O CDL acollerá unha acción formativa que impulsará a plantación de froitos do bosque

Depofroitos A Nova Peneira

Ponteareas, 14 de febreiro 2020

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, e a concellería de Formación que dirixe, Vanesa Fernández, informan que o vindeiro 9 de marzo o Centro de Desenvolvemento Local (CDL) acollerá a actividade formativa “Depofroitos” que pretende impulsar a creación de plantacións de froitos do bosque ecolóxicos, sobre todo en terreos abandonados, e mellorar a capacitación e a profesionalización das persoas emprendedoras que queiran dedicarse a esta actividade.

Todas e todos os que queiran participar nesta acción informativa, que se desenvolverá de 10 a 14 horas, deberán inscribirse no teléfono 886 210 725 Ext 40734 ou ben a través da seguinte dirección de correo depofroitos@depo.es.

Depofroitos A Nova Peneira

Depofroitos ofrecerá un acompañamento específico para as empresas de nova creación relacionadas co cultivo de froitos do bosque, no que se tratará de asesorar e informar sobre diferentes aspectos como a tramitación de axudas e subvencións e a elaboración de plans de viabilidade técnica, ecónomica e financeira, entre oturos.

Esta iniciativa achegará aos e ás emprendedoras un simulador de negocio sobre o cultivo e a comercialización de froitos do bosque e unha aplicación para facilitar a internacionalización das súas vendas, cunha serie de recomendacións de actuación.

Ademais, promoveranse outras actividades: elaboración de estudos técnicos de parcelas para o posible cultivo de froitos do bosque a través estudos climáticos, edafolóxicos, estudos da auga de rega, do material vexetal, de mercado e de rendibilidade, e creación dunha agrupación comercial para reducir custos e obter maiores beneficios ao situar o produto a prezos máis competitivos. Cada persoa destinataria do proxecto terá un servizo de asesoría e consultaría gratuíto na modalidade en liña (e-mail, teléfono e WhatsApp).

O programa é cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo Formación e Educación (POEFE) e a Fundación Biodiversidade a través do Programa EmpleaVerde do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. Deste xeito, as accións de carácter gratuíto están dirixidas a conseguir formación e emprego de calidade.