Miguel Braña coordinador da cooperativa Árbore

Miguel Braña coordinador da cooperativa Árbore

Neste medio de comunicación temos defendido en innumerables ocasións a importancia da auto organización da sociedade civil. E así o seguiremos a facer mentres haxa quen teña a amabilidade de nos ler. A organización da sociedade civil é o mellor camiño, en ocasións case me atrevería a dicir que é o único camiño, para poderse enfrontar con expectativas realistas de éxito aos abusos, ás inxustizas e á explotación. E é moi importante en todos os eidos: sociais, laborais, culturais…….e no que que respecta ao consumo responsable e consciente de que o noso planeta ten recursos limitados e finitos tamén. Neste campo un dos exemplos máis importantes de auto organización, na nosa área de influencia, é a cooperativa árbore. Eles están en Vigo, na rúa López Mora e teñen xa máis de dúas décadas de vida. Nós achegámonos ao seu local, e para coñecelos mellor conversamos con Miguel, o seu coordinador.

A nosa base social é moi comprometida. Pero temos o reto de penetrar máis na xente moza”

Cando naceu Árbore e que é o que é exactamente?

Árbore é unha cooperativa de consumo que naceu a finais dos anos 90 do século pasado. É unha cooperativa sen ánimo de lucro .É un negocio e ten que ser rendible pero todo se reinviste na cooperativa . O xermolo foi un grupo de familias que eran clientas dunha tenda que pechou e que vendía conforme a criterios ecolóxicos e de consumo consciente.

Chámame a atención que nas etiquetas dos produtos que vendedes hai dous tipos de prezos?

Si, un é para socios e socias da cooperativa que teñen os seus descontos, e o outro é o PVP para calquera cliente que non estea asociado á cooperativa.

A auto organización é unha forma marabillosa de construír as relacións sociais( isto é unha opinión persoal), pero é algo moi difícil de levar a cabo creu eu.

Estou completamente de acordo. Todos os procesos de economía social e solidaria son moi interesantes pero son difíciles. Primeiro porque vivimos nunha sociedade que non está afeita a traballar en colectivo e segundo porque temos que competir contra adversarios moi poderosos.

Os vosos competidores son agora máis poderosos que antes?

Si, sen dúbida si. Cando nós comezamos non existía un sector de comercio xusto ou ecolóxico. E hoxe estas seccións están en calquera grande cadea de supermercados. Tamén hai agora moitas tendas especializadas on line nas que ti podes facer o teu pedido e envíancho a casa.

Ao final o capitalismo acaba apropiándose de todo…

Si, si. Ata do concepto de “ economía social” que agora parece que lles gusta moito utilizar.

Que sectores de actividade abrangue Árbore?

A actividade principal e básica é a tenda de alimentación. Estamos en Vigo na rúa López Mora número 30. Abrimos de luns a venres mañá e tarde e os sábados só de mañá. Na tenda tamén vendemos produtos de limpeza e de hixiene persoal.

Temos unha segunda liña de actividade que son os obradoiros e charlas que desenvolvemos na parte traseira do noso local.

Cantas persoas traballan na cooperativa?

Actualmente hai catro persoas que son socias traballadoras.

É caro asociarse a Árbore?

Ser socio implica achegar un capital social de 90€, que iso se fai unha soa vez no momento de asociarse. Iso é o mínimo, se alguén quere achegar máis desde logo que pode facelo. Se queres ser un socio activo hai que pagar unha cota mensual de 6€ que lles dá dereito a aproveitar os descontos que hai nos produtos que vendemos.

Os vosos socios e socias teñen un perfil determinado?

Temos un pouco de todo. Se cadra máis mulleres ca homes e a media de idade é de 40 para arriba. Por desgraza tal como están as cousas a xente nova ten pouco poder adquisitivo.

De onde son ?

De Vigo e arredores. Pode haber algún que por circunstancias estea vivindo fóra pero as socias e socios son da nosa zona de influencia.

Desenvolvedes algún tipo de campaña de captación para aumentar o número de persoas socias?

Non. Pero o proceso para facerse socio está aberto de maneira permanente. Pode facerse vindo fisicamente á tenda ou a través na nosa web. Pero nós preferimos que sexa unha decisión consciente derivada de que previamente se nos coñeza. Aproveito a oportunidade que nos dades para convidar a calquera lector ou lectora que non nos coñeza aínda que se achegue polo noso local. Nós estaremos encantados de atendelos.

O máis importante para vós é a venda de produto fresco, verdade?

O principal o produto fresco, ecolóxico, local e de tempada. Tamèn temos unha liña importante de venda de produto a granel tanto de alimentación como de limpeza. No eido dos produtos vexetarianos e veganos temos unha moi importante variedade ao dispor da nosa clientela.

Cando dis “ local” a que te refires?

Á provincia de Pontevedra. Hai algo de fóra pero a maioría do noso produto ven do territorio desta provincia. Canta máis produción poidamos ter deste tipo de produtores mellor.

Dime algunha excepción?

Pois por exemplo temos peras de Monçao ou ovos de Lugo.

Non vendedes nin carne nin peixe. Por que?

Un dos principios de árbore é á aposta polo veganismo. Na nosa base social temos acordado vender produtos de orixe animal só cando non se sacrifica ao animal, así o temos recollido nos nosos estatutos.

Os prezos como son en relación cos dun supermercado convencional?

Podemos ser un pouco máis caros. Pero claro este é un debate de calado. Por unha banda nós non temos a capacidade de negociar que pode ter unha grande cadea. E despois nós queremos pagarlle con dignidade ao produtor para que poidan vivir do seu traballo e que nos poidan seguir vendendo de maneira prolongada no tempo. E desde logo nós non imos tirar os prezos.

As grandes cadeas tiran os prezos á hora de pagarlles aos produtores?

Para min é bastante evidente. Fíxate por exemplo co leite cando os gandeiros vense obrigados a vender por baixo do seu custe.

O produto que vendedes sempre é de calidade?

Iso é o que pretendemos.

Como captades aos produtores?

Á maioría coñecémolos xa desde hai moito tempo, este é un mundo realmente pequeno e nós xa levamos 20 anos e somos coñecidos. Nós se estamos contentos non cambiamos.

Que tal relación tendes coas distintas administracións?

Non temos ningunha en particular alén de participar nas convocatorias de subvencións que nos poidan atinxir.

Árbore é un proxecto de futuro que teña asegurada a súa continuidade?

Asegurar algo sempre é moi complexo. Pero esa é a nosa intención desde logo que si. Son momentos complicados pero nós temos a sorte de que temos unha masa social moi comprometida. Se cadra un dos nosos retos máis importantes é a captación de xente nova. Creo que é un problema común a todos os proxectos que teñen moito de militancia pero no que as persoas comprometidas precisen de certo poder adquisitivo