A forzosa dependencia colonial que padece o noso País aséntase tamén na teimuda e amplificada inoculación dun discurso falsario que procura instalar a idea da incapacidade do pobo galego de nos valer por nós propias. Nese relato, subscrito nos feitos por aqueles que declarándose soberanistas renunciaron (por oportunismo electoral) ao principio de autoorganización, un mito ocupa o altar maior: o da Galiza subvencionada.
A afirmación, reiterada até a extenuación como mantra, de que Galiza non dispón de condicións para se soster económicamente por si propia e que subsiste por obra e graza da xenerosa caridade española é rotundamente falsa. Moi ao contrario, tal e como sinalan desde hai moitos anos os rigorosos traballos do economista Xosé Díaz, Galiza achega ben máis á facenda española do que recibe desta. No concreto, nos últimos datos dispoñíbeis, en 2019, o noso País transferiu ás arcas do Estado por volta de 13.212 millóns de euros, mais apenas recibiu en investimentos e transferencias estatais 8.650 millóns. Isto é: Madrid ficou con 4.562 millóns de euros de diñeiro galego.
Non é un feito conxuntural. É o resultado neto dun modelo de financiamento deseñado en función dos intereses centralistas do Estado e, como se verifica, netamente lesivo para os intereses de Galiza. Un modelo de financiamento, acordado en 2009 e caduco desde 2014, que non responde á realidade socioeconómica, territorial nin poboacional do noso País. Ao que podemos engadir o continuado espolio e drenaxe dos vizosos recursos da Galiza en favor dos intereses da metrópole madrileña e da súa oligarquía.
Cómpre, xa non só desmontar o mito falso co que se pretende xustificar a nosa dependencia nacional, senón despregarmos desde o concreto medidas que permitan avanzar na súa superación. Nesa dirección vai a proposta da denominada “Iniciativa Bóveda”, que ven de anunciar o BNG, para esixirmos un novo modelo de financiamento que pivote sobre un concerto económico e un cupo co Estado, como o que xa existe noutros territorios, e que permitiría orientar os recursos económicos de Galiza para a satisfacción das necesidades do noso pobo e o desenvolvemento do propio País. Para dispor dos recursos necesarios para a mellora e alargamento dos servizos público, para a potenciación das nosas capacidades produtivas ou para a vertebración do propio territorio.
É claro que mentras a chave dos cartos galegos estea en Madrid, os nosos problemas e necesidades nunca serán prioridade. Para mostra os vixentes orzamentos xerais do Estado, aprobados por PSOE e Unidas Podemos, que reducen nun 11,4% os investimentos en Galiza sobre os xa miserentos presupostos elaborados polo PP en 2018.
Fronte a falacia da Galiza pobre que subsiste chuchando do teto español, a mellor réplica é a de apostar sen complexos por erguer dese presunto pesebre para desmostrar de maneira incuestionábel que Galiza só precisa que lle tiren o xugo para se valer de por si. Trátase, en síntese, de confiar en nós mesmas para construír desde nós un futuro máis próspero. Tal e como fixo Alexandre Bóveda até o seu derradeiro alento.