BNG: “Puxemos fin a 17 anos de parálise urbanística provocada pola dereita”

PXOM Ponteareas A Nova Peneira

Ponteareas, 14 de agosto de 2019

O BNG de Ponteareas, a través do seu concelleiro Roberto Mera, salientou que coa aprobación do PXOM “poñemos fin a 17 anos de parálise urbanística provocada pola dereita” e acusou ao PP e ACIP de “antepoñer os seus intereses políticos aos de Ponteareas, opoñéndose ao PXOM e anunciando recursos xudiciais”.

O edil nacionalista lembrou que “nos anos 80 e 90 a dereita causou o desastre urbanístico de Ponteareas, beneficiando a uns poucos a costa da maioría. Destrozaron Ponteareas cun urbanismo salvaxe que nos deixou edificios aberrantes, rúas estreitas nas que nin dá o sol, problemas de tráfico e aparcamento, escaseza de terreos públicos e falta de solo industrial”. Mera engadiu que o PP “usou politicamente o urbanismo suspendendo desde a Xunta as normas no ano 2002 como arma política contra José Castro” e lembrou que naqueles días “se concederon en apenas tres semanas licenzas ilegais para ducias de edificios que despois foron anuladas polos tribunais”.

En 2003 o goberno do BNG-PSOE paralizou as obras facendo cumprir as ordes xudiciais e, segundo Roberto Mera, “a presión dos construtores levou a independentes e PP a poñerse de acordo e presentar a moción de censura que xustificaron na necesidade de aprobar o novo PXOM”. En once anos, entre 2004 e 2015, PP e independentes “foron incapaces de aprobar o Plan, malia teren maioría absoluta, e mantiveron a Ponteareas paralizada. Agora, lamentabelmente, opóñense ao PXOM. O PP e ACIP preferían condenar a Ponteareas a seguir sen un Plan Urbanístico que acumula un retraso de 17 anos”, sinala Mera.