O hidróxeno verde, a nova ameaza para Galiza

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

O anuncio da multinacional Maersk e do goberno central de instalar unha factoría de hidróxeno “verde” en Galiza e Andalucia pode supoñer para nós unha nova invasión eólica. Así mesmo, queda cada día máis claro que a proliferación de parques eólicos tamén ten como finalidade producir grandes cantidades de enerxía para a industria do hidróxeno, o novo maná das grandes eléctricas.

De levarse adiante esta proposta sería preciso duplicar a produción eólica no noso país para que Maersk dispoña da enerxía “verde” necesaria para o seu hidróxeno. E dicir, seguir enchendo os montes e os nosos mares de muíños monstruosos.

O hidróxeno “verde” non é tan verde.

Alguén se molestou en explicarnos que pode supoñer e como funciona unha plana de produción de hidróxeno? O que non nós contan é que o proceso de produción de hidróxeno é moi ineficiente e precisa de grandes cantidades de electricidade e de auga. A súa aplicación ten peores resultados que o emprego de outras tecnoloxías ou fontes de enerxía e implica unha enorme perda de enerxía no proceso de fabricación, que pode chegar até o 50%

Para elaborar hidróxeno empréganse grandes cantidades de electricidade e auga para facer a electrólise; para que sexa “verde” esta debe proceder de fontes renovábeis, coma os eólicos.

O hidróxeno que en principio non ten cor, porén, por obra e graza do mercado e do capital pasa a ter varias tonalidades en función do seu proceso de elaboración. Cores que van do marrón, pasan polo azul e chegan ao verde, o verde sempre vende mellor, en función das emisións de CO2 e do combustíbel empregado.

A súa produción implica incrementar a megaminaría de metais e materias necesarias para a fabricación de eólicos e placas fotovoltaicas (cobre, ouro, prata, e terras raras…). E todo isto tamén se fai mediante o uso de combustíbeis fósiles, que tamén se empregan na construción de parques eólicos.

Este hidróxeno “verde”, que é para a exportación a países do centro e norte de Europa, pretende fabricarse sacrificando o noso territorio, como xa fixeron cos encoros. Queren transformar Galiza nun parque temático de eucaliptos e muíños de vento.

A Unión Europea aposta polo hidroxeno.

A UE, e polo tanto o goberno central e a Xunta, aposta polo hidróxeno como novo instrumento para unha transición enerxética “xusta”, e van destinar miles de millóns de euros para financiar a industria do hidróxeno. Nas previsións da UE está que para o 2050 a cuarta parte da produción de electricidade sexa usada para producir hidroxeno renovábel.

O goberno central no seu Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia vai destinar 1.500 millóns de euros até o 2023 para impulsar o hidróxeno como “descarbonizador” da economía.

A transición ecolóxica é un novo pelotazo para seguir mantendo a conta de resultados das grandes empresas e fondos de investimentos que están detrás destes proxectos. Estamos ante outra gran estafa para continuar enchendo os petos duns poucos en detrimento do conxunto da sociedade, espoliando recursos, estragando montes e bancos de pesca.

Galiza está ameazada e a electricidade non é para nós.

A UE quer impoñer un modelo polo cal Galiza debe ser produtora de enerxía barata, como xa somos de man de obra e materias primas. O mesmo modelo que pretenden implantar en países africanos e de America do Sul onde teñen megaproxectos de produción eléctrica e hidróxeno “verde”.

Estamos ameazados pola proliferación de proxectos eólicos nos nosos montes e nas nosas costas, a maior parte da man de multinacionais foráneas, coa inestimábel colaboración do PP que cambia a normativa para acelerar a tramitación destes parques eólicos, e preme ao goberno central para que faga o mesmo.

A intención de Maersk de instalarse en Galiza é un claro exemplo de esta política de espolio e colonización da nosa terra. Esta multinacional está deseñando a política enerxética do noso país coa bendición da Xunta e o goberno central, o mesmo que fai Ence coa política forestal.

A eólica mariña vai provocar unha desfeita no sector pesqueiro galego, danando a nosa economía e limitando a nosa soberanía alimentar, e tamén vai ter unha grande afectación á fauna.

Queda claro que Galiza aquí non pinta nada, o goberno autonómico non decide ren e ten que asumir o que lle ditan os que realmente mandan. Temos unha administración que é unha mera encargada de facilitar e executar as decisións tomadas noutros ámbitos de poder político e económico. O capital deseña e decide por nós.

Temos que corrixir os erros do pasado, os do plan do bipartito e os do PP. Galiza precisa un novo modelo enerxético que prime a produción a pequena escala, democratizando e poñendo en mans públicas o proceso de xeración e distribución da enerxía. Un novo modelo onde tomemos nós as decisións e que teña como finalidade favorecer ao conxunto da sociedade primando a conservación do noso medio.

Marín, 4 de decembro de 2022