O Festival de Cans faise maior de idade

Festival de Cans
G.Figueiredo

A súa XVIII edición celebrarase do 1 ao 4 de setembro

O pasado 18 de agosto tanto a organización do festival co seu director Alfonso Pato, como as diferentes autoridades políticas que o apoian fixeron a súa XVIII presentación no xa ben coñecido torreiro de Cans.

CANS RECUPERA O PULSO no medio da pandemia CON CASE 40 ACTIVIDADES E 25 CURTAMETRAXES A CONCURSO.

Esta xa é a segunda edición que ten que mudar de data por mor desta pandemia mundial que nos asola e non nos quere deixar atrás. Desta volta celebrarase o festival no mes de setembro coma a anterior edición, do 1 ao 4, e coas restricións sanitarias que nos acompañan desde ano e medio xa. Cineastas de Israel, Brasil, Portugal ou Colombia pasarán pola nova edición do certame. “Responsabilidade, resistencia e rebeldía”, Velaí os tres factores que están detrás da proposta e programación do Festival este ano. Así o dixo o seu director, Alfonso Pato.

A alcaldesa Eva García eloxiou ao Festival de Cans como “distintivo da identidade do Porriño, é de todos nós” e como sinal desa condición referiu o recente acordo unánime da corporación municipal que decidiu dobrar a achega que o Concello outorga para a organización deste evento. Concretamente de 20.000 a 40.000 euros que recibe neste ano.

A rexedora lembrou primeiramente na súa intervención que hai un ano “afrontamos unha situación inédita coa pandemia” e significou que o Festival de Cans “foi quen de ter a valentía de facer unha proposta moi responsable e levar a cabo a edición de 2020, co apoio de institucións e patrocinadores que estivemos ao voso lado”.

Pola súa banda, Cami Moreira, concelleira de Cultura agradeceu a colaboración entre o Concello e a asociación “Arela”, organizadora do certame audiovisual, “polo seu bo dispor”. A concelleira reivindicou ao Festival de Cans “coma a canle que nos transmite coñecementos e ideas, tradicións e costumes que nos identifican como ‘jalpón’, como parroquia, que nos identifican como pobo, como país e como planeta”.

Ao acto de presentación do XVIII Festival de Cans tamén asistiron Roman Rodríguez, conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia que lembrou a importancia deste certame “para o desenvolvemento do audiovisual na nosa comunidade” e Vitoria Alonso, deputada delegada que reivindicou o apoio da Deputación de Pontevedra que “inclúe ao festival de Cans no abeiro do programa Rías Baixas Film Fest que patrocina o organismo provincial.

Durante 4 días, celebraranse preto de 40 actividades, dende proxeccións a roteiros, concertos, exposicións ou coloquios. O Festival recupera ademais este ano algúns dos seus espazos máis emblemáticos. Son os casos do Baixo do Moncho, a Casa do Carreira ou o Invernadoiro de Mucha e Juan do Peso ata sumar 11 espazos. As normas de seguridade seguen a estar no centro da organización. Pero os avances na loita contra a pandemia tamén permiten recuperar eses espazos ou volver celebrar actividades no Torreiro.

Un total de 15 curtametraxes formarán parte este ano da sección oficial da competición de ficción e animación no Festival. Ata 8 estrearanse en Cans. Entre elas están “What a Circus”, dirixida pola coruñesa Anita Pico, que supón a estrea en España desta obra seleccionada por un programa de Xoves talentos da BBC; “Retorno a Eleusis”, animación de Borja Santomé, gañador de Cans en 2018, ou “Deux Options”, obra do vigués Gon Caride, seleccionada xa en numerosos festivais internacionais.

Xunto a estas 15  curtametraxes participan noutras seccións competitivas do certame as 10 da categoría de Furacáns e as 8 da sección Novas Camadas. Son, en total, 34 as obras en competición. Ademáis, 20 videoclips competirán polo premio do xurado na Noite Lasal dos videoclips, un vibrante escaparate da música do momento en Galicia. Fóra de competición, Cans acollerá a estrea de catro longametraxes.

A promoción do diálogo cos cineastas, e entre cineastas, está entre os eixos de traballo do certame. De aí outra das novidades da programación deste ano. Inaugúrase a sección ’Correspondencias’. Nela, realizadoras e realizadores de Galicia intercambian ’cartas’ audiovisuais sobre a vida, a cinematografía, o mundo… Inaugurará esta sección a presentación dalgunhas das partes da ’correspondencia’ audiovisual que mantiveron dende o confinamento o director colombiano Samuel Moreno e máis o galego Eloy Rodríguez Serén.

No ámbito internacional, cómpre salientar tamén  a presenza do portugués Nuno Beato, que presentará avance do seu filme. Tamén participa no Festival a realizadora israelí Imbar Horesh.

Os profesionais do audiovisual e da cultura volverán percorrer en chimpín unha aldea de cinema que este ano homenaxea no seu Festival ao realizador galego Jorge Coira, ao actor Tamar Novás, e á veciña Marisol González, unha das moitas que levan anos apoiando con compromiso e desinterese o desenvolvemento do Festival. Tamén será homenaxeado o inesquecible Silvino González, o colocador das estrelas, veciño da aldea e tristemente falecido hai pouco tempo.

Nos paseos en chimpín tamén será obrigatorio o tapabocas. O mesmo que en todas as actividades do evento. Entre as medidas de seguridade tamén está a redución do aforo nun 50%. Mesmo nos chimpíns, nos que non poderán subir máis de 4 persoas a un tempo.

A aldea deberá ser desaloxada cada día antes da 1AM polo público, que só poderá chegar ao Festival en bus se conta con entradas ou inscricións para as súas actividades. Non haberá aparcadoiros para o público en Cans.

As actividades con preinscripción previa porán facerse no seguinte enlace: https://tenda.festivaldecans.com/inscricions.html

As actividades con entrada de pago anticipada en: https://tenda.festivaldecans.com/entradas-festival-de-cans.html

O Festival de Cans volve propoñer, tamén, actividades didácticas para nenas e nenos relacionadas coa cultura e o cinema. Eis os roteiros literarios ou musicais, con clásicos do certame coma o escritor Carlos Meixide e o polifacético creador Xurxo Souto.   A XVIII edición do Festival de Cans ten entre os seus principais patrocinadores a Estrella Galicia, Galicia Calidade, Gadis, Xunta de Galicia, Concello de O Porriño, Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Cultura do Goberno de España, a través do ICAA.

Todas estas catividades concentraranse entre a contorna do Concello de Porriño e a parroquia de Cans nos catro días de festival, podedes ver a programación completa na web do festival.

Desexamos que esta pandemia pase de largo das nosas vidas e poidamos voltar aos bicos, abrazos e agarimos sen ter que lavar o cubrebocas para poder volver vernos as caras e que este aniversario sexa, dentro desta situación, outro gran éxito. Parabéns a esta organización por non amedrentarse e tirar cara a adiante para non deixarnos sen este gran festival cineasta que nada ten que ver co outro francés co que comparten nada máis que o nome.

Alfonso “Pato”, director do festival de Cans

Cando estudei a carreira en Compostela de cando en vez compartía cañas cun rapaz de Cans ao que lle encantaba o cinema. E xa daquela comentaba aos seus amigos e amigas que lle gustaría moito poder organizar un festival de cinema na aldea que lle viu nacer. O meu compañeiro de conversas e ilusións adolescentes era Alfonso, o actual director do festival de Cans, ao que habería que recoñecerlle como se merece o inmenso mérito da “tolemia” que supón converter os soños en realidades. Velaí vai a conversa que me encantou ter e agardo que sexa o petisco da caña que pronto poida volver a compartir con el

Tino Lago

A miña ilusión é que cando Alfonso Pato non estea o Festival de Cans siga estando”

Unha nova edición e xa van XVIII

Si, cumprimos a maioría de idade e , se cadra, é un compoñente de ilusión engadido aínda que nun contexto, igual có ano pasado, enormemente complexo

Lembras como comezou todo?

Comezou, como moitas outras cousas, case como unha broma de bar nunha tarde de sábado dun mes de maio. E recordo o día exacto pois coincidiu coa voda do actual xefe do estado nun día de moita chuvia en Madrid e claro, azul e luminoso en Cans. Esa primeira edición xa foi un grande éxito pois arredor de 500 persoas pasaron pola aldea a facernos compañía

Pero eu creo, Alfonso, que todo isto debeu de comezar na túa cabeza moito tempo antes que os 18 anos de vida que ten o festival. Ti e eu estudamos a mesma carreira e temos compartido algunha que outra caña naquelas luminosas noites da Compostela dos anos 90 do pasado século, e lembro a un rapaz que sentía paixón polo cinema e que xa daquela, na segunda década da súa vida, comentáballe aos seus amigos que lle faría unha ilusión enorme organizar un festival na aldea na que naceu?

Vaia memoria que tes. Efectivamente foi así. Eu xa desde moi rapaz tiña na cabeza organizar algún tipo de encontro cultural arredor do cine .E chegou un momento en que as lapas se espallan, as cousas encaixan e eu dei coa asociación cultural Arela que xa organizara algunhas cousas e comezamos a probar todo. A verdade é que o resultado final foi moi bo, mellor do esperado

A primeira vez, Alfonso, cando comentaches cos teus amigos e amigas a intención de organizar un festival de cinema que levara o nome da túa parroquia, supoño que aproveitando a analoxía fonética co famoso festival francés, non alucinaron?

Ben, a verdade é que inicialmente á veciñanza parecíalle todo un pouco “ marciano” porque claro sen visualizalo antes ninguén pode saber o que tes intención de facer. Pero como as catro casas que comezaron o festival eran de familia e amigos deixáronnos facer iso si, coa condición de non romper nada

Ha ha ha ha ha. E supoño que quedarían abraiados co resultado?

Si, igual ca min. Como che dixen antes o resultado foi mellor do esperado. Ao principio non agardabamos a dimensión que colleu nin de lonxe. Foi a partir da 4º ou 5º edición cando comezamos a decatármonos das enormes potencialidades que tiña o festival. Alí xa demos o cambio ao semi profesionalismo e a construírmos unha estrutura xurídica e administrativa que lle dera seguridade ao festival

Este ano , igual có anterior , celebrádelo en setembro pero o habitual é maio non?

Si, agardemos que este pesadelo pandémico remate canto antes e xa na edición vindeira podermos recuperar as nosas datas naturais

O ano pasado a celebración do festival correu perigo?

Si, correu moito perigo.

Neste contexto pandémico a captación de patrocinadores resulta moito máis difícil do normal?

A maioría de patrocinadores mantivéronse , agás pequenos negocios locais, que son aos que máis lles afecta esta situación. Nós o ano pasado mantivémolo pois levan tempo con nós e queriamos que seguiran. O peor, porén, resulta da extrema dificultade de xerar recursos propios pois a restrición de espectadores implica moitas menos entradas e dificulta a venda de camisolas, bebidas…..Afortunadamente as institucións portáronse moi ben

O festival está xa inserido na psique colectiva de maneira que estea a salvo de calquera conxuntura política?

Eu creo que si. Non creo que haxa problema por aí. Se cadra o problema poida estar no relevo xeracional

Cando Alfonso “pato” non estea o festival de Cans vai estar?

Eu agardo que si. É a miña ilusión. Hai xente por detrás que ten moita experiencia, sabe facer as cousas, e máis pronto que tarde terá que haber relevo xeracional. Eu quero estar apoiando ao festival toda a miña vida, pero non estar ao fronte toda a vida

Ti segues tan ilusionado como ao principio?

Rotundamente si. É unha honra para min facer un festival de cine na aldea na que nacín e na que algún día repousarán os meus restos

Rematamos Alfonso. Algunha característica especial desta edición que queiras destacar?

Manteremos a estrutura do ano pasado con aforos reducidos e con poucas entradas. Para acceder a Cans hai que ter algunha pre inscrición feita. Agás un par de roteiros non haberán actividades de pé. E ben, creo que o festival vai ter cousas moi interesantes como o encontro con Kleber Mendoça Filho, gran director brasileiro cuxas películas recibiron máis de 120 premios, teremos tamén un coloquio co historiador Ian Gibson no torreiro de Cans

Vaia luxo, supoño que xa teredes as prazas cubertas para escoitalo?

Si para escoitar a Ian, só se poden inscribir 100 persoas e xa está as prazas cubertas. Ian Gibson ten 85 anos e é case unha lenda. Teremos tamén as actuacións de Ses, a entrega do premio a Jorge Coira, o encontro con Celso Bugallo… e moitas cousas máis

E a competición de curtas claro?

Desde logo. Iso é a xoia da coroa do festival. O día 29 imos pechar a venda de entradas, estea que estea vendido, pois os protocolos sanitarios esixen que todo o mundo ten que estar rexistrado