuencias de recollida de residuos e da súa ineficacia, e tales advertencias foron deliberadamente ignoradas. Os informes técnicos sinalaban que as frecuencias incluídas no prego eran desmesuradas, que suporían un custe innecesariamente inflado para as arcas municipais e que serían ineficientes para a prestación do servizo.
A pesar diso, fíxose caso omiso e decidiuse manter esas frecuencias, co aval expreso do propio asesor externo, e é aquí cando aparece a sorpresa final que faría encaixar todas as pezas. Unha vez presentadas as ofertas, catro para ser exactos, unha delas incumpre as frecuencias mínimas tan elevadas que se establecen no prego, reducindo a menos da metade a frecuencia real de recollida da fracción resto. Para asombro da mesa de contratación, o informe de valoración das ofertas non só non a exclúe, senón que resulta a máis valorada. Sabedes quen fixo ese informe de valoración das ofertas? Premio! O mesmo asesor externo que redactou o prego no que estableceu que as frecuencias mínimas eran de obrigado cumprimento, pero que agora valora como excelente que unha das empresas, a UTE COPASA-GESECO-ORESA, diga que o servizo o presta todos os días pero recollendo a metade dos colectores. Vivan as solucións imaxinativas!
Fíxose caso omiso das advertencias dos técnicos que sinalaban o oneroso e innecesario das frecuencias mínimas establecidas e decidiuse mantelas, e agora, á vista das ofertas, considérase como a mellor opción para a Administración precisamente aquilo que no seu día foi rexeitado e que agora se valora, iso si, despois de que o importe da licitación engordara artificialmente e de que o resto das empresas axustasen as súas propostas ao requirido nos pregos. Neste sentido a xefa de sección de residuos da Deputación de Pontevedra indicaba “as frecuencias das recollidas da fracción resto e dos biorresiduos son desmesuradas.” Finalmente o informe do interventor daba no cravo ao constatar a “Non acreditación documental da procedencia das frecuencias mínimas de recollida de residuos municipais, o que supón maiores custos para o Concello de Nigrán e suporán incrementos nos importes da taxa pola prestación do servizo de recollida do lixo”. Non pasa nada, pagaremos todos, como sempre…todo segue igual.
