Jéssica García concelleira do BNG de Redondela

Jéssica García concelleira do BNG de Redondela

Marcos Santos

Jéssica é unha muller de 29 anos de idade e é a número 2 dos nacionalistas de Redondela. Natural de Vilar de Infesta é profesora no IES Illa de San Simón. Ela debutou na corporación redondelá hai 4 anos no mandato do 2019. A súa seriedade, rigor, e a súa elevada capacidade política convertérona nunha peza moi importante nas ringleiras do BNG de Redondela. Novamente repetirá como número dous na candidatura dos nacionalistas galegos que encabezará Xoan Carlos González. E nós falamos con ela

O BNG de Redondela sae a gañar as eleccións porque somos a alternativa real ao goberno de Digna Rivas”

“ Javier Bas mentiu á veciñanza de Redondela. Aquel “ Ante todo Redondela”non se corresponde coa realidade”

Que valoración fas destes case catro anos como concelleira na oposición?

Decidimos e creo que acertadamente non formar parte do goberno.

Non te arrepintes daquela decisión?

Non. O contrario tería significado unha nova alcaldía do PP. E O BNG nunca vai facilitar algo tan nefasto para Redondela. Pero tampouco estou satisfeita co seu resultado.

Por exemplo por que?

Demos apoio á alcaldía de Digna e ao PSOE e pensamos que ía ser un avance nas políticas de igualdade e por desgraza non o notamos.

Ves estancamento no feminismo a pesar de que o Goberno Municipal está capitaneado por unha muller e hai catro mulleres neste mandato?

No ámbito municipal, si, mesmo me atrevo a dicir que hai un retroceso. Logo hai diferentes colectivos que traballan moitísimo polo feminismo. Pero o consello municipal da muller está desmantelado; tanto cando o levou a alcaldesa como agora que o leva Iria.

Por outra parte campañas como o 25N de hai dous anos que se dedicou en exclusiva a pintar bolboretas polo Concello pois que queres que che diga, como pouco son manifestamente mellorables. Mesmo este último ano contra programaron as mobilizacións do 25 cuns premios , que non digo que non sexan importantes,pero que se poderían ter feito calquera outro día

Quen ten o mérito do ano das mulleres de San Simón?

Malia que intentou apropiarse del a alcaldesa, en realidade tratouse dunha proposta do BNG de Redondela. A loita das mulleres do común: das nosas aboas, nais …..que padeceron e padecen a discriminación machista dunha sociedade patriarcal é o que cómpre pór en valor de maneira adecuada e suficiente. E iso este goberno non o fai.

Ponme un caso concreto no que non se fixera?

Cando se inaugura o parque de Regojo .Se este goberno fora realmente feminista, o que tiña que ter feito era darlle valor nas láminas que puxeron ás mulleres de Regojo que foron as que defenderon os postos de traballo.

Outro exemplo: unha das primeiras iniciativas que toma o goberno do PSdeG e de AER é eliminar as concentracións mensuais contra a violencia machista. Nós consideramos esencial seguir amosando a nosa posición ao respecto dun fenómeno, a violencia machista, que por desgraza segue acontecendo todos os días. E por esa razón nós seguímolo facendo os primeiros luns de cada mes. É que na nosa localidade nos últimos anos os abusos sexuais subiron máis dun 200% e esta monstruosidade temos que combatela si ou si, día si e día tamén. Nós entendemos que non se pode mirar cara a outro lado e eliminar as concentracións contra a violencia machista. Non vai na liña correcta dun goberno que se di feminista.

Ti propuxeches activar un protocolo ante casos de violencia sexual en Redondela?

Si, ademais esa foi a primeira moción que eu defendín no pleno.

E?

Seguimos á espera.

Cal é a túa opinión acerca da controvertida lei do só si é si?

Eu creo que o sentido común esixía un acordo previo claro e definido entre os dous socios de goberno, PSOE e Podemos, antes de tramitar a lei. Para o BNG o consentimento explícito por parte da muller si ten que aparecer no texto legal.

Estás satisfeita do traballo de oposición que desenvolveu o BNG neste mandato?

Para min fomos a oposición real que tivo o goberno de Digna Rivas

AER?

Primeiro foron parte do goberno, logo non, pero continuamente están chegando a acordos. Ademais , ao meu xuízo, o seu abandono do goberno é un exemplo de escasa responsabilidade. Eles levaron unha concellería moi importante, a de participación cidadá, que foi a que co beneplácito da alcaldesa se encargou de desfacer os consellos parroquiais. En liñas xerais o seu paso polo goberno non achegou nada significativo.

O PP?

Foi da man do goberno en moitas ocasións

Por exemplo?

Cando fixeron a prórroga para que Sacyr continuase levando o servizo do SAF, ou cando chegaron a un acordo para a limpeza de edificios municipais. Por outra parte tanto o noso grupo municipal como o conxunto da militancia do BNG de Redondela somos un colectivo cohesionado , rigoroso e serio que nin ten dimisións nin dá ningún tipo de bandazo.

E agora toca que valores ao goberno?

Non é fácil atopar algo que Digna Rivas fixera ben. Pola contra si se pode falar con relativa facilidade do que desfixo Digna Rivas. Desfixo: O consello municipal da muller, os consellos parroquiais, o consello forestal, todos os órganos de participación onde a veciñanza de Redondela podía participar e decidir.

Pero vós si a apoiastes na investidura

Si, e como é obvio non estamos nada contentos da súa acción de goberno. O certo é que moitos dos puntos do acordo de investidura non os cumpriu.

Por exemplo?

Devolver as axudas ás traídas de augas. Non o fixeron ata que o BNG o esixiu para facilitar a aprobación dos orzamentos.

O goberno trata por igual ao casco cás parroquias?

Non. Todo se centra no casco. As persoas que viven nunha parroquia parece que son cidadáns e cidadás de segunda.

A vosa posición ao respecto da situación do SAF?

A responsable da situación tan mala dun servizo que debera ser esencial ten nome e apelidos:

Digna Rivas Gómez. Ela non se atreveu a debater no pleno, que é onde teriamos que ter debatido sobre algo tan importante, e aprobouno ela soa.

Os pregos aprobados non valen e a nós nos encantaría telo tratado no pleno para podérmolos mellorar.

A situación do SAF é moi complicada tanto no que se refire ás traballadoras como ás usuarias e usuarios. Agora ben esta situación, que é real, non implica que o que diga PP sexa certo. Cando a anterior empresa foi denunciada por non cumprir as normas legais coas traballadoras o PP obviou o tema e pasou de todo. O BNG sempre ten moi claro a carón de quen está e sempre vai dicir a verdade e así digo con claridade que a opción que formula o PP non é viable. Non se pode facer.

Repites como número 2 na candidatura de maio?

Si, e fágoo con moia ilusión , enormemente honrada pola confianza da militancia de Redondela , coa convicción de que temos ao mellor lista, formada por persoas serias, solventes e emocionalmente comprometidas con Redondela, e de que temos sen dúbida o mellor candidato .

Cales son as expectativas realistas coas que se presenta a candidatura do BNG?

Non nos pomos ningún tipo de límite. O BNG sae a gañar porque é a alternativa real ao goberno de Digna Rivas.

A alternativa real non é Javier Bas?

Javier Bas cando hai 4 anos non logrou manter a alcaldía abandonou Redondela. Ningún candidato nin candidata á alcaldía de Redondela do BNG vai deixar a Redondela na estacada. Javier Bas mentiu á veciñanza de Redondela ese “ Ante todo Redondela “ nin se correspondeu nin se corresponde coa realidade.

Con que número de concelleiros/as daríaste por satisfeita?

Dígoche o mesmo que antes: saímos a gañar. Estamos moi ilusionados e ilusionadas. O noso traballo , rigor e firmeza creo que nos avala, e dígoo con toda a humildade pero é que se corresponde coa realidade, non como aquel “Ante todo Redondela” que os feitos amosaron o que significaba realmente: nada, nada de nada. Ademais é que o percibimos polas rúas: Redondela ten gañas do BNG e o BNG adora Redondela.