Cousas de Salvaterra de Miño

Ataque ao lugar de Tamuxe
Antón Lourenzo, veciño da Vila
Antón Lourenzo, veciño da Vila

ATAQUE AO LUGAR DE TAMUXE

Parece como se o Conde de Castel Melhor formara unha serpe de duas cabezas atacando en diversos lugares e distantes entre sí, o dous de xullo de 1643, na barra de Camiña, catro días despois en Dasteriz, e hoxe dezasete, outra vez na foz do Miño.

Sabendo o Conde da dificultade de acometer accións nesa zona do Miño, con ventos desfavorables e as mareas cambiantes, non cesou no empeño de conseguir o seu obxectivo, dada a importancia que para el tiña aquel porto onde se recollían as barcas dos galegos.

Intentou xa que logo de novo a empresa. É Tamuxe un lugar perto da vila da Garda, pegado o río Miño, en fronte das feregresías de Seixas e Lanhelas, perto tamén da vila do Rosal, vila composta de até cen veciños.

Ordenou o Conde ó Capitán Christóvão Mausinho de Vasconcelos que reunira catrocentos Infantes tirados da súa compañía e da do Capitán Rodrigo de Moura Coutinho, as duas situadas en Lanhelas, con orde de se xuntar no entorno das dúas horas despois de media noite, no lugar que se chama S. Bento de Caminha. Quixo o Conde que fose neste punto para axudarse da oscuridade da noite, pero tardaron en reunirse e tivo o Conde que ordenar a Ruy Pereira de Souto Mayor e a Francisco Rebello de Sousa, fosen a axilizar o encontro, ao final, lograron reunirse no punto indicado os Infantes e ainda máis xente de Caminha.

Cruzado o río con todo sixilo, chegaron ao lugar do desembarco, atacaron ao enemigo con tal ousadía e determinación, que a pesar da resistencia encontrada no lugar de Tamuxe, entraron, saquearon e queimaron todo, deixando tras de sí mortos, nove dos séus moradores.

Tiña orden o Capitán Christovão Mausinho de gañar a ponte que alí había, capturar os barcos de guerra postos no esteiro perto da desembocadura, na que entra tres cuartos de legua e que aproveita as subidas do mar ancheándose notablemente. De non poder capturalos, debían queimalos ou quebralos, saquese o lugar e destruise todo o que poidera.

Capturaron algúns barcos, pero por ir baixando a marea non puideron ir a polos que se encontraban máis río arriba. Retiráronse con tan só unha baixa mortal e catorce feridos, entre eles un criado do Conde.

Ataque ao lugar de tamuxe

ATAQUE A FERREIROS, PEREIRAS e GUXINDE, Terras de ENTRIMO.

Estaba o Conde eufórico con tantas vitorias, quería que se soubese que para súa resolución non había nesta guerra cousa, por difícil que fose, que el non acometera. Foi así como resolveu entrar nos lugares de Ferreiros, Pereiras, Guxinde, nas Terras de Entrimo, povoados nos seus termos máis de 400 veciños.

Para ese fin deu orde o Capitán Duquiné, (Pedro Mauricio Duquesne) de nación francés, que se atopaba en Melgaço, saise a campaña con seiscentos soldados das compañías dos Capitáns Antonio de Queirós Mascarenhas e Antonio de Sousa, da ordenanza de Valadares.

Executouse a orden e marchouse deste modo; na vangarda ía o Capitán Duquiné para envestir Ferreiros, entrando máis media legua por Galiza, a distancia marchava o seu Alférez Lanut con vintecinco aventureiros, os cales seguíu a súa compañía e con ela Don João de Sousa. Tratábase de entablar un primeiro contacto cos galegos nos lugares de Guxinde e Pereiras e cando estes acudiran a escaramuza, entrase Antonio de Queirós, Capitán Maior de Valladares, co groso das tropas que viña na retagarda, e os derrotaran.

O ímpetu con que os portugueses acometeron o ataque, alterou estes plans, porque Duquiné acometeu Ferreiros, Antonio de Queirós, Pereiras, os de Valadares, Guxinde. Destes asaltos ficaron mortos de entrada máis de vinte enemigos. Viñan a defenderse os galegos acrecentando o número e con tal furor, como quen defendía a súa casa, facenda, muller e fillos, de forma que obligaron o Capitán Duquiné a tomar unha altura onde protexerse, no entanto Don João de Sousa queimaba e arrasaba o lugar de Ferreiros, onde sendo por eles envestido, defendeuse e matou a oito.

Non fixo menos Antonio de Queirós e Pedro de Betancor de Freitas en Ferreiros, ficando mortos máis de trinta galegos, levando na retirada daqueles lugares máis de tres mil cabezas de gando para Portugal.

Sentindo os galegos por todas partes o dano das armas portuguesas, chegóulle o Conde de Castel Melhor orde do Rei para continuar a guerra coa maior presión posíbel, sendo o fin distraer o maior número de medios humanos e materiales do rei castelán na fronteira do norte, debilitando deste xeito o poder dos castellanos na parte da Extremadura, onde o Rei determinaba encamiñar as forzas das armas portuguesas.

Para por en marcha este plan, en principio, non contou con medios nin socorros suficientes, polo que se viu obligado a contar cos séus propios medios. Convocou con gran dilixencia a xente máis desocupada e útil da provincia.

Xuntouse toda en Monção o 13 de agosto de 1643, en número de cinco mil infantes, dos que eran de pago novecentos, e escasos cincuenta cabalos. Dividiu a infanería en sete tercios e, con esta xente determinou o Conde voltar sobre Salvaterra, conquistala, fortificala e conservar aquela praza, parecéndolle xustamente o punto máis útil para acometer outros lugares da Galiza e así foi por espazo de dezaseis anos.

Sen dúbida o ideal sería acometer o ataque sobre Tui, pero era evidente que estaba mellor fortificada e defendida.

Salvaterra a 14 de outubro do 2022

Joaõ Salgado de Araujo. Guerras con Portugal. Biblioteca Nacional de Lisboa.

Historia de Portugal restaurado. Biblioteca Penzol. Vigo.

Agradecemento especial a D. Jesús Presa de Cabreira, Salvaterra de Miño, pola súa xenerosidade de me fornecer información sobre este e outros temas. Autor do moi interesante blog “largandolastreyletras”.