A comarca de Vigo non se pode entender separada do sector do metal. Foi o esforzo e o traballo de xeracións de operarios e de operarias do automóbil e do naval elemento crucial na construción da nosa cidade, da súa área de influencia, do benestar de milleiros de familias e da prosperidade das súas empresas. Hoxe o sector naval navega non sei se cara a súa desaparición, pero si cara a un escenario terrible de dimensións mínimas que nin por asomo se pode comparar co peso histórico que chegou a ter na ría de Vigo. Mentres o naval agoniza o alcalde histrión que padece esta cidade mira para outro lado e dedícase a alimentar o seu ego narcisista e pailaroco. Na nosa cidade non se asenta unha industria nova desde hai 15 anos e o alcalde, un home de poucas luces, desaparecido . O outro dos sectores esenciais na arquitectura industrial da comarca viguesa é o do automóbil. E aquí tamén se comezan a albiscar elementos preocupantes que o sitúan nunha situación de incerteza. Para coñecermos un pouco máis o estado da situación falamos con tres veteranos sindicalistas da CIG presidentes dos comités de empresa de 3 importantes factorías viguesas do sector
Pedro Velasco, presidente do comité de empresa de GKN, Eduardo Rúanova, presidente do comité de empresa de ZF Dalphi Metal e Luís Lobato, presidente do comité de empresa de Borgwarner.
“ O sector do automóbil está nunha preocupante situación de incerteza. E, ou as administracións se implican xa, ou o risco de vivirmos unha situación análoga á que vive o naval da ría de Vigo é real”
Eduardo, canto tempo levas ti no mundo sindical e canta antigüidade tes na empresa?
Aproximadamente 10 anos e teño 28 anos de antigüidade na empresa. Antes estiven nunha empresa do sector naval e noutra de reciclaxe de pezas do automóbil.
E ti, Luís?
Levo traballando no metal desde o 2001. E levo como representante sindical desde decembro do 2006.
Nestas últimas eleccións tivestes un moi bo resultado?
Si, de 21 delegados sacamos 10.Antes tiñamos 4 .E houbo cinco sindicatos que presentaron candidatura
Subistes de 4 a 10, por que motivo crees que obtivestes tan bo resultado?
Polo traballo sindical, pola nosa coherencia ideolóxica e pola nosa firmeza para estarmos sempre, sen matices, no sitio que debemos estar: Na defensa dos intereses da clase traballadora
Faltas ti Pedro?
Eu levo 16 anos facendo sindicalismo e 27 como traballador de GKN
E recentemente fuches elixido presidente do comité de empresa?
Si, nestas últimas eleccións sacamos maioría simple con 8 delegados de 21.
Os tres que levades moitos anos de experiencia no mundo sindical, pensades que se pode dicir con rotundidade que en xeral os traballadores e traballadoras valoran a firmeza o compromiso e a política sindical de combate?
Si, en xeral pensamos que se pode dicir que si. Unha cousa que teñen clara é que onde non está a CIG cunha representación forte, teñen sempre un empobrecemento das súas condicións laborais.
Quero que as tres fagades unha valoración da situación xeral do sector do automóbil na comarca de Vigo.
Eduardo: o sector está nunha situación de preocupante incerteza. Entre outros motivos impulsada polas informacións nada claras, e incluso ás veces contraditorias, sobre o coche eléctrico.
Luís: Eu engadiría que a nosa comarca vive un proceso de desindustrialización evidente para calquera que non estea cego .E as distintas administracións non fan nada para evitalo.
Pedro: Eu coincido coa valoracións dos meus compañeiros e tamén quixera apuntar que Citroën, a empresa matriz da comarca, desenvolve políticas que son totalmente abusivas.
Concrétame Pedro en que serían políticas abusivas ?
Esencialmente dous tipos :Reducións de salarios- Altísimas cargas de traballo que supoñen problemas moi serios de saúde laboral.
Estades de acordo con esta valoración de Pedro?
Si. En liñas xerais no automóbil está a haber un exceso de carga de traballo. As empresas non fan o suficiente por desenvolver unha adecuada política de saúde laboral e esixen máximo rendemento á clase traballadora.
Entón, ao voso xuízo, pódese dicir con claridade que no automóbil se traballa máis do que se debe?
Luis: Rotundamente si.
Eduardo: Si, sen dúbida si. Eu quero engadir que hai moitas baixas por temas físicos debido ao exceso de carga de traballo, pero tamén as hai motivadas por cuestións mentais derivadas da notable presión que sofren non só os operarios, tamén os técnicos. Ollo a este asunto, pois nos últimos anos vimos notando un aumento substantivo de problemas deste colectivo resultantes da presión laboral á que son sometidos.
Todos notades esa presión ao colectivo de técnicos que menciona Eduardo?
Pedro e Luis: Si, nesta última década, o que máis se palpa no sector, son os novos explotados. Estes son os traballadores do colectivo de técnicos. Contratos en prácticas, de bolseiros e con responsabilidades excesivas.
As políticas de saúde laboral que se desenvolven nas empresas son suficientes?
Son totalmente Insuficientes.
Cales son as consultas máis habituais que vos fan os compañeiros e compañeiras?
Os traballadores de produción sobre saúde laboral de trastornos esqueléticos por movementos repetitivos.
Os técnicos sobre o exceso de xornada, responsabilidade e carga de traballo excesiva que son incapaces de cumprir.
Os tres levades moitos anos no movemento sindical, nalgún momento notastes presión por parte da dirección das empresas pola vosa posición sindical?
Os tres:Si. A CIG é un sindicato que polo seu modelo de sindicalismo honesto e combativo non adoita ser benvido nas empresas.
Como se comporta a administración municipal co sector , ao voso xuízo?
Está desaparecida. En Vigo e Comarca levamos máis de 15 anos sen ter unha industria nova. Mais de 7.000 vigueses cruzan todos os días a fronteira para traballar na industria portuguesa en moitos casos por soldos misérrimos de 700€.
Corre perigo o sector do automóbil de chegar a unha situación análoga á que sofre o sector do naval na actualidade?
Os tres:O tema da deslocalización de empresas e da manufactura externalizada a outros países de baixo custo é un perigo real, desde logo que si. As patentes dos enxeñeiros custeadas con subvencións de I+D+I da Xunta de Galicia están a copiarse para a súa posterior fabricación en países de baixo custo como Romanía ou Polonia. Si, corre perigo, e a ameaza de levar a produción a outras localizacións, é constante.
Como se pode combater a deslocalización ?
Son as políticas das diferentes administracións as que teñen que poñerlle freo a isto, teñen que lexislar para impedir que co diñeiro que dan en subvencións, as empresas leven a produción fóra.
Como está o tema das paradas por falta de microchips?
Luís:En Borgwarner isto xa non nos está afectando. Temos a sorte de non traballar para Stellantis.
Pedro:En GKN similar a Borgwarner, traballamos con moitas marcas.
Eduardo:En ZF Dalphi Metal parecido, pero puntualizar que xa non tememos eventuais en persoal por falta de compoñentes e microchips.
Desde a vosa perspectiva de sindicalistas cales serían as medidas necesarias que se terían que pór en marcha para asegurar a viabilidade do sector na Comarca de Vigo?
Os tres:
-O primeiro é facer políticas que teñan por obxecto a industrialización da nosa comarca .É a industria a que xera postos de traballo de calidade e permanentes no tempo. Se nos convertemos nunha comarca que viva das luces os traballos serán moitos menos e moito peores.
– Desenvolver un modelo de fabricación que aposte polo tecnolóxico sen matices. Vigo, non pode competir con outros países en man de obra directa en redución de custos. Temos que ser capaces de crear valor engadido aos nosos produtos, con centros de desenvolvemento que á vez obriguen a transformar e producir ese coñecemento aquí.
-Tamén engadir que os custos enerxéticos están a dar problemas ás empresas e desde a CIG levamos anos impulsando unha tarifa eléctrica propia como a do País Vasco. Auditar o diñeiro das subvencións en I+D+I para que as empresas non marchen ou que reciban subvencións en placas solares que logo non se colocan.