Xosé Ramón Gómez Besteiro. SX do Psde G
Dividir está de moda. No deporte, na política e na vida en xeral hai moita xente que persiste en dividir aos demais entre bos e malos, ou calquera outra denominación que se use que ven a significar o mesmo. Coma se fose tan fácil e coma se fose unha boa idea. Ás veces coas palabras e ás veces cos feitos, a realidade é que convivimos nunha sociedade que tende a separar e a afondar máis nas cousas que nos diferencian. Un grave erro.
En Galicia, onde hai un pobo intelixente e astuto que trata de afastarse deste mal, tamén sucede que hai algunhas preocupantes tendencias á división. A fundamental é a que, mediante os feitos, trata de consolidarse unha realidade na que uns galegos teñen máis oportunidades e dereitos que outros.
Neste país temos potencial para acadar o que decidamos, pero fai falta confiar nel. Non facelo levaranos a desaproveitar oportunidades ou a orientar Galicia a onde non corresponde. Somos un país cunha enorme vinculación co medioambiente, o que implica que debemos impulsar o que nos faga referentes en sostibilidade, enerxías limpas e compromiso coa natureza. De nada sirve alimentar falsos debates entre progreso ou medioambiente, coma se fosen excluíntes, e en función deles empurrar proxectos lesivos para o país.
De nada sirve pecharnos en nós mesmos, neste mundo xa demasiado egoísta, podendo universalizar as nosas visións e evitando unha nova división que reparta carnés de galeguidade. Resulta un desacougo ver como se alimentan tensións norte – sur ou da Galicia atlántica coa interior, como se non fose posible reequilibrar unha balanza que permita crecer e avanzar de maneira compaxinada. Equilibrar, redistribuír, compensar…son fórmulas que integran e non dividen. Galicia é un pobo que ten amosado moitas veces a capacidade de axudar a quen máis necesita, grazas ao aprendizaxe de ser un pobo con historia de emigración e de loita contra a desigualdade.
Hai en Galicia auténticos liderados nacionais e internacionais que evidencian o noso espírito emprendedor baseado no traballo esforzado. Non é un bo camiño confrontar, nin alimentar rivalidades inexistentes.
Vivimos con enorme naturalidade a riqueza de coñecer e usar dúas linguas, e debéramos levalo como un estandarte fronte a quen quere impoñer unha sobre a outra ou estima que debe haber xerarquías entre elas.
Tampouco podemos permitir que os territorios ou as persoas vivan en dúas velocidades. Sería un fracaso colectivo que neste país, en pleno século XXI, os servizos públicos non funcionaran ao máximo das súas posibilidades e non puidésemos dar todas as oportunidades ás persoas que teñen menos.
Na Galicia que eu coñezo, todos e todas imos no mesmo barco. Somos un pobo que traballa arreo e que ten todo o futuro por diante. Fai falta convicción, pulo e determinación para establecer que os criterios comúns son mellores que os divisorios. A sensatez non hai que inventala, está na xente deste país que reclama que o seu país estea á altura. Parafraseando a Curros Enríquez, que resoa na voz de Batallán, chegado haberá entón o país que eu quero.
