O PCRG celebra en Ourense o seu 1º congreso

O PCRG celebra en Ourense o seu 1º congreso

O pasado 31 de marzo o Partido Comunista pola República Galega celebrou o seu 1º congreso na cidade de Ourense. Esta organización política, que ten como presidente de honra ao histórico sindicalista Moncho de Barreras, tivera o seu congreso constituínte hai dous anos na localidade de Teo, e estes días celebraron o seu primeiro congreso . Nós conversamos con dous dos seus cadros políticos, ambos con moita historia militante nas súas costas: Manolo Garrido e Moncho Lareu. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Moncho Lareu, membro do Comité Central e Manolo Garrido militante do PCRG

Nós non nos facemos fotos nin con Mouriño , nin con Santi Rey nin con Amancio Ortega. Para iso xa está Ana Pontón”

Fixestes hai dus anos o congreso fundacional en Teo, e hai escasas semanas o primeiro congreso en Ourense. Por que Teo? E por que Ourense?

A escolla de Teo foi por comodidade, é un sitio que lle queda máis ou menos accesible a todas a militancia. O caso de Ourense foi diferente, ten un significado histórico. Fixemos o noso primeiro congreso nesa cidade como homenaxe ao histórico dirixente comunista Benigno Álvarez asasinado no 37.A nosa vontade e a nosa aspiración permanente é buscar a unidade dos comunistas galegos.

Non será unha aspiración metafísica?

Non. É unha aspiración política.

Nestes dous anos que transcorreron desde o congreso fundacional ata o pasado congreso de Ourense cal foi a vosa actividade política?

Consistiu en tratar de fornecer a organización a través de continuos contactos con colectivos e individuos ao longo de todo o país.

E que valoración facedes deses contactos?

En liñas xerais moi positiva. Algúns saíron ben e outros non tan ben pero xa che digo que do resultado global quedamos moi satisfeitos.

Podedes salientar algún en concreto ?

Se cadra os que mantivemos coa corrente sindical da CIG Causa Obreira. Houbo unha moi importante coincidencia con eles.

Aínda vos queda algún colectivo organizado cos que poidades contar no futuro?

Algún pequeno e moi interesante aínda queda por aí, si.

Agora Galiza está con vós?

Chegamos a ter unha especie de unidade de acción pero a cousa non callou.

O corpo fundamental da vosa militancia de onde procede?

De moitos sitios diferentes. Inicialmente as persoas que formamos o partido procediamos, na súa maioría da organización xuvenil Xeira, da FPG, pero nestes dous anos fómonos nutrindo de persoas de moi diversa procedencia. Incluso temos compañeiros e compañeiras que proceden de partidos comunistas non independentistas.

Cales son os principais principios políticos do PCRG?

-A construción do socialismo en Galicia

-O Comunismo a nivel internacional

-A independencia de Galicia

-A liberación da muller

-O antiimperialismo

No punto do independentismo está todo o partido de acordo?

Si.

Todo, todo, Manolo?

Se mo preguntas a min en concreto, a resposta é si. Galicia é unha nación é debe aspirar a ser un estado político.

E en realidade hai necesidade na sociedade galega de crear unha organización que recolla eses parámetros de acción política?

Si, haina porque non os podemos atopar en ningunha outra organización.

No BNG tampouco?

Non. O BNG non é unha forza comunista. Defínese así a UPG que é unha parte do bloque, non o bloque. E o resto de cuestións se cadra podemos albiscalas pero de forma timorata. Nós non facemos fotos nin con Mouriño, nin con Santi Rey nin con Amancio Ortega para iso xa está Ana Pontón.

Entón non sentarse con ese perfil de persoas é unha liña vermella para vós?

Por suposto. Nós somos comunistas.

Ben. E a partir de agora cales van ser as vosas principais liñas de actuación política?

Este é un partido en continua elaboración. Seguiremos en permanente construción e iremos intentando ir sumando máis comunistas ao noso proxecto político. Seguiremos traballando nos sindicatos e no mundo estudantil. Daremos moita importancia á formación política de cadros.

Cando falas de sindicatos inclúes a todo tipo de sindicatos?

Non. Obviamente non incluímos a sindicatos amarelos nin ao que son meros entes de xestión como CCOO e UGT. Referímonos fundamentalmente á CIG e á CUT.

Tedes algún tipo de penetración no universo estudantil?

Estamos comezando.

Tedes previsto a corto prazo presentarvos a algún proceso electoral?

A curto prazo non está entre as nosas prioridades pero non é algo que desbotemos nin moito menos.

No actual contexto histórico pódese aspirar a transformar a realidade sen presentarse aos procesos electorais?

Nós preguntámonos se presentarse ás eleccións serve para transformar a realidade. Xa che digo que non é algo que desbotemos. Chegado o momento haberá que analizalo. Agora estamos nun momento de fornecer o partido tanto con cadros políticos como coa ampliación da base social.

1 Trackback / Pingback

  1. O PCRG celebra en Ourense o seu 1º Congreso – PCRG

Comments are closed.