Entre maio e xullo, o drama

Moncho Lareu, Profesor
Moncho Lareu, profesor

Entre unhas urnas e outras, separadas tan só por dous meses, comprobamos o triunfo da abstención entre unha clase traballadora desencantada co electoralismo, orfa de referentes fiábeis e denudada de opcións representativas. O proletariado nin temos a quen votar, nin vemos útil votar. E se votamos, facémolo co nariz tapado e polo “mal menor”. É a vitoria do réxime monárquico liberal establecido con escasa participación democrática en 1978 e o fracaso das súas alternativas: ou ausentes, ou derrotadas, ou fragmentadas até o átomo. É unha traxicomedia con tres cadros. Ímolo ver:

I. O goberno accidental –e accidentado– da pequena burguesía reformista, dividido entre un PSOE otanista que é un instrumento cínico e sibilino fundamental do R78 e un UP que fracasou na vía electoralista por reformar o mesmo, encargouse de pechar dende a desmobilización a crise político-institucional que levou ao xefe da banda dos Borbóns a abdicar, e unha vez que cumpriu a súa función, estorba aos que realmente ostentan o Poder dende os consellos de administración, as cúpulas bancarias e os palcos futbolísticos. Observamos aí aos medios ligados ao PSOE facendo intentando rescatalo acabando co espazo á súa esquerda, dividido entre yolandistas e pablistas.

II. O búnker da alta burguesía reaccionaria está representado por unha dereita españolista sen cultura democrática ninguna que emprega todos os medios ao seu alcance (mediáticos, xudiciais, policiais…) para recuperar o que pensan que lles pertence por dereito natural. Ultraliberais e liberalfascistas con mentalidade golpista e revanchista que exportan receitas americanas –Trump, Bolsonaro, Lasso, Bukele– para desestabilizar e asaltar todo o que non está ao seu alcance. O fedor evanxelista mistúrase aquí con telepredicadores en prime time, togas ultracatólicas, lawfare e montaxes, El Yunque, FAES, o Opus… e un etcétera que constitúe un novo Movimiento Nazi-onal nunha Nova Cruzada.

III. As chamadas “nacionalidades históricas” xa non contan con espazos rupturistas de seu que loiten por superar o Réxime do 78 e avantar decididamente cara procesos constituíntes dende os que exercer o dereito de autodeterminación (decidir absolutamente todo). O trío Bloque-Bildu-Esquerra non arela máis que xestionar as súas autonomías, vivir delas e ter forza nas Cortes “de Madrid” para condicionar gobernos e esixir peaxes político-económicas. As alternativas non-sistémicas –ou menos sistémicas– a este trío reformista, ou ben quedaron moi enfraquecidas (Anova), ou ben permanecen estancadas (CUP), ou aínda están en construción (Mugimendu Sozialista).

Cae o pano. E para nós, o proletariado, non hai máis disxuntiva que a recuperación –ou reconstrución– das nosas propias ferramentas, (esas que fomos perdendo, desprezamos de forma errada ou quedaron esnaquizadas en etapas anteriores): un forte e unificado Partido de clase; un sindicalismo combativo e democrático sen ataduras; un estudantado rebelde e asambleario que loite polos seus dereitos; un movemento popular amplo de autodefensa radical e de defensa da terra. É así. Veñen tempos duros e cómpre ter todo o aparello limpo e ben engraxado.