Patricia Mariño advirte da falta de medios en Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e horas de traballo de orientación que afectan ao alumnado máis vulnerable
A problemática foi trasladada ao grupo do Bloque no Parlamento Galego, que presentará unha pregunta sobre as intencións da Consellería de Educación
O BNG de Salvaterra vén de reclama á Consellería de Educación que complete de inmediato os recursos docentes do CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón para garantir unha atención axeitada ao alumnado e evitar que o centro teña que suspender proxectos educativos e de inclusión que se veñen desenvolvendo grazas ao traballo do seu profesorado.
A voceira local do BNG Patricia Mariño explica que o centro conta actualmente con 419 alumnos e alumnas, segundo os datos de matrícula a 15 de setembro, e denuncia que, a pesar de ter transcorrido xa varias semanas desde o inicio do curso, a Xunta mantén sen cubrir recursos fundamentais para a atención á diversidade.
En concreto, segundo o catálogo de postos publicado pola Consellería para este curso, quedan por cubrir unha praza de Pedagoxía Terapéutica (PT) e outra de Audición e Linguaxe (AL). Ademais, tampouco están cubertas na súa totalidade as 11 horas destinadas a funcións de dirección, xa actualmente só se están a cubrir oito por parte da orientadora contratada. Así mesmo, reclámase unha persoa docente en Música, tal e como corresponde polo número de unidades que ten o colexio.
O BNG alerta de que a falta destes profesionais non é unha cuestión meramente administrativa, senón que ten consecuencias directas sobre o funcionamento do centro e sobre a atención que recibe o alumnado, especialmente o máis vulnerable.
A voceira nacionalista considera especialmente grave que a falta de profesorado se produza nun centro que supera xa os 400 alumnos e alumnas e que atende unha realidade educativa cada vez máis complexa. Lembra que Salvaterra está medrando en poboación mais os recursos educativos non están medrando ao mesmo ritmo.
Ante esta situación, o BNG levará a cuestión ao Parlamento galego para reclamar formalmente á Consellería de Educación que complete o cadro docente e de especialistas. A formación nacionalista cuestiona a contradición entre os anuncios da Xunta e a realidade que están a vivir os centros educativos, xa que o presidente da Xunta Alfonso Rueda anunciou o pasado mes de xullo a contratación de 900 docentes vinculada ao denominado acordo de mellora educativa, mais o BNG denuncia que a realidade nos centros é que nin sequera se están cubrindo todas as necesidades xa existentes.
“Non queremos máis anuncios de centos de profesores nin titulares sobre acordos educativos. Queremos que a Xunta cubra as prazas que os centros necesitan e que os nenos e nenas teñan os profesionais que lles corresponden”, sinala Mariño. A voceira local lembra que esta non é a primeira vez que o BNG denuncia a falta de recursos educativos en Salvaterra e reclama á Xunta unha planificación acorde coas necesidades.


