Democracia, partitocracia e nomenclatura

Moncho Lareu, Profesor
Moncho Lareu

Reparemos nos nomes dos partidos burgueses. O PSOE é “socialista” e “obreiro”. O PP é “popular”, coma o partido romano que pretendía representar aos plebeos fronte aos patricios. Vox, bota man do termo latino que significa “voz”, coma quen quere ser a voz do pobo. En Portugal hai un partido de dereitas que se chama “socialdemócrata” e o CDS-PP, igual có desaparecido CDS español, é “social”. Noutros estados temos partidos moi reaccionarios que no seu nome son “libertarios” ou “da liberdade”, monárquicos que son “republicanos”… Cousas veredes.

Ningún partido é quen de chamarse “Partido Progre Otanista”, “Partido Casposo Oligarca”. “Partido da Burguesía”, “Partido Contra o Reparto da Riqueza”, “Partido Machista pola Contaminación”, “Partido Imperialista contra a Soberanía”. Non son parvos. Son produtos e saben venderse (apréciese a polisemia do termo). Parvos somos os que votamos neles pensando que son “socialistas”, “obreiros”, “populares”, “cidadáns”, “voz”, “socialdemócratas”, “sociais”, “libertarios”, ou “da liberdade” cando son todo o contrario. Sen disimular.

Igual pensamos que é triunfo noso que teñan que chamarse así; igual pensamos que teñen que aceptar o noso discurso, que teñen que falar nos nosos termos. Nada diso. Realmente eses nomes son un engano máis, como cando o fan dende os seus xornais, dende a súas radios e televisións, dende as súas redes e editoriais… Os obreiros pensamos que estamos a votar nun partido obreiro, o pobo pensa que está a votar nun partido popular, os que podían non poden, o que non ten voz pensa que está a votar nun partido que lla dá. Iso si, Sumar resta e o Bloque anda bloqueado.

Relacionado con isto. Do punto de vista de clase, e dende a politoloxía académica, ningún réxime político actual é estrictamente democrático. Todos son ditaduras dunha clase sobre outra. Os estados socialistas teñen economías planificadas, aspiran a ser ditaduras do proletariado, pero botan man do eufemismo “democracia popular”. O termo ditadura está moi denostado e ten mala prensa. Pero, por outro lado, os estados capitalistas son economías de mercado, ditaduras da burguesía, e botan man tamén do eufemismo “democracia liberal”. A democracia real é un horizonte lonxano.

Ningún estado capitalista ten lexitimidade para se apropiar do nome “democracia”, é pura propaganda. Non pode haber democracia cando mandan os oligarcas, cando deciden os mercados, cando as eleccións “democráticas” son un teatro para que se turnen no goberno os dous partidos de sempre que escenifican diferencias pero despois fan o mesmo e mandan para os mesmos. E moito menos podemos falar de democracia cando a xefatura do estado é hereditaria. Engánannos cos nomes, engánannos cos termos baleirándoos de contido. Nomenclatura enganosa.

A que vén esta reflexión sobre palabras, nomenclatura, terminoloxía…? A colación dos debates xurdidos tras a agresión imperialista –“intervención” para os medios sistémicos– e o conseguinte secuestro –“captura” para os voceiros capitalistas – do Presidente Constitucional –“ditador” para os que se someten ao Imperio– de Venezuela e da súa parella, a Primeira Combatente. As palabras son manipuladas e manipulábeis porque as mentes tamén o son. Sen ocultarnos e sen botar man de eufemismos, insistimos, non hai alternativa: Comunismo ou barbarie.

Primer comentario

Deixa a túa opinión