COUSAS DE SALVATERRA

COUSAS DE SALVATERRA. Prosigue a guerra, 1648 – 1652

Prosigue a guerra, 1648 – 1652

Antón Lourenzo, veciño da Vila
Antón Lourenzo, veciño da Vila

Na provincia de Entre Douro e Minho, non houbo este ano de 1648, accións dignas de memoria. Estaba o Conde de Castell-Melhor desexoso de manter a calma e conservar sen dano calquera intento do inimigo de desbaratar a sua prevención, tendo por máis útil a conservación das posicións que xa tiña que de conquistar outras. Deixaba os pobos descansar e recuperarse.

Neste tempo tiveron noticia os portugueses de que os galegos determinaban atacar Monte Alegre. Tomando con moito coidado as prevencións oportunas, pediron socorro a Entre Douro e Minho e mandoulle o Conde de Castell-Melhor ós Capitáns de cabalos Diogo de Britto Coutinho e a Antonio de Queyrós Mascarenhas coas súas Compañías. Entraron pola Galiza, sen recibir dano algún, chegaron a Tras os Montes fortalecendo a defensa da comarca e cando pasou o perigo volveron polos mesmos camiños da ida sen atopar resistencia, póndolle lume a algún lugares abertos.

O certo é que nese ano a maior parte das operacións militares tiveron lugar na zona da Extremadura e Alentexo.

Un feito moi salientable constitúeo o nacemento en Lisboa o 26 de abril, o Infante Dom Pedro, quinto fillo do rei João IV de Portugal e da sua esposa, a raíña Dona Luisa de Gusmão.

Entrou o ano 1649, o Conde de Castell-Melhor continuaba sendo o Gobernador da provincia de Entre Douro e Minho. Foi chamado a Lisboa polo Rey, ficando no seu lugar o Mestre de Campo Francisco Peres da Silva, substituído logo polo Vizconde Dom Diogo de Lima. Chegou a Provincia e comprobou o estado de parón da guerra. Tivo aviso de que o Conde de S. Estevo xuntaba xente en Tui, e querendo mostrar o pouco que recelaba daquelas prevencións, xuntou dous mil Infantes e douscentos cabalos e con esta xente saqueou o lugar de Bandexa, despois de algunha resistencia que os moradores fixeran. Acudiran os galegos a socorrer o lugar e tendo noticia que estaba destruído, marcharon sobre Lindoso. Porén atopárono tan ben guarnecido, que se tiveron que retirar con algún dano. Intentárono no distrito de Castro Laboreiro querendo apañar o gando que alí había, non o conseguiron pola resistencia dos portugueses. Co fin destas accións volveu o sosego a ámbalas partes.

Entrou o novo ano de 1650, ano no que tampouco deu moito de sí a guerra o longo da fronteira miñoto-galega, salvo pequenas escaramuzas. Soubo o Vizconde que o Conde de S. Estevo determinaba entrar con moita forza na Provincia de Tras os Montes. Para distraer este intento, xuntou o Vizconde unha forza coa que arruinou algunha Atalaia e fixo o amago de atacar o forte da Fillaboa. Volveu o Conde de S. Estevo a reedificar a Atalaia (que inda que non o din as fontes, seguramente era a Atalaia de Porto), e abandonou a operación de atacar Tras os Montes, pasando o resto do ano con igual sosego de unha e outra parte.

Entra o ano 1651. Na provincia de Entre Douro e Minho e a Galiza, continuaba unha tranquilidade relativa. O groso da guerra focalizábase na Extremadura e no Alentejo. Continuaba no goberno o Vizconde de Vila-Nova, mantendo as xentes en alerta pero sen enfrontamentos salientables. Tivo coñecemento nunha ocasión que os Galegos acuartelaban as súas tropas nos lugares da Portela e Vieira, reforzando as tropas de Monte Rei, e querendo incomodalos, mandou queimar estes lugares polo Tenente de Mestre de Campo Xeneral Luís de Oliveiros Famel con 800 Infantes e 70 cabalos. Logrouno sen resistencia algunha e retirándose con celeridade, os galegos non puideron evitalo.

Neste tempo xa se levantaran os fortes de Santiago de Aitona, Fillaboa e Fiolledo. Trataron os militares galegos que os moradores daqueles lugares tornaran a poboalos, por haber sido case todos destruídos, despois de que o Conde de Castel-Melhor tomara Salvaterra, porque o amparo dos fortes terían protección ante os perigos. Dando os paisanos crédito ós militares, volveronn habitar algúns lugares, entre eles Gandarela, na parroquia de Pesqueiras, que era o de maior poboación. O Vizconde non estaba disposto a tolerar este movemento e mandou queimar Gandarela polos Capitáns de Infantería Manoel de Barbeitos e Vicente de Bastos. Executouse a orde sen oposición e os galegos dos outros lugares con este aviso despoboáronos de novo. Volveronn os soldados dos fortes a persuadilos e para elo rodearon con unha trincheira os lugares de Tortoreos, Porto “Pedroso”, Liñares e “Outeirinho”. Parecéndolles esta bastante defensa volveron os lugares pero de novo o Vizconde desbaratoulle o intento atacando e destruíndo os lugares sin que os soldados dos fortes puideran evitalo, privándose así da utilidade da veciñanza dos paisanos.

Entrou o ano 1652. Continuando con unha situación militar relativamente tranquila, non houbo neste ano máis encontro que o atrevemento de avanzar, sen orden para elo, do Capitán Labarta, valeroso francés, este con poucos cabalos enfrontouse os soldados do forte de Santiago de Aitona, custándolle a vida o atrevemento e retirándose feridos a maior parte dos soldados que o acompañaban.

É preciso lembrar que o feito de estar a zona norte de Portugal e a Galiza, relativamente tranquila, non quere iso dicir que non houbera encarnecidas operacións militares, sobre todo na zona de Extremadura e Alentexo. Asemade o conflito estaba internacionalizado con enfrontamentos en Cataluña, Nápoles, Holanda, África, India, Brasil, etc.

“Historia do Portugal Restaurado, Luís de Meneses. Biblioteca Nnal. Lisboa.”

Salvaterra de Miño, 20 de febreiro do 2024