A Panadería Luisa abre o seu 3º local na nosa comarca

A Panadería Luisa abre o seu 3º local na nosa comarca

Luisa é unha muller de Redondela que hai pouco máis de tres anos iniciou unha experiencia empresarial abrindo unha panadería na parroquia de Berducido, do veciño concello de A Lama. Hoxe o éxito da panadería é incuestionable pois xa posúen 3 locais; o orixinal de Berducido, un despacho en Redondela que abriron no 2.019 e outro en Fornelos de Montes que veñen de inaugurar hai un par de meses. Nós alá fomos a coñecelos mellor e falamos con Luisa, a súa propietaria. Por certo, se poden proben as súas empanadas de millo, unha exquisitez inigualable

Luisa Peneira

Fago as empanadas de millo segundo me ensinou a miña avoa”

Como comezou esta aventura Luisa?

Pois por amor. O meu fillo namorouse dunha rapaza de Berducido, nós tivemos novas de que había a posibilidade de coller unha panadería na zona e un día fomos ata alí e ata hoxe.

Cando foi?

O 1 de abril do 2.018 logo abrimos o despacho de Redondela que fixo dous anos o 28 de febreiro, e finalmente este de Fornelos hai dous meses e medio

Tiñades experiencia previa neste mundo?

Eu tiña experiencia en pastelería e o meu home en Panadería.

Estás contenta da experiencia?

Si, a verdade é que está indo todo moi ben

Se tiveras que recomendarnos algunha das túas especialidades?

Nós tratamos de facer todo con amor e de que o cliente saia satisfeito. Se cadra un produto que ten moito éxito son as empanadas de millo. Fágoas seguindo unha receita que me ensinou a miña avoa e creo que quedan moi ricas, polo menos teñen moita demanda

En Fornelos levas moi pouco tempo, estás tan contenta do resultado do despacho como o estás do que tes en Redondela?

Si estou moi satisfeita coa aceptación dos clientes pero hai unha circunstancia que me desgusta e quero dicila

De que se trata?

Ben a nós obrígannos a deixar 1,5 metros de distancia entre as mesas da terraza e a fin da beirarrúa para que puidera pasar unha persoa que precise usar cadeira de rodas, pero non todo o mundo cumpre esa norma. E a min paréceme moi ben cumprir as normas pero só pido que as teñamos que cumprir todos por igual.