Oia, primeiro Concello do estado en crear a Concellería da Felicidade

Cristina Correa Alcaldesa Concello de Oia A Nova Peneira
Miriam Rodríguez

Cristina Correa, licenciada en dereito é alcaldesa de Oia polo PP, despois do seu primeiro mandato cunha aritmética moi complexa, nas eleccións de maio recibiu a confianza maioritaria da veciñanza de Oia, que lle deu a maioría absoluta.

A parte dos parabéns de moita xente, fomos recibindo moitas suxestións de fóra do concello, incluso púxose en contacto con nós o Instituto da Felicidade de Copenhague, isto calou fondo, e coido que facía falla recuperar a ilusión por algo así.”

-O goberno local de Oia, ven de pór en marcha a concellaría da Felicidade, é a primeira concellaría que se crea no estado español. Sopesa habilitar unha caixa de suxestións e constituír un consello de sabi@s para fomentar iniciativas. Que requisitos hai que ter para integrase neste comité e cales son as primeiras medidas e obxectivos que se van levar adiante?

Como requisitos, primeiro ser unha persoa positiva e ter vocación de servizo.

Hai varios cometidos: o colectivo dos maiores co problema da soidade, a mocidade coa xestión das súas emocións e afrontar os retos da vida, e os pequenos en colaboración cos colexios.

A parte dos parabéns de moita xente, fomos recibindo moitas suxestións de fóra do concello, incluso púxose en contacto con nós o Instituto da Felicidade de Copenhague, isto calou fondo, e coido que facía falla a ilusión por algo así.

Tomando como exemplo unha das suxestións recibidas, vimos de pór en marcha no mes de agosto, o corte de tráfico na zona do casco vello, para así desfrutar da praza da Centinela e o seu entorno.

En colaboración coa asociación de mulleres rurais, imos programar un encontro da 3ª idade, na que veciñ@s das diferentes parroquias retomen o contacto entre eles.

Son pequenos detalles, porque cando se crea a concellaría da Felicidade, non se fai xa cunha programación, senón coma un reto e agora hai que darlle forma e saber cal é o estado de ánimo da xente e as súas inquedanzas.

-O concello de Oia conta cun gran valor patrimonial, artístico, cultural e medioambiental, vese como aumenta cada vez máis o número de visitantes e peregrinos que se achegan a coñecer a súa riqueza , como está repercutindo esta situación no concello e de que maneira se está a potenciar o turismo sostíbel?

Cada vez estamos recibindo máis visitantes aínda con todo o que queda por facer. Hai que darlle unha solución ao problema do aparcamento para que a xente que veña poida gozar tranquilamente de Oia.

Durante estes 4 anos traballamos na sinalización do casco vello, e ,activouse plataforma dixital na que se pode descargar a información.

A Asociación Costa dos Castros arranxou as mesas ilustrativas da Ruta Máxica.

Mais, a miña ilusión é por en valor os elementos do concello e actividades para que tamén o propio pobo coñeza o que temos.

É fundamental recuperar o entorno do petróglifo do Barco do Río Vilar, da man coas comunidades de montes e da administración conseguir fondos para potenciar rutas de sendeirismo, e sinalizar os recursos ( pozo do arco en Burgueira, pozas de Mougás, de Loureza, calzadas antigas, etc)

Vimos de recibir unha subvención para pór en marcha unha ruta circular que parte do Mosteiro , pasando por Pedornes e volvendo cara Santa María de Oia.

Temos previsto crear unha ruta no monte da Valga cara os muíños do Calán, e, estamos avanzando na adquisición do terreo do antigo Camping para a posta en valor e acceso ás salinas romanas.

-A finais de maio  o Concello deu a coñecer que contaba cun convenio da Xunta de Galicia de 80.000 euros que xunto co remanente do concello investiríase en mellorar o entorno do antigo camping “Pedra Rubia” para un aproveitamento recreativo. Un terreo  no entorno dunhas salinas romanas e do camiño portugués. En que situación se atopa este proxecto?

Ao concello interésalle e ten os recursos para adquirir ese terreo, a nosa posición foi clara.

Xa está confirmado, por parte do propietario, de que non vai haber problema. Nos tramitamos a dispoñibilidade do remanente (120.000€)e máis o convenio (80.000€),e agora a propiedade ten que presentar a documentación para proceder á parcelación.

-E falando de valor patrimonial, un dos bastións deste concello, é o Mosteiro de Santa María Ben de Interese Cultural. Na actualidade  como se atopa o convenio urbanístico que foi asinado en 2011 que definiría o proceso para dar encaixe ao proxecto do mosteiro?

Coa nova lei ese convenio xuridicamente xa non ten efecto, o importante é que por parte do novo equipo de goberno e do propietario hai vontade para levar o proxecto adiante.

Hai que avanzar na modificación das normas subsidiarias formulando un procedemento de adaptación cubrindo as necesidades dos servizos.

-Oia como o resto do país estase a ver afectada pola rápida extensión da praga da avespa velutina Para combatela o concello ven de repartir  trampas, que acollida está tendo esta medida  e cales están sendo os seus resultados?

Repartimos trampas, posto que é un sistema que funciona moi ben, e imos repartir máis porque hai tanta avespa velutina agora mesmo que hai que dar unha saída á praga. Dámoslle prioridade aos apicultores coa problemática que agora tamén os niños están na propia terra e iso é moi perigoso.

Logo no concello temos 2 pértigas e mercamos produtos para darlle solución canto antes.

-A compostaxe é un método para xestionar os residuos orgánicos. Está previsto que en 2023 sexa obrigatoria. Como está sendo a campaña actual de compostaxe no Concello?

Temos instalado un composteiro comunitario no colexio desde o ano pasado, funcionando moi ben, e tamén temos outro compartido con varios concellos.

Fixemos entrega esta semana pasada de 20 composteiros individuais e temos máis preparados para as novas solicitudes, xa que está aberto o prazo até o 31 de agosto.

Está solicitada, a súa vez, a valoración para a contratación dun técnico de medio ambiente para avanzar na concienciación e de alternativas que se poidan implementar no concello. (punto limpo, recollida de envases lixeiros, recollida de cartón que xa non é de balde….)

-Como pensa que van ser as relación entre o Concello e a Deputación de Pontevedra?

Agardo que ben, dentro do respecto institucional, dentro do respecto a Oia, será recíproco, atendendo como debe ser a obriga das Deputacións, aos pequenos e medianos concellos.

As dificultades de mobilidade en concellos rurais como o de Oia, poden provocar que baixe o número de poboación nas zonas máis afectadas. De que maneira  se pode implicar o concello nesta problemática?

É un tema moi complicado porque somos poucos habitantes e o servizo de transporte ten un custe.

Hai un plan de transporte que aquí entrará en vigor en novembro e temos unha serie de demandas por parte do concello e hai que buscar un equilibrio.

Doado non é, porque como pasa co servizo actual hai moi pouca dispoñibilidade e autobuses (moi grandes), e como consecuencia pouca demanda e non se amortiza o gasto.

Temos tamén problemas co transporte escolar, pois o alumnado de bacharelato e ciclos non o teñen subvencionado. No orzamento aprobado en pleno, vai unha axuda aprobado para pais de estudantes en bacharelato para colaborar nos gastos.

-O glisofato é un herbicida que foi cualificado pola Organización Mundial da Saúde como probablemente canceríxeno para a saúde dos humanos. Hai unhas semanas volvía pasar unha camioneta non identificada fumigando con este produto as cunetas de gran parte da comarca do Baixo Miño, e , do Concello de Oia. Van impulsar algún tipo de medidas para impedir que se volva fumigar este herbicida no concello?

Xa está trasladado , neste caso a quen fai a labor de mantemento, que no concello de Oia non queremos que se aplique o glifosfato. Entendemos que o custe é bastante maior, pero, este ano entrou por rexistro unha solicitude e non nos dimos de conta, esperamos que vaian buscando solucións alternativas tamén a nivel estatal.

O Concello de Oia organizou o pasado ano unha visita a Abegondo para coñecer de primeira man o sistema de depuración a través de plantas macrofitas ou acuáticas. Na súa opinión, este sistema sería o axeitado para as parroquias de Oia?

Paréceme que é unha boa solución ecolóxica e eficiente para determinados núcleos pequenos e illados.

Na zona da costa , que xa existe unha parte con saneamento, este sistema non se pode executar, pero en núcleos de pouca poboación e dispersos e que non exista contaminación de pluviais.

Moitas grazas Cristina