Nesta vida todo rompe.
Un vaso cando cae ó chan mentras arrombabas a mesa para o xantar e sonou o telefonillo da casa. A carteira outra vez. Sempre chama á miña casa porque na miña casa sempre hai xente.
Unha fiestra cando lle tiras unha pedra de mala hostia porque hoxe tiveches un mal día e non atopabas outro xeito de atalo nervio e seguir sendo un home bo, un exemplo para os teus fillos.
As palabras tamén rompen. Divídense en sílabas e logo vóltanse a xuntar. Os poetas contan sílabas cando queren escribir un soneto ou unha décima.
As promesas tamén rompen e cando rompes unha promesa xa niguén cre na túa palabra, xa ninguén cre en ti. Por iso, é mellor romper o cristal dunha fiestra.
O amor tamén rompe porque o amor non é como nos contaron. O amor non é o que nos contaron nas películas de amor; eterno. Por iso, aínda choramos cando o amor se rompe como un vaso que cae ó chan.
As estradas tamén rompen polo peso dos camións e o ininterrompido paso do coches de camiño ó traballo ou de volta do supermercado. Segundo contan estudios da universidade de Vigo a xente xa non anda o que andaba. Agora, a xente só anda o que lle di o seu reloxo intelixente, dez mil pasos ó día para unha vida con saúde. Máis de dez mil pasos só é aconsellable para deportistas de elite.
Rómpen os zapatos, a roupa e xa non hai zapatos nin roupa coma a de antes. Xa non quedan zapateiros para reparar os zapatos que veñen da China, de Pakistan ou da India. Tampouco quedan modistas para lle collelo baixo aos pantalóns que veñen xa rotos das fábricas clandestinas en países esdrúxulos. A xente nova vende na rede, en páxinas de segunda man, as máquinas de coser das súas avóas porque as súas casas son pequenas e non teñen sitio para trastos.
Os países tamén rompen, divídense como as palabras se dividen en sílibas. Cámbianse os marcos, as fronteiras, polas boas ou polas malas. A xente xa perdeu a memoria e tanto nos ten ver ríos, mares e terras cheos de sangue. O paises rómpense e logo, os defensores da patria son os primeiros en venderen os ancos ó mellor ofertante.
Rómpen as cadeas porque as cadeas non deixan a un vivir en paz. Non en tanto, dalgún xeito todos vivimos encadeados á algo ou á alguén.
Os lazos, como as cadeas, tamén rompen.
En certo modo, somos animais que precisamos sentírmonos parte dunha comunidade, dunha manada ou dunha tribu, tal como escribía Xesteira.
Non estamos afeitos a vivir en soidade, e, por iso, botamos a vida creando lazos, buscando acubillo como paxaros feridos.
Cando os lazos rompen non queda máis ca un baleiro que nos afoga, unha tristura desoladora coma un deserto.
Nesta vida todo rompe e non por iso a vida deixa de seguilo seu camiño por moitas pedras que guindemos contra os cristais.