Como levamos a tempada este ano?
Comezámolo de marabilla, cun empate e seis vitorias consecutivas
Caramba, case coa racha do Depor de Fernando Vázquez?
Ha ha ha, si a verdade é que si, de feito chegamos a estar líderes, pero o inicio da segunda volta non está sendo tan boa, pero nós estamos ben, agardamos poder volver pronto á senda da vitoria para asegurar pronto a salvación e, de ser o caso pelexarmos por metas maiores
Esta é a segunda vez que falamos Iván, nas dúas conversas que mantiveches co noso xornal dixeches que o obxectivo do equipo era asegurar a terceira división, pero eu creo que Redondela ten potencial sociolóxico para pelexar pola 2ºB, non te parece?
Vamos ver iso é matizable, é certo que pola dimensión e volume de Redondela, a 2º B podería parecer un obxectivo razoable, pero non podemos esquecer a historia e as circunstancias do noso equipo que chegou a estar 3 décadas enteiras sen pisar a 3º división. Agora mesmo levamos 7 anos consecutivos nesta categoría e asegúroche, Tino, que non é nada fácil, de feito o noso orzamento é dos 5 ou 6 máis baixos da categoría, e como todo na vida, os recursos económicos son os que marcan a diferencia entre aspirar a uns obxectivos máis, ou menos, ambiciosos
Cal foi a categoría máis baixa na que chegamos a estar?
A segunda autonómica, e fíxache que salto máis enorme ata a terceira división na que estamos agora. Non podes imaxinar o esforzo tan enorme que costou chegar, e o inmensamente difícil que é manterse
Ben, pero se socioloxicamente, coincides comigo, en que Redondela ten potencial para aspirar á 2ºB,que é o que falla?
Entendo que a implicación da Vila debera ser moito maior. Tanto desde o punto de vista social como desde a perspectiva do tecido empresarial
Dicíasme antes que o orzamento do Choco é dos máis baixos da categoría, xa que logo a situación deportiva de pelexarmos por xogar a fase de ascenso, e incluso de tela xogado varios anos é cae unha heroicidade?
Ben, non sei se cualificala así, pero con toda humidade si que creo que podo dicir que é moi meritoria pois as nosas posibilidades económicas son moi inferiores ás de outros equipos que compiten contra nós.
Con poucos recursos económicos, non debe de ser fácil captar xogadores de nivel?
É dificilísimo, tratamos de empregar as nosas armas que son a seriedade, o bo traballo e tratar de que axente se sinta respectada e querida, alén de apostar pola implicación afectiva captando xogadores de Redondela
Cantos hai no equipo?
1/3 son da Vila
Varios son africanos non?
Si, temos unha relación importante cunha escola de formación de Guinea Bissau e a partir dun torneo que presenciamos en Portugal, alucinei coa calidade que tiñan. E a día de hoxe temos 6 xogadores, 3 infantís e 3 xuvenís
Falan Portugués?
Si alí é o idioma que se fala, non tiveron problema en adaptarse aquí
Teñen potencial para chegar ao primeiro equipo?
Estou seguro de que si, é máis, non descarto que algún chegue a xogar en primeira división algún día
E percibiches algún tipo de racismo?
Non, ningún en absoluto. Todo o contrario, só recibiron cariño e solidariedade
Que ben
Si, desde logo. Eu creo que a sociedade redondelá é sa e esa porcallada do racismo aquí non existe
Cal é a capacidade máxima do campo?
Cando está a rebentar, cunha grada supletoria que puxemos, pasa do millar
E algunha vez estivo así?
Nas fases de ascenso
Porén, o público que acude habitualmente é moi inferior, non se fan campañas de captación de socios?
Si, facemos. De feito collemos un club con pouco máis de 100 socios e estamos agora bordeando os 500,pero deberiamos facelo mellor pois esa cifra segue a ser insuficiente
Canto custa o carnet?
O máis caro 80€, logo temos distintas promocións con prezos reducidos
Non sei se serás a persoa máis adecuada para responder a esta pregunta(Iván é concelleiro do PP), pero voucha facer igual. Notaches algún tipo de cambio na relación co equipo da nova administración municipal da alcaldesa Digna Rivas?
Non , de momento non notei ningún tipo de cambio. A implicación do concello é moi escasa, pero sempre, con calquera administración, foi así. A cantidade económica que o Concello de Redondela achega ao mundo do deporte en xeral é claramente insuficiente, fíxate, por exemplo nun Concello veciño como O Porriño as cantidades duplican ás que dá Redondela.
E ti Iván que expectativas persoais tes, queres seguir?
A min o fútbol gústame moito, e o Choco máis, pero xa levo 8 anos, isto queima moito, as responsabilidades que asumimos os directivos son elevadísimas e o tempo que queda para a vida persoal é cada vez menos. Eu en moitos momentos quero abandonar, e penso que debemos buscar vías que aposten por profesionalizar o club, para que non todo dependa do voluntarismo de persoas que decidan dedicarlle a súa vida persoal a isto. Un camiño que entendo pode ser razoable é a conversión en SAD