Los Puenteareanos

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Carlos Caballero
Xoán Carlos Caballero – Mestre no CEIP de Salvaterra

A Ponteareas acaba de retornar o sector “puenteareano” del PP. Desapareceron da vila a principios de século despois de chuchar das arcas municipais durante décadas. O Partido Popular presenta como candidata a unha descoñecida para varias xeracións ponteareás. Pero non se preocupen que a partires de agora comezarán a escoitar falar dela, a vela nalgunha cafetería ou camiñando pola rúa saudando, cun sorriso de orella a orella, para darse a coñecer.

A xeración do Xabarín Clube non ten a máis remota idea de quen é Nava Castro. Os electores que agora teñen 30 anos tiñan 10 cando deixou de ser alcaldesa e os de 20 aínda non naceran. Quizais por iso, emulando a Ayuso, sacou da lavadora ao noso Nacho Cano, ao cantante do Caimán do Río Tea.

A este sector de poboación, que daquela aínda non podía votar, imaxino que lle sorprenderá descubrir a rocambolesca vida laboral da candidata popular e o que cobra, segundo o portal de transparencia. Seguro que lles chaman a atención os motivos polo que foi deputada no parlamento galego substituíndo a Pablo Crespo, cabecilla da Gürtel, agora na cadea por saquear as arcas públicas.ou as razóns polas que conseguiu ser deputada no parlamento español. Preguntaranse como pode ser Directora de Turismo e descoñecer de onde son os peliqueiros e cigarróns, onde está situada Estaca de Bares ou a dificultade que ten para expresarse na lingua do propio país ao que representa.

Os votantes de entre 18 e 35 anos, dubido moito que se vexan representados por unha persoa que chegou tan arriba non por méritos propios senón por ser filla de, amiga de, parente de ou por trapicheos nos despachos.

A xente nova de hoxe ten que sacrificarse. Moitos traballan para facer unha carreira, outros teñen dous traballos para chegar a fin de mes. Abondan os que comparten piso entre catro, os que esconden as licenciaturas, os masters, títulos de posgrado e coñecemento de idiomas. para atopar traballos en precario.

O cantante do Caimán do Río Tea é coñecedor do que acabo de relatar e de como incumprindo a lei, a agora candidata, negouse a retirada do monumento a Franco situado na Praza Maior. Non sei si ten pensado poñer a súa lideresa como exemplo de éxito persoal e profesional á xuventude, aos parados, aos aspirantes a mileuristas, traballadores en precario e pluriempregados que non chegan a fin de mes, etc.