XXV Festa do Cogomelo en Entenza

Festa cogumelo Salceda de Caselas

O pasado domingo 19 de novembro a parroquia de Entenza en Salceda de Caselas celebrou a vixésimo quinta edición da súa festa do Cogomelo. A festa organizada pola Asociación de Xóvenes “ A Turonia”de Entenza converteuse xa nun clásico da temporada de outono xa non da nosa comarca, senón de todo o país galego. Este ano alcanza a súa edición número 25, e un cuarto de século de vida ofrecendo ,aos milleiros de visitantes que estes anos se achegaron a Entenza a coñecela, exquisitos pratos cociñados a base de cogomelos de primeira calidade é, sen dúbida, unha ocasión extraordinaria para trasladar desde as nosas páxinas a admiración e o respecto aos seus organizadores.

Desde as 11:00 da maña, hora na que se abriu esta edición, centos de persoas se achegaron ao Centro Cultural de Entenza e nós, que tamén estivemos alí, somos testemuña de que a organización merece unha matrícula de honra polo seu traballo. Os aparcadoiros eran suficientes e sinalados de forma adecuada por persoal de protección civil, o recinto da festa amplo e limpo, a comida exquisita era servida de maneira áxil e eficiente, as actuacións musicais de enorme calidade, e os postos de artesanía que estaban na entrada do Centro Cultural ofrecían ao visitante unha alternativa de lecer, de moito interese, para complementar o aspecto puramente gastronómico. Alí estiveron as representantes das forzas políticas de Salceda: a súa alcaldesa Loli Castiñeira, a portavoz socialista e ex alcaldesa Verónica Tourón ou o concelleiro nacionalista Tano Guerra. E alí estivo tamén A Nova Peneira, grazas á xentileza da organización, coñecendo esta festa á que será un pracer asistir nas seguintes edicións.