Facturas

Artigo de opinión A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía

Asistimos desde hai semanas a un duro debate sobre a suba do prezo da electricidade. Día tras día bátese o récord do prezo do megawatt hora. Está en xogo o benestar e a saúde de moitos consumidores xunto á viabilidade de moitas empresas e dos propios plans de recuperación económica do goberno. Pero, ao meu entender, o barullo político que a alza continua dos prezos da enerxía levanta, atinxe, ademais de a problemas económicos inmediatos, a outro tema de máis calado, como é o do cambio climático, ou, máis exactamente, o de como someter as esixencias económicas ás esixencias da transición ecolóxica.

A esixencia é dobre. Procede dun modo inmediato da Lei Europea do clima de abril deste ano. Pero, detrás desa lei está o empeño por reducir a degradación do planeta provocada pola emisión de gases de efecto invernadoiro. Des que a revolución industrial comezou a queimar carbón para mover as máquinas de vapor, a liberación á atmosfera deses gases aumenta sen cesar, de forma que a actividade humana está a provocar cambios irreversibles e tal vez incompatibles coa propia vida humana na Biosfera.

Non é discutible que a actividade humana moldea a paisaxe, extingue especies e altera o sistema climático, cunha paixón que semella imparable. Os xeólogos, desde comezo de século, a consideran a principal forza xeolóxica actuando sobre o planeta. Pois ben, do que se trata é de serenar esa forza. Iso implica “cambios estruturais”, isto é, substituír de forma inmediata os combustibles fósiles por enerxías limpas. As máis desenvolvidas son a eólica, a solar, a das mareas e outras.

En efecto, as turbinas eólicas e os paneis solares non emiten gases e son cada vez máis baratos, pero, lamentablemente, a súa produción non é constante e non evitan a dependencia do sistema de produción de electricidade das centrais hidroeléctricas e das que empregan gas, as chamadas de ciclo combinado e, mesmo, das nucleares. Daquela, a produción de electricidade custa menos, pero o seu prezo final, o que paga o consumidor, sobre todo o consumidor doméstico, aumenta debido a que se paga toda a electricidade co prezo que ten acceder á electricidade máis cara.

E págase dese modo, o chamado “deseño marxinalista do mercado”, debido á necesidade de garantir as inversións nas empresas eléctricas. Trátase de que o negocio da enerxía sexa rendible. Se producir enerxía fose moi barato, deixaría de ser negocio. E se deixara de selo, os efectos económicos serían imprevisibles. Tal vez habería máis autoprodución, tal vez se produciría de xeito cooperativo ou mesmo pasaría a mans do Estado. En todo caso, os efectos sobre as catro grandes empresas, -hai máis dun cento- que venden o 90 % da electricidade no Reino serían desastrosos. E, en consecuencia, precisamente para evitar ese risco, así se aseguran a posición de dominio do oligopolio eléctrico. Velaí a incapacidade de principio do realismo capitalista para se serenar e se confrontar ao inédito reto de evitarmos que o planeta nos pase factura.